Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de marzo de 2022

As 764 licenzas urbanísticas concedidas durante o ano pasado permitiron mobilizar 135 millóns de euros de investimento privado

O Concello creará un aparcadoiro público no parque de Adolfo Suárez con 203 prazas

O Goberno municipal reforzará a quenda de noita da Policía Local destinando máis efectivo ao control do ocio nocturno

O Concello da Coruña creará un aparcadoiro público no parque de Adolfo Suárez. Esta nova infraestrutura contará con 203 prazas e dará servizo ás persoas usuarias do centro Padre Rubinos, das instalacións deportivas de San Pedro de Visma e do propio parque. Ademais, o novo aparcadoiro, nunha zona cunha gran demanda de prazas, contribuirá  a aliviar a falta de estacionamento.

A alcaldesa, Inés Rey, explicou os detalles do proxecto tras a súa aprobación esta mañá na Xunta de Goberno Local. O aparcadoiro contará con 203 prazas, das que tres serán de mobilidade reducida e 17 para motocicletas. Ademais, está proxectada a creación dunha explanada de formigón de 1.100 metros cadrados para usos múltiples, e que servirá desde estacionamento de autobuses ata de espazo para a  realización de eventos.

As obras teñen un prazo de execución de 6 meses e contan cun orzamento de 578.385 euros, sufragados case na súa totalidade pola Fundación Amancio Ortega.

Os traballos incluirán a execución do firme coa organización de áreas con beirarrúas e calzada nunha plataforma única, o deseño dunha nova rede de pluviais e saneamento, a construción dunha rede de iluminación e telecomunicacións, a creación dunha rede de abastecemento, a colocación de sinalización horizontal e de 71 árbores semellantes aos existentes no parque de Adolfo Suárez para manter unha imaxe de continuidade na zona.

O acceso a este novo aparcadoiro, delimitado polo parque de Adolfo Suárez, Padre Rubinos e o colexio Calasancias, atoparase na rolda de Outeiro, á altura do punto limpo municipal. "Este aparcadoiro dotará a toda a zona de estacionamento, que na actualidade é inexistente nas proximidades. Trátase dunha necesidade cidadá que con esta actuación buscamos satisfacer, tamén co obxectivo de eliminar o aparcamento irregular na contorna en días puntuais", apunta Inés Rey.

Licenzas

Por outra banda, o Goberno municipal aprobou na xunta de goberno novas licenzas. Entre elas, a máis destacada é a que permitirá a posta en marcha dunha residencia para persoas discapacitadas na rúa da Nosa Señora do Rosario, na Cidade Vella. A alcaldesa destacou que no 2021 o Concello concedeu un total de 764 licenzas, fronte ás 729 do 2020 e as 679 do 2019. Ditas licenzas outorgadas o pasado ano supuxeron a posta en marcha de obras na cidade por máis de 135 millóns de euros.

As licenzas de obra permitiron a construción de 460 novas vivendas e 128 a través da rehabilitación integral, en total 688 novas vivendas fronte as 604 de 2020. "Estes datos poñen de manifesto que a cidade avanza e recupera o seu impulso económico, xa que todas as obras xeraron postos de traballo na cidade", sinalou Inés Rey.

Quenda de noite da Policía Local

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a reorganización do quenda de noite da Policía Local. "Esta reorganización da resposta á necesidade de contar con máis efectivos naquelas horas do día na que se rexistra unha maior demanda", apuntou Inés Rey. Os axentes da quenda de noite pasarán de 52 a 60.

Desta forma posibilitarase unha mellor vixilancia nos barrios en horario nocturno e ampliarase tamén o dispositivo de control das zonas de ocio nocturno para contribuír a facilitar o descanso dos veciños. "A presenza de axentes adaptarase sempre en función das circunstancias e das necesidades, mais deste xeito atendemos unha demanda cidadá de reforzo da seguridade nos momentos de maior demanda de presenza policial", sinalou Inés Rey.

Plusvalías

A xunta de goberno tamén aprobou a proposta de Ordenanza de Incremento de Valor de Terreos de Natureza Urbana, as coñecidas plusvalías. Desde agora, aquelas persoas que demostren a falta de incremento de valor dun ben na súa transmisión non terán que aboala. No resto dos casos, mantense a fiscalidade tal e como estaba. A Coruña continuará tendo o tipo impositivo máis baixo de todas as cidades galegas, o 17,33%.

"Mantéñense tamén as bonificacións aprobadas por este Goberno no ano 2020, que supuxeron tamén unha notable rebaixa para as rendas máis baixas, no caso de transmisión do ben por falecemento cando o ben é a residencia habitual. Neste caso as bonificacións chegan ata o 95%", apuntou Inés Rey.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión