Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de xaneiro de 2022

O Goberno local e a Marea Atlántica comezan esta semana o traballo cara a un Plan municipal polo dereito á vivenda coa convocatoria dunha Mesa Social

Esta iniciativa forma parte do acordo asinado en decembro, que suporá destinar máis de nove millóns de euros a políticas de vivenda digna no orzamento de 2022

O Goberno local e a Marea Atlántica convocan este mércores a primeira xuntanza dunha Mesa Social, á que están convidadas diversas entidades que traballan no eido do senfogarismo e o dereito á vivenda. Trátase do inicio dunha serie de encontros para dialogar co tecido asociativo e elaborar un Plan municipal polo dereito á vivenda 2022-2026. 

A cita será ás 11.30 horas, no Centro Cívico dos Mallos, e contará coa participación do concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada; da concelleira de Benestar Social, Yoya Neira; e da voceira e vicevoceiro municipais da Marea Atlántica, María García e Iago Martínez. 

Esta iniciativa forma parte do Acordo para o impulso de medidas polo dereito á vivenda, asinado polo Goberno municipal e o grupo da Marea Atlántica o pasado 29 de decembro, e que suporá dedicar máis de nove millóns de euros a políticas de vivenda no orzamento de 2022, no marco das negociacións que manteñen para aprobalos.  

Entre outras cuestións, comprométense 3,6 millóns de euros para construír vivenda pública en solo municipal e 2 millóns para comprar soares e inmobles destinados ao alugueiro social, así como un incremento do 30% na bolsa de alugueiro social de EMVSA, e unha suba do 20% nas axudas á rehabilitación de vivendas e edificios.  

No pacto asinado reclámanse ademais os necesarios compromisos da Xunta de Galicia e o Estado, administracións con maiores competencias. O dereito á vivenda debe entenderse como eixe das políticas urbanas, por ser indispensable para unha vida digna. 

Por iso o acordo inclúe o compromiso de elaborar entre o Goberno local e a Marea Atlántica un Plan municipal polo dereito á vivenda 2022-2026, que coordine todas as políticas neste eido. E que debe comezar por dialogar e escoitar os axentes sociais da cidade, para recibir as súas achegas e ter en conta a experiencia de quen trata día a día cos problemas para acceder a un teito. A Mesa Social que se realiza este 26 de xaneiro será o primeiro destes encontros. 

Cómpre lembrar que na Coruña existen máis de 20.000 vivendas baleiras, namentres que os alugueiros subiron un 18% de media entre 2017 e 2021. É necesaria implicación de todas as administracións públicas para afrontar un problema complexo. E así o está a facer o Concello, froito do diálogo aberto entre a Marea Atlántica e o PSOE.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión