Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de xuño de 2017

A boxeadora Marta Brañas será a encargada de prender, á media noite de mañá, a falla da praia de Riazor, ao que seguirá o espectáculo pirotécnico e o último dos catro concertos na explanada aledaña, Muchachito Bombo Infierno

O alcalde salienta a implicación e o traballo transversal do dispositivo de San Xoán, ·para que esta festa popular poida combinar a diversión nas praias, prazas e barrios coa seguridade e o coidado ambiental"

Xulio Ferreiro repasou o operativo completo para a noite de mañá, que conformarán un total de 596 persoas e que implica a varias concellerías, e chamou á veciñanza a ter “precaución e sentidiño” ante unha xornada con mareas vivas e preamar durante a madrugada

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, fixo repaso este xoves do dispositivo municipal para a noite de San Xoán, "unha das festas principais da cidade", e que, como dixo, responde "ao traballo transversal de varias concellerías durante meses e de moitas persoas implicadas para que esta festa popular poida combinar sen problemas a diversión nas nosas praias, prazas e barrios coa necesaria seguridade e co coidado ambiental". Neste sentido, o rexedor apelou a unha maior "precaución e ao sentidiño de todas e todos", ante a previsión de mareas vivas e preamar durante a madrugada, que pode facer desaparecer os areais arredor das 05.00 horas, especialmente o do Orzán, "o que nos leva a prestar especial atención á necesidade de coidar a festa e a cidade, o noso entorno". Como indicou, durante unha comparecencia na que estivo acompañado das concelleiras de Medio Ambiente, María García, e Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e dos concelleiros de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, o dispositivo estará composto por un total de 596 persoas. Delas, 390 efectivos conformarán o operativo de seguridade, entre Bombeiros e grupo de rescate acuático, Policía Local e Nacional, Protección Civil, vixilancia privada para os accesos ás praias e os aseos públicos, Cruz Vermella, Urxencias Médicas e o persoal do centro móbil de coordinación e vídeo-vixilancia. Completan o equipo as 140 persoas integrantes do servizo de limpeza e as 66 do operativo ambiental. Haberá, ademais, un posto sanitario medicalizado no Paseo Marítimo, un posto médico e un centro de coordinación de incidencias, ademais de dous puntos sanitarios e 13 ambulancias medicalizadas operativas. A todas as persoas que traballarán durante esa noite e o día seguinte, Ferreiro agradeceu esta mañá "a implicación e traballo, para que a festa poida terse nas mellores condicións e por permitir ao resto da xente, veciñanza e visitantes, ter a oportunidade de gozar dunha noite importante para a cidade".

O operativo dará comezo arredor das 07.30 horas de mañá venres, hora en que se poderá empezar a baixar material ás praias. Desde as 09.00 horas do día 23 péchase a Coiraza, para a montaxe do centro de control, e ás 12.30 horas iniciarase o simulacro desde o centro de coordinación da Coiraza, que consistirá nun rescate acuático por unha incidencia no mar, coa colaboración do Helimer e de todos os servizos de seguridade e emerxencias. A partir das 19.00 horas, o tráfico quedará cortado ao Paseo Marítimo, o que afectará a sete liñas de autobús, como son a 3, 3A, 4, 6, 6A 7 e 11, e media hora máis tarde comezará o reparto gratuíto de madeira.  Ás 20.30 horas, na explanada de Riazor, está previsto que comece o primeiro dos catro concertos organizados, que se adiantan sobre o horario previsto para graduar as aglomeracións que poidan darse no Paseo. A esa hora tocará Mar de Fondo, a quen seguirá, desde as 21.45 horas, Yul, que dará paso a Tregua, ás 23.00 horas. Unicamente o último dos concertos comezará pasada a queima da falla, que como salientou hoxe o alcalde, será acendida por Marta Brañas, "coruñesa de Arteixo e a primeira boxeadora campioa profesional do Estado". A continuación terá lugar o espectáculo pirotécnico, ao que seguirá a actuación de Muchachito Bombo Infierno, que empezará ás 00.15 horas para rematar antes das 02.00 horas.  

Desde as 22.00 horas, como vén sendo habitual nos últimos anos, quedará prohibido o baño nos areais, que poderán empezar a desaloxarse, en función da suba da auga, a partir das 03.00 horas, para dar paso, desde as 06.30 horas, ao inicio do dispositivo de limpeza con maquinaria, de cara a poder pechar o operativo arredor das 09.00 horas do día 24.

En canto aos servizos de Salvamento e Socorrismo que se despregarán, como indicou o alcalde na súa comparecencia, o equipo contará con 8 socorristas para controlar  nas praias de Riazor e o Orzán e tamén, mantendo a ampliación posta en marcha o ano pasado, As Lapas e Oza. O equipo contará tamén con 2 patróns de embarcacións, 2 embarcacións, un coordinador, un médico, un auxiliar de enfermería e un técnico. Ademais, este ano, como medida de reforzo informativo con motivo da previsión de preamar e mareas vivas durante a noite, colocarase na propia praia do Orzán sinalización con elementos informativos onde se indicará a previsión do nivel que alcanzará o mar a distintas horas da madrugada, e delimitará esa liña con cintas para que as persoas que estean situadas neses espazos ao longo da tarde e as primeiras horas da noite poidan abandonalos con total seguridade antes de que chegue a auga. A maiores, como indicou Ferreiro, o Goberno local tamén seguirá en todo momento o que aconteza na cidade, fóra das praias. A ese fin, haberá catro reténs de bombeiros que se situarán na Zapateira-Feáns, Bens-Rosales-Visma, Elviña-Eirís, e a Torre de Hércules e a súa contorna natural, espazo no que non se permitirá ningún tipo de lume, nin tan sequera no merendeiro das Lapas, aínda que si no areal.

Ruada das Xoubas   

Se ben a noite do 23 é o día grande do San Xoán, desde o pasado 16 comezaron as actividades vinculadas, a través da Ruada das Xoubas, que inclúe a programación escénica para público infantil e familiar, e que terá a súa gala final durante a xornada do 24 na praza de María Pita, con actuacións, xogos e música desde as 11.00 horas e ata pasadas as 20.30 horas, na que terá lugar a actuación de peche, a cargo de Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc. Nestes días, a programación pasou xa polo parque de Oza, a praza das Conchiñas, San Pedro de Mezonzo, Palavea, a praza de Pablo Iglesias, o parque de Santa Margarita, Paseo das Pontes, Campo da Leña e a praza de Pescadores, e esta tarde levará as actividades á praza das Bárbaras e Novo Mesoiro, con espectáculos, en ambos os dous casos,  ás 18.00 e as 19.00 horas.

Tamén, o rexedor recordou esta mañá as accións informativas e de promoción desenvolvidas para dar a coñecer o San Xoán e lembrou que toda a información está dispoñible na web www.sanxoancoruna.es, onde se inclúen tamén os contidos relacionados co programa Móllate e as recomendacións ambientais.

San Xoán Sostible

Tal e como indicou o alcalde, o Goberno municipal da Coruña desenvolve, desde o verán de 2015, un Plan de Eventos Sostibles no que está a traballar no eido da prevención e da sensibilización, á fin de acadar eventos máis sustentables e de maior calidade para todas e todos. No marco desta liña de traballo, o San Xoán é, desde o ano pasado, unha das prioridades do executivo local, que está a realizar distintas accións de sensibilización fundamentalmente a través do programa Móllate!, para facer un chamado á corresponsabilidade cidadá, "á hora da redución e reciclaxe de residuos, e minimizar así o impacto que a celebración desta festa da veciñanza supón sobre o patrimonio natural da Coruña", expuxo Ferreiro.   O rexedor lembrou que este ano o dispositivo ambiental San Xoán Sostible ten presente unha "circunstancia engadida" desta celebración, "como é a marea viva da madrugada", polo lembrou que todo o lixo que non se recolla antes da suba da auga "irá directamente ao mar". "Por seguridade tanto do persoal do servizo de limpeza, como da cidadanía que se atope na praia, a maquinaria non accederá até as 06.30 horas da mañá, polo que pregamos que a veciñanza recolla e deposite os seus residuos nos contedores que estarán debidamente sinalizados con lonas e bandeirolas nos accesos aos areais", pediu.  

"Por mor destas mareas vivas, este ano non haberá contedores nas praias, senón que todos estarán situados nos seus accesos, así como ao longo do Paseo Marítimo", insistiu o primeiro edil. Serán 15 grandes infraestruturas de recollida de residuos, unha por praia --San Amaro, Lapas, Oza e Matadoiro-- e 11 situadas entre Riazor e Orzán. Estas illas contarán con 15 colectores de grande capacidade --7 metros cúbicos cada un--, cun reforzo aproximado doutros 50 nos pasos peonís do Paseo; ademais de 15 contedores de vidro que se instalarán a través da colaboración con Ecovidrio. "Haberá 15 monitoras e monitores para sensibilizar sobre a separación do mesmo, e repartirán rascas con agasallos entre aquelas persoas que depositen os seus refugallos neste espazo", lembrou. Para incidir na redución de residuos no evento, este ano o Goberno local tamén conta coa colaboración de Gadisa e Vegalsa-Eroski, que están a repartir estes días nos seus establecementos na cidade unhas 100.000 bolsas de papel, no lugar de plástico, para minimizar a posible chegada deste material ao mar.

Estas illas de reciclaxe tamén servirán como punto de referencia á hora da instalación de máis de 50 wc's portátiles, que se sumarán aos baños de Riazor e á batería que haberá na zona da Coiraza do Orzán. Xunto a estas grandes infraestruturas de depósito de residuos, tamén estarán situados os puntos de reparto de leña promovidos polo Concello. Serán, en total, 150 toneladas de madeira sen tratar con produtos químicos, e que comezarán a repartirse entre a cidadanía desde as 19.00 horas. O alcalde convidou á veciñanza a empregar esta leña "polo coidado da praia e do medio ambiente", e lembrou que, tal e como indica o Bando Municipal emitido polo Concello, "non se poderán baixar aos areais mobles, voluminosos, madeiras que leven cravos ou puntas, nin aqueles materiais que desprendan produtos tóxicos".

Por outra banda, este ano tamén terá continuidade o proxecto piloto das Praias Vivas, espazo sen lixo nos areais, que amplía a súa superficie, chegando --ademais do Matadoiro-- a Riazor. Nestes espazos, que estarán sinalizados, haberá 19 axentes ambientais informando a veciñanza, coa finalidade de acadar o Obxectivo Residuo Cero. Entre outras medidas, e tamén como novidade e na mesma liña orientada á redución de plásticos, o Concello facilitará nestes espazos uns 4.000 vasos reutilizables, os Ecovasos.  

Finalmente, unha novidade deste San Xoán será a creación dunha zona de estancia para persoas con mobilidade reducida na praia de Oza, para quen así o desexe poida festexar tamén nos areais o San Xoán. A intención, segundo avanzou o rexedor, é ampliar esta proposta o ano que vén a Riazor, "sempre e cando a situación do mar así o permita".

Dispositivo de limpeza

Para as tarefas de limpeza con maquinaria do día 24 --que comezarán ás 06.30 horas--, formaranse dous equipo. O primeiro grupo iniciará os traballos tanto no Paseo Marítimo como no areal de Riazor para continuar posteriormente no Orzán e Matadoiro. Neste continxente participarán 105 persoas que contarán con 9 tractores, 3 camións con gancho, 3 palas mixtas, 2 camións recoletores, 1 furgón, 8 barredoras, 3 baldeadoras, 3 alxibes e 1 vehículo 4x4. No resto de praias, un equipo de 23 persoas contará con 2 tractores, 1 alxibe, 1 camión recoletor, 1 vehículo 4x4 e 4 furgóns. Unha vez rematen os labores de limpeza nas praias, os medios concentraranse no Orzán, co obxectivo de finalizar a tarefa o antes posible e, desde modo, habilitar de novo o uso da praia á veciñanza. Ambos grupos disporán, ademais, de 12 persoas de apoio.

Ademais destes continxentes, tal e como sinalou Xulio Ferreiro, o Concello contará con reténs de limpeza tanto pola tarde como pola noite. Haberá igualmente equipos pola tarde e pola noite durante a festa. Así, durante a tarde, disporase dun camión para a recollida de voluminosos situado na rampla do Orzán, e pola noite contarase con dúas brigadas para a recollida de lixo por fóra dos colectores.

Mobilidade

Igualmente, e como fixo notar o alcalde durante a comparecencia, haberá durante a noite un dispositivo especial de mobilidade, con oito liñas especiais de bus nocturno, que circulará entre as 00.30 horas e as 02.30 horas cada media hora para conectar a praza de Pontevedra cos Barrios, e que darán paso ao percorrido do Bus Búho, a partir das 03.00 horas e ata as 06.30 horas. haberá haberá servizo de Bus Buho, tamén cada media hora, cun percorrido circular por toda a cidade. Eses servizos adicionais abranguen a liña 1, que conectará o centro con Os Castros e Monelos, a través da praza de Ourense, Catro Camiños, Os Castros e o Castrillón; a liña 1A, que chegará ata Matogrande e Eirís, a través da praza de Ourense, Catro Camiños, Caballeros, Salvador de Madariaga, Pajaritas, Matogrande, Eirís, Barrio das Flores e Monelos; a liña 3, que partirá da praza de Pontevedra e circulará por Fernando Macías, Avenida da Habana, Paseo de Ronda, Gran Canaria, Labañou e Os Rosales, ata San Pedro de Visma; a liña 3A, que percorrerá de xeito circular a zona centro, desde a praza de Pontevedra ata a Cidade Vella, Adormideras e Monte Alto; a liña 6, que transitará desde praza de Pontevedra ata San José, percorrendo a avenida de Fisterra; a liña 7, que chegará ao Ventorrillo e discorrerá por Fernando Macías, avenida da Habana, Peruleiro, rolda de Outeiro e Villa de Negreira; a liña 11, que circulará ata aos Mallos a través de Juan Flórez e Pla y Cancela, Os Mallos, Vioño, avenida de Arteixo, Sardiñeira e rolda de Outeiro; e, por último, a liña 21, que conectará a praza de Pontevedra con Novo Mesoiro, a través de Ramón y Cajal, avenida de Pablo Picasso, o Birloque, o Martinete e Mesoiro. Pola súa banda, o Bus Búho terá un percorrido circular.

Recomendacións

Por último, Ferreiro recordou algunhas das recomendacións para facer da xornada de mañá unha festa segura e evitar posibles incidencias ou situacións de risco, e lembrou que a cidadanía ten a súa disposición os teléfonos de emerxencia para calquera consulta ou incidencia, como son o dos Bombeiros, 080; o da Policía Local, 092; o da Policía Nacional, 091; o de Urxencias Médicas, 061; e o de alerta xeral, 112. Nese sentido, chamou a non empregar combustibles que arden con dificultade ou que conteñen na súa composición produtos químicos, como  madeiras pintadas ou vernizadas, neumáticos, plásticos, aceites e graxas, e salientou que non se deben empregar acelerantes, xa que son incontrolables e poden causar queimaduras. Do mesmo xeito, chamou a non usar para as fogueiras voluminosos, colchóns ou outros mobles, nin madeira de obra ou mobiliario, que pode conter cravos ou grapas e materiais sintéticos, e recordou que non é necesario utilizar os colectores públicos ou carros comerciais para transportar a madeira, xa que nas praias repartirase de forma gratuíta madeira limpa para as cacharelas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión