Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de xaneiro de 2019

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

Dende as 07.00 horas do día 18 até as 07.00 horas do 20 de xaneiro

DETIDO POR UN DELITO DE INTIMIDACIÓN

- Ás 19.30 horas do día 18, unha patrulla da Policía Local que estaba a realizar funcións de vixilancia da Seguridade Cidadá foi comisionada pola Sala do 092 para que se trasladase á Avenida de Finisterre, onde ao parecer tiña lugar unha liorta entre dúas persoas. Unha vez alí, a dotación policial foi requirida por un home, o cal indica que deixara estacionado o seu vehículo na citada rúa para acceder posteriormente ao interior dun local comercial. Ao saír deste observa a unha persoa no interior do coche, que está a substraer diversos obxectos. Ao ser sorprendido, o home comeza a enfrontarse ao dono do vehículo,  facendo ademan de coller algo dun peto, á vez que lle ameaza. Acto seguido comezou a liorta entre ambos, podendo apreciar o dono do coche que o outro home portaba unha navalla aberta nunha man, tratando de agredirlle con ela á vez que seguía ameazando. Nun momento ao agresor cáelle a navalla ao chan, e procede a devolver os obxectos que pretendía roubar. Ao pouco, un viandante que pasaba pola zona procedeu a mediar entre eles, levándose ao agresor ao interior dun bar próximo, á espera da chegada dunha dotación policial. Os axentes observaron que o vehículo presentaba danos no seu interior, e que, xunto ao mesmo, había unha navalla aberta tirada no chan. Por todo isto procédese á identificación e detención desta persoa, informándolle dos motivos da mesma así como os dereitos que lle asisten conforme á Lexislación Vixente. Trátase dun home de 45 anos, veciño da localidade de Carral, que foi denunciado ante o xulgado de garda por un delito de roubo con violencia e intimidación.

DETIDO POR UN CONCURSO DE TRES DELITOS: DELITO DE ROUBO CON FORZA EN ESTABLECEMENTO, SUBTRACIÓN DE  VEHÍCULO A MOTOR E RESISTENCIA A AXENTES DA AUTORIDADE NO EXERCICIO DAS SÚAS FUNCIÓNS

- Ás 02:45 horas do día 19, unha patrulla da Policía Local que estaba a realizar funcións de vixilancia da Seguridade Cidadá observou que na rolda de Outeiro había un vehículo estacionado nunha posición estraña, en dobre fila diante dun local de hostalería, polo que deciden achegarse ao mesmo. Nese momento o condutor, que se atopaba no interior, arrinca de forma acelerada, en dirección á  zona dos Rosales, á súa vez que do local comercial saen dúas persoas que arroxan ao chan uns obxectos que portaban nas mans, dándose á fuga á carreira. A patrulla dá aviso a outras dotacións policiais, procedendo a actuante a perseguir o vehículo que se deu á fuga (o cal comproban, a través da placa de matricula, que figuraba como subtraído desde hai 12 días) e interceptándoo na rúa Simón Bolivar, despois de que o condutor perdese o control do mesmo e impactase contra un bordo de formigón. O home sae a carreira do coche e, para evitar ser retido, empurra a un dos polícias, que cae o chan, e emprende de novo a funxida a pé campo a través, pero é interceptado por outro axente á altura da Estrada dos Fortes. Esta persoa, que porta unhas luvas de traballo, mostra unha forte resistencia a ser retido e reducido.

Tras realizar unha inspección ocular no interior do vehículo, localízase un obxecto que aparenta ser parte dalgunha máquina expendedora ou contadora de billetes, así como un desaparafusador no asento dianteiro. A dotación volve ao lugar de orixe dos feitos, onde se atopa outra patrulla, e comproban que diante do local hai varios obxectos tirados, xunto cunha gran cantidade de moedas e algúns billetes, e que o enreixado de entrada do local estaba forzado, a porta de entrada ao mesmo tiña o cristal roto e a máquina comecartos tamén estaba forzada (atopan xunto á mesma unha pata de cabra e unha maza). Por todo isgo procédese á identificación e detención desta persoa, home de 45 anos e veciño da cidade, informándolle dos motivos da mesma así como os dereitos que lle asisten conforme á Lexislación Vixente, ao que denuncian ante o xulgado de garda por un concurso de tres delitos: delito de roubo con forza en establecemento público, subtracción de vehículo a motor e resistencia aos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións. Queda custodiado en dependencias policiais á espera da súa posta a disposición xudicial, e das investigacións que se poidan realizar para tentar localizar ás outras dúas persoas presuntamente implicadas nos feitos.

Os policías actuantes que resultaron lesionados durante a intervención foron atendidos nun centro santitario. A Policía Local, tras realizar varias xestións, localizou aos propietarios tanto do local comercial coma do vehículo substraído, aos que informaron dos acontecementos e dos trámites a seguir para formular as denuncias correspondentes.

ACCIDENTE DE CIRCULACIÓN CON FERIDOS

- Ás 05:13 horas do día 20 na rúa Oidor Gregorio Tovar, á altura do número 9, prodúcese un accidente da clase atropelo, no que se atopan implicados un turismo da marca Mercedes e unha transeúnte, a cal resultou ferida de carácter leve. Esta foi atendida no lugar por unha ambulancia do 061 e, posteriormente, foi trasladada até uxencias do CHUAC. Ambas persoas implicadas sométense ás correspondentes probas de alcoholemia, arroxando o condutor do vehículo 0,60 e 0,63mg/ litro de aire expirado, e a viandante 0,73mg/litro de aire expirado.

CONTROIS PREVENTIVOS DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

- Un condutor denunciado porr un delito contra a seguridade viaria ao dar positivo na proba de alcoholemia (alcoholemia penal), detectado ás 23:30 horas do día 18 en Alcalde Suárez Ferrín, cando unha dotación deu o alto a un turismo da marca e modelo Peugeot 2008, cuxo condutor presentaba signos de atoparse baixo a influencia de bebidas alcohólicas. As probas as que foi sometido o home, de 59 anos, arroxaron un resultado positivo (1,03 e 1,03 mg/ l), motivo polo que se lle tramitan dilixencias ao Xulgado, polo procedemento de xuízo rápido. Do vehículo fíxose cargo un condutor alternativo.

- Un condutor denunciado por un delito contra a seguridade viaria por conducir cunha perda total de puntos do permiso AM, detectado ás 23:40 horas do día 18 na rúa Orzán, cando unha dotación deu o alto a un turismo da marca e modelo Volkswagen Polo. O seu condutor é un home de 22 anos e veciño da Coruña, o que se lle tramitan dilixencias ao xulgado, polo procedemento de xuízo rápido. O vehículo foi inmobilizado

- Un condutor denunciado por dar positivo na proba de alcoholemia (alcoholemia administrativa) detectado ás 5:50 horas do día 19, cando unha dotación deu o alto a un turismo que circulaba pola avenida Pedro Barrié de la Maza, apreciando que o seu condutor, un home de 28 anos, presentaba signos de ter inxerido bebidas alcohólicas. As probas que lle realizan dan resultado positivo (0,63 e 0,63 mg/ l), polo que podería ser sancionado con 1.000 € e a retirada de 6 puntos do permiso de conducir. Do vehículo fíxose cargo un condutor alternativo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión