Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de febreiro de 2021

Ingreso Mínimo Vital

Pódese solicitar desde o día 15 de xuño de 2020 ao Instituto Nacional da Seguridade Social

Ao longo de todo o Estado español fóronse configurando desde hai anos diferentes modelos de políticas de rendas mínimas, que desempeñaron un papel moi importante para a atención ás persoas en situación de vulnerabilidade; con todo, trátase de modelos moi diferentes entre si, con variacións moi substanciais no seu deseño e especialmente nos seus graos de cobertura e nivel de protección.

O principio 14 do Piar Europeo de Dereitos Sociais está dedicado á renda mínima.

A situación de pobreza e desigualdade existente en España e o incremento da vulnerabilidade económica e social, ocasionado pola COVID-19, deron como resultado a posta en marcha, con carácter urxente, dun mecanismo de garantía de ingresos de ámbito nacional. Así, recentemente aprobouse o Ingreso Mínimo Vital (IMV) como prestación económica da Seguridade Social na súa modalidade non contributiva.

Co obxectivo de evitar duplicidades para a cidadanía e para conseguir unha maior efectividade, a posta en marcha deste ingreso esixe tamén unha progresiva reordenación do conxunto de axudas estatais, cuxos obxectivos se solapan cos desta nova prestación. Este proceso de reaxuste iniciarase coa eliminación da actual prestación da Seguridade Social por fillo/a ou menor acollido/a a cargo sen discapacidade ou con discapacidade inferior ao 33 por cento. Recentemente, en Galicia, xa se empezou a reaxustar isto de oficio por parte da Administración correspondente.

En Galicia, a RISGA e o IMV -por agora- son incompatibles, non se poden cobrar ao mesmo tempo; aínda que quizais nun futuro puidesen chegar a ser dúas prestacións complementarias se se modificase a Lei de inclusión social de Galicia.

Requisitos de acceso:

1. Todas as persoas beneficiarias, estean ou non integradas nunha unidade de convivencia, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter residencia legal e efectiva en España e tela de forma continuada e ininterrompida durante polo menos o ano inmediatamente anterior á data de presentación da solicitude. Non se esixirá este requisito respecto de:

  • 1.º As/os menores incorporados á unidade de convivencia por nacemento, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento familiar permanente.
  • 2.º As persoas vítimas de trata de seres humanos e de explotación sexual, que acreditarán esta condición a través dun informe emitido polos servizos públicos encargados da atención integral a estas vítimas ou polos servizos sociais, así como por calquera outro medio de acreditación que se desenvolva regulamentariamente.
  • 3.º As mulleres vítimas de violencia de xénero. Esta condición acreditarase por calquera dos medios establecidos no artigo 23 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Para os efectos do mantemento do dereito ao IMV, entenderase que unha persoa ten a súa residencia habitual en España aínda cando tivese estancias no estranxeiro, sempre que estas non superen os noventa días naturais ao longo de cada ano natural, ou cando a ausencia do territorio español estea motivada por causas de enfermidade debidamente xustificadas.

b) Estar en situación de vulnerabilidade económica por carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes, nos termos establecidos no artigo 8.

c) Solicitar as pensións e prestacións vixentes ás que puidesen ter dereito, nos termos que se fixen regulamentariamente. Quedan exceptuados os salarios sociais, rendas mínimas de inserción ou axudas análogas de asistencia social, concedidas polas comunidades autónomas.

d) Se non están a traballar e son maiores de idade ou menores emancipados/as, figurar inscritas como demandantes de emprego, salvo nos supostos que se determinen regulamentariamente.

2. As persoas beneficiarias ás que se refire o artigo 4.1.b) e o artigo 6.2.c) deberán vivir de forma independente durante polo menos tres anos antes da solicitude do ingreso mínimo vital.

Entenderase que unha persoa viviu de forma independente se permaneceu en situación de alta en calquera dos réximes que integran o sistema da Seguridade Social durante polo menos doce meses, continuados ou non, e sempre que acredite que o seu domicilio foi distinto ao das súas persoas proxenitoras, titoras ou acolledoras durante tres anos inmediatamente anteriores á solicitude.

Este último requisito non se lles esixirá ás persoas que, por seren vítimas de violencia de xénero, abandonasen o seu domicilio habitual; ás que iniciasen os trámites de separación ou divorcio ou ás que se atopen noutras circunstancias que poidan determinarse regulamentariamente.

3. Cando as persoas beneficiarias formen parte dunha unidade de convivencia, esixirase que esta estea constituída, nos termos do artigo 6, durante polo menos o ano anterior á presentación da solicitude, de forma continuada.

Este requisito non se esixirá nos casos de nacemento, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento familiar permanente de menores, nos supostos a) e b) do artigo 6.2, nos supostos de mulleres vítimas de violencia de xénero ou vítimas de trata de seres humanos e explotación sexual, ou noutros supostos xustificados, que se poidan determinar regulamentariamente.

4. Os requisitos relacionados nos apartados anteriores deberán cumprirse no momento de presentación da solicitude ou ao tempo de solicitar a súa revisión, e manterse ao ditarse a resolución e durante o tempo de percepción do ingreso mínimo vital.

Non computarán como ingresos os salarios sociais, rendas mínimas de inserción ou axudas análogas de asistencia social concedidas polas comunidades autónomas e outros ingresos e rendas de acordo co previsto no artigo 18.

A pesar de que o Instituto Nacional da Seguridade Social ten a competencia para o recoñecemento e control da prestación, os expedientes administrativos poderán ser iniciados por outras administracións públicas, autonómicas ou locais, sempre que se subscribise un convenio de colaboración para iso.

Ata este momento, en Galicia, a prestación do Ingreso Mínimo Vital é competencia do Instituto Nacional da Seguridade Social

O acceso á prestación económica do IMV realizarase, logo da previa solicitude da persoa interesada, xunto coa documentación necesaria para xustificar que se cumpren os requisitos. Pódese realizar a solicitude do Ingreso Mínimo Vital en liña tanto se se dispón de certificado dixital ou Cl@ve como se non. Durante o proceso de solicitude poderase achegar a documentación que sexa necesaria. Independentemente da forma en que se acceda á solicitude, é necesario que esta estea asinada tanto pola persoa solicitante como por todas as persoas compoñentes da unidade de convivencia que aparecen na solicitude. Para iso, débese achegar unha imaxe dalgún documento onde se mostre a vontade de solicitar a prestación do Ingreso Mínimo Vital. Para isto pódese escribir de forma manuscrita nun papel, con letra clara e lexible, este texto ou similar: "Sirva este escrito que achego coa miña solicitude de data........... como acreditación da miña vontade de solicitar o Ingreso Mínimo Vital".

Existe tamén un modelo de representación para solicitar esta prestación no nome doutra persoa.

A documentación que debe achegar xunto coa solicitude é a seguinte:

  • Para acreditar a identidade: DNI, libro de familia, ou certificado de nacemento.
  • Para acreditar a residencia legal en España: inscrición no rexistro central de estranxeiría, tarxeta de familiar de cidadá/án da Unión Europea ou autorización de residencia.
  • Para acreditar o domicilio en España: certificado de empadroamento.
  • Para acreditar a existencia da unidade de convivencia: certificado de empadroamento ou libro de familia, certificado do rexistro civil, ou inscrición no rexistro de parellas de feito.

A solicitude presentarase, preferentemente, na sede electrónica da Seguridade Social ou a través daqueles outras canles de comunicación telemática que o Instituto Nacional da Seguridade Social teña habilitadas para iso.

Actualmente na web da Seguridade Social existe tamén un simulador que pode servir para facerse unha idea de se se pode optar ou non ao Ingreso Mínimo Vital.

Esta prestación conterá no seu deseño incentivos ao emprego e á inclusión, articulados a través de distintas fórmulas de cooperación entre administracións.

O Instituto Nacional da Seguridade Social notificaralles ás persoas beneficiarias, que cumpran os requisitos, a resolución na que se recoñeza o dereito á prestación transitoria do IMV e o dereito de optar entre percibir esta prestación e a asignación económica por fillo/a ou menor a cargo que viñese percibindo.

O Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 ten unha publicación-guía resumo que se pode consultar aquí e o Real decreto-lei 20/2020, do 29 de maio, polo que se establece o IMV aquí

O Ingreso Mínimo Vital garantiralles aos fogares españois unha renda mínima de 10.070 euros de media ao ano (839,2 euros ao mes); aínda que a contía dependerá do número de membros da familia, co que partirá de 461,5 euros ao mes para unha soa persoa adulta ata 1.015,3 euros para familias de polo menos cinco persoas.

A información exposta anteriormente é do mes de xuño de 2020 e desde entón ata o mes de febreiro de 2021 houbo cambios que se poden consultar aquí e máis recentemente aquí (Modificación do Real decreto-lei 20/2020, do 29 de maio, polo que se establece o ingreso mínimo vital) onde se fai referencia, entre outros asuntos, aos novos requisitos para obter o Ingreso Mínimo Vital e que se poden resumir da seguinte forma:

  • Ter residencia legal e efectiva en España durante polo menos un ano.
  • Estar en situación de vulnerabilidade económica.
  • As persoas maiores de idade ou menores emancipadas que non estean a traballar deben estar inscritas como demandantes de emprego.
  • Hai que solicitar xa outras axudas (pensións e/ou prestacións ás que se puidese ter dereito). Deste requisito exceptúanse os salarios sociais, rendas mínimas de inserción ou axudas análogas de asistencia social concedidas polas comunidades autónomas. Por exemplo, o Ingreso Mínimo Vital é compatible coa RAI.
  • Se o Ingreso Mínimo Vital se pide nunha unidade de convivencia esta debe ter un mínimo dun ano. A persoa titular que pide o ingreso debe ter máis de 23 anos, a non ser que teña menores ao seu cargo. Todos os membros da unidade de convivencia deben ter residencia en España.

Se a persoa que pide a prestación vive soa, ou comparte domicilio cunha unidade de convivencia sen integrarse nela, debe cumprir estes requisitos:

  • Non estar casada, salvo que estea en trámites de separación ou divorcio.
  • Non estar unida a outra persoa como parella de feito.
  • Non pertencer a outra unidade de convivencia.
  • Vivir de forma independente durante polo menos os 3 anos anteriores á solicitude, salvo que abandonase o domicilio habitual por ser vítima de violencia de xénero ou iniciase trámites de separación ou divorcio. Con isto evítase que se pida o Ingreso Mínimo Vital para os fillos ou fillas que se van fóra do domicilio familiar a estudar pero seguen dependendo economicamente dos pais.

Por tanto, o Real decreto-lei 3/2021, do 2 de febreiro, indica expresamente que poden ser beneficiarias do ingreso mínimo vital:

a) As persoas integrantes dunha unidade de convivencia nos termos establecidos

b) As persoas de polo menos 23 anos que non sexan beneficiarias de pensión contributiva por xubilación ou incapacidade permanente, nin de pensión non contributiva por invalidez ou xubilación, que non se integren nunha unidade de convivencia nos termos establecidos, sempre que non estean unidas a outra por vínculo matrimonial ou como parella de feito, salvo as que iniciasen os trámites de separación ou divorcio ou as que se atopen noutras circunstancias que poidan determinarse regulamentariamente. Nos supostos de mulleres vítimas de violencia de xénero ou de trata de seres humanos e explotación sexual non se esixirá cumprir o requisito de idade nin o de iniciar os trámites de separación ou divorcio. Ademais, dise que tamén se poderán beneficiar da prestación do Ingreso Mínimo Vital as persoas que temporalmente sexan usuarias dunha prestación de servizo residencial, de carácter social, sanitario ou socio-sanitario. No caso das mulleres vítimas de violencia de xénero ou vítimas de trata de seres humanos e explotación sexual, a prestación de servizo residencial poderá ser permanente.

Cambios para as persoas beneficiarias que non se integran nunha unidade de convivencia

Na lei indícase que "terán a consideración de persoas beneficiarias que non se integran nunha unidade de convivencia, ou de persoas beneficiarias integradas nunha unidade de convivencia independente, aquelas persoas que convivan no mesmo domicilio con outras coas que mantivesen algún dos vínculos previstos na norma que regula o Ingreso Mínimo Vital e se atopasen nalgún dos seguintes supostos:

  • Cando unha muller, vítima de violencia de xénero, abandonase o seu domicilio familiar habitual, acompañada ou non dos seus fillos/as ou de menores en réxime de garda con fins de adopción ou acollemento familiar permanente.
  • Cando con motivo do inicio dos trámites de separación, nulidade ou divorcio, ou de instarse a disolución da parella de feito formalmente constituída, unha persoa abandonase o seu domicilio familiar habitual, acompañada ou non dos seus fillos/as ou menores en réxime de garda con fins de adopción ou acollemento familiar permanente. No suposto de parellas de feito non formalizadas que cesasen a convivencia, a persoa que solicite a prestación deberá acreditar, se é o caso, o inicio dos trámites para atribuír a garda e custodia dos/as menores.
  • Cando se acredite abandonar o domicilio por desafiuzamento, ou por quedar este inhabitable por causa de accidente ou de forza maior, así como outros supostos que se establezan regulamentariamente. Nas dúas situacións anteriores só se considerará unidade independente durante os tres anos seguintes á data en que se producisen os feitos.
  • Na lei tamén se indica que se se acredita cun contrato o uso individualizado, por unha persoa soa ou por unha unidade de convivencia, dunha habitación nun establecemento hostaleiro ou similar, este considerarase domicilio para os efectos previstos na norma.
  • Igualmente se se acredita cun documento xurídico o uso exclusivo dunha determinada zona do domicilio por unha persoa soa ou por unha unidade de convivencia das previstas no artigo 6, a dita zona de uso exclusivo será considerada domicilio para os efectos previstos neste real decreto-lei.»

Conviventes sen vínculo de parentesco

Cando no mesmo domicilio conviven persoas entre as que non hai vínculos, poderán ser titulares do Ingreso Mínimo Vital aquela ou aquelas que se atopen en risco de exclusión para o que se pedirá un certificado, expedido polos servizos sociais competentes, que será necesario para acreditar os seguintes requisitos:

  • A residencia efectiva en España das persoas que na data da solicitude estean empadroadas nun domicilio ficticio en aplicación das correspondentes instrucións técnicas aos concellos sobre a xestión do Padrón municipal.
  • O carácter temporal da prestación de servizo residencial, de carácter social, sanitario ou sociosanitario, da que sexa usuaria a persoa solicitante da prestación de Ingreso Mínimo Vital.
  • O domicilio real da persoa que alegase non vivir no que consta no empadroamento.
  • A inexistencia dos vínculos previstos no artigo 6.1, cando no mesmo domicilio, ademais de quen solicite o Ingreso Mínimo Vital, unidos polos devanditos vínculos, estean empadroadas outras persoas coas que se alegue non ter lazos de parentesco, de consanguinidade ou de afinidade, nin constituír unha parella de feito.
  • A inexistencia dos vínculos entre todas ou parte das persoas conviventes cando unha delas solicitase o Ingreso Mínimo Vital ao amparo do disposto no artigo 6.

Páxina web:

https://www.boe.es/buscar/act.php?id=BOE-A-2020-5493

Documentos:

Lexislación consolidada. Real decreto-lei 20/2020 (inclúe as reformas do 23 de setembro de 2020) (447 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión