Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de novembro de 2022

Os talleres e obradoiros, de carácter interxeracional, abranguen a aprendizaxe en disciplinas como o parkour e o baile moderno, así como a creación dun ciclo de conversas para dar a coñecer a historia do barrio

O Concello pon en marcha ‘Ruar en Palavea’, un novo programa de ocio alternativo orientado a implicar a mocidade do barrio en actividades deportivas e culturais

A concelleira Yoya Neira subliñou que o obxectivo é “concienciar as novas xeracións da importancia de coidar a súa contorna, contribuíndo a xerar un sentimento de pertenza con respecto ao barrio onde viven”

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, puxo en marcha esta fin de semana 'Ruar en Palavea', un novo programa de ocio alternativo orientado á mocidade do barrio e que, ata mediados de decembro, implicará a veciñas e veciños de entre 12 e 30 anos en diversas actividades culturais e deportivas, de carácter interxeracional. O programa enmárcase dentro das accións de apoio e formación á xuventude postas en marcha polo executivo de Inés Rey.

'Ruar en Palavea', que se está a desenvolver en colaboración coa asociación veciñal Os Nosos Lares, abrangue múltiples talleres e obradoiros que van desde a ensinanza en disciplinas como o parkour e a esgrima deportiva ás clases de danzas urbanas, baile e ritmos modernos. En paralelo, levaranse a cabo sesións de cine-fórum, de iniciación ao teatro e tamén se incentivará a participación comunitaria a través do proxecto 'Un barrio con historia', un ciclo de conversas ideado para dar a coñecer as orixes e evolución do barrio de Palavea ata a actualidade, achegando as mozas e mozos ao patrimonio material e inmaterial do seu lugar de residencia. 

"Cada un dos barrios da Coruña ten unha identidade propia, tamén as súas tradicións. O que buscamos, a través deste novo programa, é concienciar as novas xeracións da importancia de coidar a súa contorna, contribuíndo a xerar un sentimento de pertenza con respecto ao barrio onde viven", sinalou a concelleira Yoya Neira.

O programa 'Ruar en Palavea', que comezou este sábado 26 no Centro Cívico Municipal de Palavea cun taller de iniciación á esgrima deportiva, ofrecerá actividades ata o vindeiro día 10 de decembro. Todas elas serán de balde, ata completar a capacidade, a excepción do taller de bordado creativo, cun límite de dez prazas. As actividades, por data e localización, son as seguintes:

  • 1 de decembro: Baile e ritmos modernos (Centro Cívico Municipal de Palavea; de 18.30 a 20.30 horas).
  • 2 de decembro: Parkour (Praza do Mercado; de 11.00 a 13.00 horas) e 'Conversas: un barrio con historia' (Centro Cívico Municipal de Palavea; de 18.30 a 20.30 horas).
  • 3 de decembro: Taller de iniciación teatral (Centro Cívico Municipal de Palavea; de 18.30 a 20.30 horas) e Cine-Fórum (Centro Cívico Municipal de Palavea; de 19.00 a 22.30 horas).
  • 7 de decembro: 'Conversas: un barrio con historia' (Centro Cívico Municipal de Palavea; de 18.30 a 20.30 horas).
  • 9 de decembro: Taller de bordado creativo (Centro Cívico Municipal de Palavea; de 18.30 a 20.30 horas) e danzas urbanas (Centro Cívico Municipal de Palavea; de 18.30 a 20.30 horas).
  • 10 de decembro: Taller de lindy hop e baile social (Centro Cívico Municipal de Palavea; de 18.30 a 20.30 horas).

Para tomar parte nas actividades será preciso tramitar unha inscrición previa, que se pode xestionar a través da entidade veciñal Os Nosos Lares, que habilitou o enderezo electrónico osnososlarespalavea@gmail.com para as consultas de información das persoas interesadas en participar nos talleres e obradoiros previstos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión