Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de novembro de 2020

25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia Machista

A violencia contra as mulleres e nenas é unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas, persistentes e devastadoras do mundo actual sobre as que apenas se informa debido á impunidade da cal gozan os perpetradores e o silencio, a estigmatización e a vergoña que sofren as vítimas.

O Concello da Coruña organiza, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha campaña de sensibilización, que aborda diferentes accións dentro da campaña "Ti decides" , a cal busca implicar e concienciar a mocidade na loita contra a violencia sexual porque na sexualidade ninguén pode decidir por ninguén: non tes que facer obrigatoriamente o que lle gusta á túa parella, o que valoran as túas amizades ou o que ditan Internet e as redes sociais se a ti non che gusta. Só ti podes tomar as rendas das túas decisións.

Ao mesmo tempo, continúan as accións dentro do Pacto social por unha cidade libre de violencias machistas: desde o luns 23 ata o venres día 27 de novembro, situaranse puntos informativos en diferentes lugares da cidade, nos cales se separtirá material divulgativo e proporcionarase información sobre o Pacto Social por unha Coruña Libre de Violencias Machistas e tamén das distintas actividades e actuacións que o concello leva a cabo.

Puntos informativos

Martes 24 de novembro:

  • Praza das Conchiñas, das 11:30 ás 13:30 h
  • Os Castros, das 16:00 ás 18:00 h
  • Facultade de Ciencias da Educación, das 16:00 ás 18:00 h

Mércores 25 de novembro:

  • Facultade de Dereito, das 11:30 ás 13:30 h
  • Praza de Pontevedra, das 11:30 ás 13:30 h

Xoves 26 de novembro:

  • Facultade de Ciencias, das 11:30 ás 13:30 h
  • Praza de España, das 16:00 ás 18:00 h

Venres 27 de novembro:

  • Praza de Lugo, das 11:30 ás 13:30 h
  • Praza de Pontevedra, das 16:00 ás 18:00 h

Tamén o día 25 de novembro o Concello da Coruña, como mostra de condena e rexeitamento polas vítimas da violencia contra as mulleres, polas asasinadas e polas sobreviventes, convoca a toda a Corporación e a todas as empregadas e empregados a unha concentración dun minuto de silencio. Será ás 12.00 horas diante do Palacio Municipal.

Existen datos alarmantes e inadmisibles sobre a violencia sexual a nivel mundial e que se deberían coñecer:

  • En todo o mundo, unha de cada tres mulleres sufriu violencia física ou sexual, principalmente por parte dun compañeiro sentimental.
  • Só o 52% das mulleres casadas ou que viven en parella decide libremente sobre as relacións sexuais, o uso de anticonceptivos e a súa saúde sexual.
  • Case 750 millóns de mulleres e nenas que viven hoxe en día casaron antes de cumprir 18 anos, mentres que polo menos 200 millóns delas víronse sometidas á mutilación xenital feminina.
  • Unha de cada 2 de mulleres asasinadas éo polo seu compañeiro sentimental ou un membro da súa familia.
  • O 71% das vítimas da trata en todo o mundo son mulleres e nenas, e 3 de cada 4 delas son utilizadas para a explotación sexual.
  • A violencia contra a muller é unha causa de morte e incapacidade entre as mulleres en idade reprodutiva tan grave como o cancro e é unha causa de mala saúde maior que os accidentes de circulación e a malaria combinados.

No noso país, en concreto, son dabondo coñecidos os asasinatos machistas e as violacións levadas a cabo en grupo ou de modo individual e a diferente resposta social a todo iso. É necesario seguir formando a poboación en igualdade desde os diferentes medios e institucións e prestarlle especial atención á educación da infancia e mocidade desde os centros educativos e desde o propio sistema familiar.

Páxina web:

https://nacionesunidas.org.co/eventos/dia-internacional-la-eliminacion-la-violencia-la-mujer/

Documentos:

Documento sobre o Pacto Social por unha Coruña libre de violencias machistas (1 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión