25 de xullo de 2020
Se tes entre 12 e 30 anos pódeste apuntar
Inscrición en liña do 28 ao 30 de xullo
A Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación, a través do servizo de Acción Social, leva a cabo o Programa de promoción de lecer saudable dirixido á mocidade de 12 a 30 anos, que ten como obxectivo o fomento de actividades relacionadas coa mellora dos hábitos saudables e o lecer construtivo. Este programa está cofinanciado pola Delegación do Goberno para o Plan nacional sobre drogas.
As actividades, que se levarán a cabo no mes de agosto, son gratuítas e as prazas limitadas.
Nesta edición ofértanse actividades de participación en liña e outras na que a participación será presencial.
Na modalidade presencial no medio aberto levaranse a cabo actividades como "Surf experience" nas que durante catro días as persoas participantes iniciaranse no surf e perfeccionarán a súa técnica; unha ruta ambiental polo río Mandeo cun percorrido guiado por plantacións que traballan na renovación do campo recuperando técnicas de agricultura tradicionais e ecolóxicas; unha ruta de sendeirismo por Ponteceso - esteiro do río Anllóns; unha xornada de multiaventura facendo rafting polo río Ulla, e "Multideporte experience" no que durante catro días practicaranse deportes náuticos e de praia como paddle surf, paddle surf XXL, kaiak, voleibol praia... Estas actividades contemplan o transporte gratuíto ao lugar do desenvolvemento da actividade.
Na modalidade presencial tamén se conta con actividades como iniciación ao debuxo manga e iniciación a youtuber que se desenvolverán no Centro Cívico dos Rosales.
Na modalidade "en liña" realizaranse actividades como: creación de curtametraxes con móbil, creación e mantemento de blogs e páxinas web, taller de novos escritores, taller de rap, taller de pizzas e taller de tuppers saudables.
A programación de todas as accións estará adaptada ás medidas de seguridade sanitarias recomendadas para a prevención da propagación da COVID-19. Quen participe nas actividades presenciais de interior e no medio aberto terá que usar máscara de forma obrigatoria e deberá aceptar as condicións de participación no programa, que se poñerán no seu coñecemento antes do inicio de cada actividade.
A inscrición para estas actividades será en liña, a través desta web.
Nesta ligazón están as indicacións para a inscrición e un arquivo con información das actividades, as súas datas de realización e horarios. Se desexas solicitar máis dunha actividade, deberás cubrir o formulario para cada unha delas.
A inscrición poderase facer das 08.00 h do día 28 de xullo ás 24.00 h do 30 de xullo, cubrindo os formularios indicados na ligazón de inscrición.
A realización de actividades estará condicionada á existencia dun número mínimo de persoas inscritas, que pode variar segundo as características de cada unha das accións.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible