29 de maio de 2020
Novidades e prazos para solicitar as bolsas de comedores escolares
Dada a publicación da convocatoria durante a vixencia do estado de alarma, declarado pola situación de emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19, o prazo de 10 días para presentar a solicitude quedou suspendido. Iníciase agora, o vindeiro luns 1 de xuño de 2020.
O prazo é de 10 días hábiles, é dicir, do 1 ao 12 de xuño, ambos incluídos. En todo caso, se as circunstancias o requiren e para facilitar ao máximo o proceso de solicitude, propoñerase a ampliación do prazo para a súa aprobación pola Xunta de Goberno Local, o que se informará oportunamente polos medios habituais.
Novidade do 3 de xuño: o prazo ampliouse ata o 30 de xuño.
Os impresos estarán dispoñibles nas oficinas de todos os rexistros municipais, nos centros cívicos municipais, nesta mesma web e en sede electrónica (https://sede.coruna.gob.es)
Novidades con respecto á convocatoria do curso anterior:
1. Nesta convocatoria, a solicitude realizarase a nome da persoa beneficiaria, neste caso o/a alumno/a que efectivamente use o comedor escolar.
Na maior parte dos casos, dado que a persoa beneficiaria é menor de idade, deberá figurar unha das persoas proxenitoras/titoras/gardadoras como representante legal. Igualmente, as persoas proxenitoras ou que ostenten a custodia ou garda legal, deberán cubrir o anexo IV cos seus datos completos.
Este anexo IV permite, ao mesmo tempo, a oposición destas persoas á consulta dos datos necesarios para valorar a solicitude de bolsa comedor. Só no caso de que non se autorice esta consulta deberá sinalar a súa oposición no recadro correspondente. A autorización para a consulta dos datos da persoa menor de idade enténdese outorgada coa presentación da solicitude, só se deberá marcar o recadro correspondente na folla de solicitude no caso de opoñerse a esta consulta.
2. Por primeira vez a bolsa comedor abarca os períodos non lectivos de Nadal 2020 e verán do 2021.
3. O impreso de solicitude desta convocatoria inclúe cambios en canto ao formato e á información que recolle. Este impreso deberá presentarse sempre xunto coa seguinte documentación:
a. Anexo I debidamente cuberto
b. Anexo II debidamente cuberto
c. Anexo III debidamente cuberto
d. Anexo IV debidamente cuberto
e. Anexo V debidamente cuberto
f. Libro de Familia ou documento equivalente que acredite a filiación ou representación legal.
g. Nos casos en que o pai ou a nai non convivan, copia da sentenza ou convenio regulador que conteña as medidas paterno-filiais aprobadas xudicialmente.
h. Certificado escolar, ou copia da matrícula ou folla de solicitude desta.
i. No caso de opoñerse á consulta de datos, deberá achegarse a solicitude dos documentos sinalados na base 10.2 da convocatoria.
4. Este ano non será necesario presentar o documento de aceptación con posterioridade á concesión. Previamente á resolución, que poña fin ao procedemento de concesión de bolsas de comedor, mediante unha proposta de resolución definitiva darase un prazo de 10 días para presentar a aceptación ou renuncia da bolsa de comedor, e entenderase que de non renunciar, acéptase.
5. A solicitude contén un apartado específico onde se poderán alegar outras circunstancias valorables para a concesión da bolsa de comedor. Deberanse achegar os documentos que o acrediten e que se enumeran na base 10.3 da convocatoria.
É importante cubrir con exactitude este apartado específico, xa que non se valorará ningunha circunstancia alegada con posterioridade. Nos períodos que o procedemento establece para a corrección da solicitude, así como no prazo sinalado para presentar as alegacións, non se poderán instar novas circunstancias que afecten a esta valoración.
6. As persoas beneficiarias que pertenzan a unidades familiares que sexan preceptoras de RISGA ou Renda Social Municipal terán automaticamente a máxima puntuación no relativo á valoración económica. En todo caso, deberán cumprir igualmente os requisitos xerais esixidos para obter a bolsa de comedor.
7. Para aclarar dúbidas sobre a solicitude chamarase ao 010 e indicarase un teléfono de contacto. Desde o 010 trasladarano a Benestar Social, quen contactará telefonicamente para solucionalas.
8. Para unha maior axilidade no procedemento, recoméndase realizar a inscrición a través da sede electrónica.
9. Estas indicacións teñen exclusivamente un carácter informativo e non substitúen, de ningún xeito, o establecido nas bases reguladoras da convocatoria. Con este fin, recoméndase encarecidamente ler as devanditas bases reguladoras, especialmente para aquelas situacións específicas.
Actividades relacionadas
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible