Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de novembro de 2022

Este sábado 3, e a partir das 18.00 horas, no Obelisco, terá lugar o acendido das luces de Nadal, que contan con máis de tres millóns de puntos de luz led repartidos por toda a cidade e arcos que chegan por vez primeira a Xuxán

O Concello da Coruña dá comezo á programación de Nadal, con 37 días seguidos de actividades e espectáculos en todos os barrios da cidade

O Goberno de Inés Rey reforza a programación cultural e de ocio en todos os distritos con máis de 60 eventos, entre concertos, actuacións teatrais, festas e obradoiros infantís que se levarán a cabo en rúas, centros cívicos e instalacións municipais como o Fórum Metropolitano e o Ágora

A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe a programación das actividades de Nadal deste ano, con 37 días consecutivos de celebracións e espectáculos nos que a axenda cultural e de ocio, así como de eventos deportivos, chegará a todos os barrios da cidade. 

A rexedora puxo en valor este reforzo da programación de actividades de Nadal nos diversos distritos da Coruña, "nun contexto de total normalidade e moito máis optimista, xa sen as restricións sanitarias aínda vixentes na edición do ano pasado por mor da pandemia". Así, desde este venres e ata o 8 de xaneiro, a cidade acollerá máis de 60 eventos, en forma de concertos, obradoiros infantís e espectáculos orientados tanto ás persoas adultas como aos máis pequenos e pequenas.

Este sábado, a partir das 11.00 horas, abrirá o novo Mercado de Nadal que estará localizado na praza de María Pita, con 25 postos de artesanía, así como de entidades do terceiro sector que darán a coñecer a súa actividade.

A posta en marcha do Mercado de Nadal, que conta co apoio da Asociación de Artesáns de Galicia, lévase a cabo coa colaboración do tecido asociativo da cidade baseándose en dous obxectivos, sinalou a alcaldesa: "Axudar á dinamización económica do pequeno comercio e, por outra banda, promover a concienciación sobre realidades da nosa sociedade, como as doenzas mentais ou a atención ás persoas con dependencia".

O Mercado de Nadal estará aberto todos os días, de luns a domingo (de 11.00 a 14.00, e de 16.30 a 21.00 horas), a excepción do día 25, que ficará pechado, e os días 24 e 31, nos que abrirá á cidadanía de 11.00 a 15.00 horas.

En paralelo, tamén este sábado 3 e na praza de María Pita, poranse en marcha os obradoiros infantís que acollerá o novo iglú que estará situado na contorna do Mercado de Nadal. Os talleres, para os que será precisa inscrición previa e que rematarán o día 30 de decembro, abranguen a elaboración de traballos manuais como adornos florais e instrumentos musicais. Tamén achegarán os máis pequenos á cociña de Nadal.

Máis de tres millóns de puntos de luz led en todos os barrios

Ademais, este sábado, a partir das 18.00 horas, a alcaldesa acenderá as luces de Nadal. Será no Obelisco, e con especial protagonismo para as nenas e nenos coruñeses, ao igual que nas edicións previas. Inés Rey subliñou o compromiso do Goberno municipal para que a iluminación de Nadal "chegue a todos os barrios da cidade". En total, o Concello instalou máis de tres millóns de puntos de luz led de baixo consumo enerxético e incrementou a 560 os arcos luminosos, distribuídos por todos os distritos, expandíndose polos Mallos e o Barrio das Flores, e chegando por primeira vez ao novo barrio de Xuxán.

Entre os adornos con temática de Nadal destaca a bóla luminosa de 12 metros de altura, que estará situada un ano máis na Mariña, e a árbore de 20 metros de altura do Obelisco. En paralelo, instaláronse decoracións luminosas específicas, con paraugas de luces e elementos en 3-D, repartidas entre a praza das Conchiñas, o Campo de Marte, a praza da Cubela e o cruzamento entre a rolda de Nelle e a avenida de Arteixo.

Programación de Nadal nas rúas, teatros e instalacións municipais

A expansión da programación cultural polos barrios da cidade contempla espectáculos para todas as idades. Ao aire libre, coas Ruadas de Nadal que chegarán á Agra do Orzán, O Ventorrillo, Sagrada Familia, Os Mallos e Palavea, entre outros, e o teatro e circo a pé de rúa do Nadal Manicómico, que terá presencia en Catro Camiños e Matogrande.

Por outra banda, e ata comezos de xaneiro, A Coruña contará cunha ampla programación de concertos e espectáculos teatrais. "A cidade vibrará con Carlos Núñez no Teatro Colón, co Ciclo Principal de Outono e Blanca Portillo no Teatro Rosalía de Castro, co Festival de Monicreques de Nadal do Fórum Metropolitano e, en paralelo, concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Gaos e as corais da cidade, así como dous concertos conmemorativos polo 175º aniversario da fundación do Círculo de Artesáns", detallou a rexedora.

A este respecto, Inés Rey destacou a aposta do Goberno municipal "por artistas e profesionais que forman parte do patrimonio da cidade, atendendo á música clásica, tradicional e moderna para facer deste Nadal un Nadal moi noso". 

Ademais, e baseándose na estratexia do Goberno municipal para reforzar a programación nos barrios, levaranse a cabo obradoiros de cociña infantil nos mercados municipais de San Agustín, Eusebio da Guarda, Durmideiras, Elviña, Monte Alto e As Conchiñas. Comezarán o día 23 de decembro e prolongaranse ata o día 29.

Campamentos de Nadal nos centros cívicos

A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá abrirá este xoves, 1 de decembro, o prazo de preinscrición para os Campamentos de Nadal nos centros cívicos da cidade, unha proposta orientada a favorecer a conciliación familiar durante as próximas vacacións escolares.

En total ofrécense 525 prazas para os nenos e nenas nadas do 01/01/2010 ata o 31/12/2018, ás que se suman 15 prazas máis para menores con necesidades especiais. O prezo dos campamentos será de 26 euros para o horario xeral de 10.00 a 14.00 horas e de 32 euros para o horario ampliado de 9.00 a 14.30 horas. Todos os campamentos desenvólvense de luns a venres. A preinscrición pode facerse en liña os días 1, 2 e 3 de decembro a través da web de Servizos Sociais . Os campamentos darán comezo o día 23 de decembro en cada un dos centros cívicos e prolongaranse de luns a venres ata o 5 de xaneiro.

Ademais, todos os centros cívicos da cidade acollerán, desde o día 22 de decembro, múltiples festas para os máis pequenos, obradoiros infantís, así como visitas de Papá Noel e os Reis Magos. "Queremos que se viva o Nadal con igual intensidade e ilusión en todos os barrios da Coruña", subliñou Inés Rey.

Apertura da Casa dos Xoguetes

Este xoves, 1 de decembro, tamén abrirá a Casa dos Xoguetes, un espazo de economía circular ideado para fomentar a reutilización e o consumo responsable no Nadal. Nesta edición, a Casa dos Xoguetes estará localizada na sede da Oficina Municipal de Información ao Consumidor, na rúa Costa da Palloza número 8.

Documentos:

Programación de actividades para o Nadal 2022-23 (2 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión