Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de abril de 2017

O Goberno local pon en marcha unha campaña para evitar a proliferación de niños da avespa asiática na cidade, dos que leva retirados 61 desde o ano pasado

A concelleira María García salienta “o magnífico labor” que desenvolve o servizo municipal de bombeiros desde xuño 2016 neste eido, “cando a Xunta decidiu delegar nos concellos a captura da vespa velutina sen máis medios que unha charla e uns traxes”

O Concello da Coruña vén de poñer en marcha este mes de abril unha campaña de instalación de trampas para combater a posible proliferación, coa chegada da primavera, de niños da avespa asiática. A iniciativa promovida pola Concellería de Medio Ambiente diríxese especialmente á captura da avespa raíña, coa finalidade de evitar, así, a súa reprodución e o nacemento de miles de obreiras. "A velutina é unha especie invasora que supón unha importante ameaza para a nosa biodiversidade, polo que cómpre poñer en marcha iniciativas para o seu seguimento, control e erradicación", expón a edil María García. Así, desde o pasado 3 de abril, o Goberno local, está a instalar 150 trampas xeolocalizadas en distintas zonas da cidade, que permanecerán colocadas até finais do mes de maio. "A primavera é o mellor momento para levar a cabo esta acción, xa que é a época de maior actividade das raíñas, e na que os niños están crecendo", explica a concelleira, quen sinala que as trampas, as que cualificou como "moi selectivas" pois "non afectarán a ningunha outra especie de avespa ou insecto que contribúa á polinización", estarán situadas, principalmente, en camelios e outras árbores de orixe asiática, "pola memoria xenética que garda esta especie". Os dispositivos, cuxa campaña de instalación rematará mañá, martes 11, estarán situados en áreas da cidade "nas que existe un maior risco de proliferación de niños", asevera a responsable municipal, como son A Zapateira, Bens, Cidade Vella, Mesoiro, Feáns ou Cidade Xardín. A edil avanza que, unha vez remate a campaña, e grazas a xeolocalización destes trallos, o Concello poderá realizar un estudo pormenorizado da evolución do insecto por zonas.

Desde que os municipios asumiron esta iniciativa, no mes de xuño de 2016, o Servizo Municipal de Extinción de Incendios e Salvamento leva capturados 61 niños na Coruña. "A Xunta de Galicia, desbordada ante a situación de demanda, decidiu delegar nos concellos a captura desta especie, que supón unha ameza ambiental,  sen máis medios que unha charla divulgativa e tres traxes", sinala García. "Debemos poñer en valor e agradecer o magnífico labor do servizo de bombeiros coruñés durante todo este tempo, xa que, grazas a súa fonda implicación, o ano pasado capturamos 47 niños, e 14 no que levamos de 2017", explica a titular da área de Medio Ambiente, quen destaca a "rápida capacidade de resposta" dos servizos de emerxencia, "que fan efectiva a desaparición dos niños en menos de 48 horas".

O Goberno local lembra á cidadanía que, no caso de observar un niño de avespa asiática, convén afastarse e poñerse en contacto co servizo municipal de emerxencias a través do teléfono 080.

Documentos:

Monografía avespa asiática dos Museos Científicos Coruñeses (2 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión