Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de marzo de 2017

O Concello dedica un investimento de máis dun millón de euros ao servizo de extinción de incendios e salvamento, que este ano se dotará dun novo brazo mecánico de 42 metros e substituirá cinco vehículos

O alcalde, Xulio Ferreiro, presentou a Memoria de Bombeiros de 2016, "que consolida o sistema de prevención como ferramenta fundamental do servizo". No 72,8% das intervencións, os bombeiros chegaron en menos de oito minutos e no 80%, en menos de nove

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou este luns a Memoria do Servizo municipal de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), do que sinalou que conta, nos Orzamentos de 2017, cun investimento superior ao millón de euros -en concreto, 1.055.888 euros- e do que recordou que está formado por 99 membros, logo da recente incorporación de dez novos profesionais ao corpo. Para este ano, o rexedor avanzou que o servizo reforzará os seus medios materiais, cun novo brazo mecánico de 42 metros, valorado en máis de 800.000 euros, e coa substitución dun vehículo de primeira intervención e catro vehículos lixeiros, para completar os equipos dos que xa dispón, dos que salientou que "son de última xeración e permiten atender dúas intervencións completas ao mesmo tempo".

Como indicou o alcalde, que durante a presentación estivo acompañado do coordinador de seguridade cidadá do Concello, Carlos García Touriñán, e varios membros do SEIS, os datos da Memoria de 2016 elevan as intervencións do servizo de bombeiros un 22,9% respecto ao ano anterior, cun total de 1.424 actuacións desta clase durante o pasado ano, un aumento vinculado "a cuestións novidosas das que se fixo cargo o servizo, como as intervencións relacionadas coa avespa velutina, ou a que este ano comezou a rexistrarse as actuacións preventivas do grupo de rescate acuático con motivo dos temporais". Neste apartado, Ferreiro destacou que no 72,86% das ocasións, os bombeiros chegaron ao lugar da intervención en menos de oito minutos, e no 80% dos casos, en menos de nove, e apuntou que máis da metade destas actuacións resólvese en 45 minutos ou menos. A Memoria amosa que esta clase de intervencións realizáronse de forma maioritaria con carácter diúrno, en especial nas primeiras horas da mañá, e sinala os meses de xaneiro e febreiro, así como os de verán, como os de maior incidencia, por causa dos temporais no primeiro caso e dos pequenos incendios forestais, no segundo. Os meses con menor actividade foron durante o ano 2016 marzo, abril e maio. O primeiro edil deu conta dalgúns dos principais motivos de intervencións, como foron os 247 actuacións por incendios urbanos, as 177 limpezas de calzada, as 23 actuacións por choiva ou as 35 por fugas de gas, entre outras.

Por outra banda, a Memoria recolle as actuacións desenvolvidas en materia de prevención, "que é unha das principais actividades que ocupan os nosos bombeiros, e á que dedican o maior número de horas", segundo salientou o alcalde, quen observou que as cifras nesta materia mantéñense similares ao ano precedente, "o que consolida o sistema de prevención como ferramenta fundamental deste servizo municipal". Deste xeito, ao longo do ano pasado, desenvolvéronse 444 actividades, o que ocupou 6.313 horas, repartidas en actividades de formación a comunidades e empresas, simulacros, informes técnicos, ou reténs en espectáculos, entre outras. Realizáronse, nese exercicio, 83 visitas a colexios da cidade e 15 visitas máis a centros de ensino de fóra da Coruña (como Culleredo, Mazaricos, Oleiros ou Ponteceso), o que supuxo chegar a 418 alumnos e alumnas máis. Ademais,  un total de 2.140 estudantes, e 162 docentes, pasaron polas dependencias do Servizo de Bombeiros durante o 2016.

A memoria completa estará dispoñible na nova páxina municipal de Seguridade Cidadá, www.coruna.es/seguridadecidada.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión