Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de agosto de 2019

O servizo de salvamento atendeu 452 persoas, máis da metade por feridas superficiais e picaduras de escarapote

Con respecto ao ano pasado, as e os socorristas realizaron catro rescates fronte aos 13 do ano pasado e, polo de agora, non houbo persoas afectadas por abrasión solar nin por golpes de calor

O servizo de salvamento e socorrismo asistiu no que vai de verán un total de 452 persoas nas praias coruñesas, máis da metade por feridas superficiais e picaduras de escarapote. Pola primeira causa, asistiron un total de 129 persoas, mentres que por escarapote foron 100 as que acudiron aos postos de socorrismo. Do resto de actuacións, súmanse 62 asistencias por cortes, 19 por picaduras de insectos, 14 por rozaduras e 13 por mor de traumatismos. Tamén atenderon 12 persoas mareadas, 13 con feridas por obxectos punzantes e nove por danos oculares. Desde o 15 de xuño realizáronse un total de catro rescates, cinco persoas perdéronse da súa xente polos areais, mentres que 28 tiveron que ser trasladadas. Tres recibiron asistencia en servizos externos ás praias. Outras causas menores de atendimento foron por bochas (tres) e hemorraxias (unha) e 37 catalogáronse dentro de "outras incidencias". Por outra parte, non se rexistrou ningunha vítima por golpe de calor, perda de coñecemento, parada cardiorrespiratoria, mordedura de animal, escordadura ou abrasión solar.

Por quincenas, na segunda de xuño sumáronse 42 asistencias, que se triplicaron na primeira de xullo ata chegar ás 132. A segunda quincena de xullo foi na que se atenderon máis persoas usuarias, un total de 159, que baixaron nesta primeira de agosto ás 119.

Respecto do ano pasado, en 2018 foran 709 fronte ás 452 persoas que leva atendidas ata o de agora o cadro de persoal de salvamento. En canto ao tipo de lesións, se no verán pasado tiveran que socorrer 256 persoas por cortes, este ano levan 62 por causa deste motivo, ao contrario que as picaduras de escarapote que aumentaron de 65 (2018) ás 100 actuais a falta de máis dun mes de servizo, xa que as e os profesionais non marcharán dos areais ata o 27 de setembro. Outra cifra rechamante é a dos rescates, xa que pasaron dos 13 do anterior verán aos catro de 2019.

A mala climatoloxía é un dos factores a ter en conta no rexistro. Proba está en que este ano non houbo asistencias por abrasión solar e en 2108 déranse 67 persoas afectadas. Tamén dúas padeceran un golpe de calor, mentres que este ano non se tivo que atender ningunha por esta razón.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión