Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Seguridade cidadá

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

29 de xaneiro de 2019

O goberno local mellora a cobertura das quendas do servizo de extinción de incendios, que contarán cun maior número de efectivos "para dar resposta a unha demanda histórica do corpo de bombeiros"

A concelleira Rocío Fraga destaca que A Coruña é o primeiro municipio de Galicia en recoñecer o nivel C1 e insta ao resto de concellos a seguir a súa estela, ademais de solicitar á Xunta que poña en marcha unha normativa autonómica de coordinación de emerxencias e ao Estado a facer o propio cunha lei marco

A área municipal de Seguridade Cidadá ampliará o número mínimo de bombeiros en cada quenda de traballo e inicia unha mellora nas condicións dos e das traballadoras deste servizo, tanto no nivel laboral como nas compensacións por perigosidade. A concelleira responsable, Rocío Fraga, considerou esta mañá que este acordo, ao que se chegou tras un traballo conxunto co cadro do persoal do Servizo municipal de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) e as centrais sindicais, "muda substancialmente tanto a calidade do servizo como do traballo do persoal do mesmo". A proposta, que, como indicou a edil, consta de tres partes "irrenunciables e vinculadas entre si nas que tanto o goberno local como o servizo e os sindicatos adquiren compromisos" vén dar resposta a varias "demandas históricas do corpo de bombeiros". Así, elévanse os mínimos de persoal de cada quenda, recoñécese o nivel C1 dentro da administración local e invértese o complemento de perigosidade, que actualmente é máis elevado para os postos de mando, cando "nas categorías inferiores é onde se corre máis risco debido ás intervencións", apuntou a edil.

Deste xeito, as quendas mínimas co corpo de bombeiros pasan de 11 a 15 persoas, das que dúas serán persoal en control, dúas para condución, oito bombeiros ou bombeiras, dous cabos e unha xefatura de quenda. Con este cambio, segundo a concelleira, "garántense dúas saídas completas en cada quenda en condicións de seguridade e calidade do servizo, ao tempo que se integran funcións e diferentes actividades do persoal do parque dentro dunha mesma quenda". O acordo supón a realización de 65 quendas anuais, sete máis das que se fan na actualidade, por parte do cadro de persoal. Para poder chegar a este acordo, o cadro de persoal do SEIS acepta distintas condicións no marco deste sistema de traballo, que supón unha nova planificación de libranzas e de organización no caso de posibles baixas temporais. Ao fío, a concelleira lembrou que o goberno local incorporou na última oferta pública de emprego a convocatoria de 9 prazas --BOP do 15 xaneiro de 2019--, "imprescindible para facer o incremento dos mínimos de quenda, dotar de maior recursos ao parque e que supoña así o menor esforzo posible para os efectivos actuais".

Por outra banda, o acordo dá resposta a outra das demandas "xustas e lexítimas do corpo", segundo as cualificou Fraga, como é o paso da categoría administrativa C2 a C1 "que arrastra, ao ser un corpo xerarquizado, o paso dos mandos que actualmente teñen categoría C1 a B ou A2", e que até agora, ante a falta de lexislación estatal e autonómica, mantén aos bombeiros "nunha das categorías máis baixas da administración desde hai anos". "O SEIS é un servizo integral, alén da propia extinción de incendios. É persoal técnico de emerxencias, o que supón un maior nivel de esixencia, o que implica, pola súa vez, un incremento da especialización e unha mellora continua da súa capacidade profesional", explicou Fraga. Así, o Concello procederá ao barrado dos postos na RPT no mes de febreiro. De seguido, avanzará na incorporación de membros no cadro de persoal e dará paso a un proceso de promoción interna mediante concurso-oposición, que se realizará en dous exercicios orzamentarios. A primeira será este 2019, para facilitar a subida de categoría dos mandos C1 a A2 e a metade, aproximadamente, de C2. A segunda fase do proceso terá lugar no ano 2020. Outra das novidades acordadas polo goberno local, corpo e sindicatos está vinculada ao complemento de perigosidade. "As persoas que entran nun lume ou emerxencia son as que teñen valorada a perigosidade máis baixa, e que se incrementa en función do ascenso na escala, pero isto está invertido. Debería levar unha traxectoria inversa á que ten na actualidade", explicou Fraga, quen lembrou que esta cuestión tamén afecta á Policía Local. Neste sentido, a concelleira aseverou que o goberno local incorporará este compromiso, que afecta aos dous corpos, no acordo marco que actualmente se está a negociar na Mesa Xeral de Negociación "antes da finalización deste mandato"

"Estamos a falar dun acordo histórico e pioneiro, que propón melloras substanciais para o parque de bombeiros da Coruña, que é o que conta coa mellor equipación de Galicia, a través de medidas específicas que solventan unha débeda cun colectivo ben valorado e recoñecido pola sociedade, pero que precisa unha lexislación propia que regule a súa situación", explicou Fraga, quen lembrou a necesidade de contar unha normativa estatal que recolla este tipo de acordos, á vez que instou á administración autonómica a asumir responsabilidades lexislativas. "A Xunta debe coordinar as emerxencias como servizos públicos, converter en públicos os parques que están privatizados e comarcalizalos para poder garantir un servizo máis eficiente á cidadanía", aseverou a edil.

A concelleira estivo acompañada na presentación do acordo, que tivo lugar no Parque de Bombeiros da Coruña, polo coordinador da área de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, e membros do grupo de traballo do SEIS co que se elaborou a proposta. O bombeiro municipal Quico Leira, quen recoñeceu o traballo feito estes meses por todas as partes, cualificou como "moi positivo" o acordo para o colectivo, "ao que por fin se lle dá resposta a demandas históricas, como o paso a C1 ou a perigosidade". "Cambian e melloran as condicións tanto como traballadores, como do servizo que imos prestar á cidade. Imos ofrecer dúas saídas completas, traballar en condicións de seguridade e dar resposta a máis dunha emerxencia á vez", salientou Leira.

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?