Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de febreiro de 2021

O Goberno local aumenta o investimento nas entidades sociais da cidade até os 3,8 millóns de euros, o seu máximo histórico

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage: “A causa da pandemia o executivo de Inés Rey decidiu reforzar o investimento social, incrementando nun 20% as axudas municipais a 104 asociacións”

O Goberno municipal ten previsto levar a pleno a semana que vén o modificativo que permitirá aboar os convenios nominativos con 204 entidades sociais, culturais e deportivas da cidade, avanzou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas. O executivo local mantivo contactos con todos os grupos para poder levar a pleno a proposta, atendendo a petición de axilizar a tramitación co fin de que as axudas estean dispoñibles no máis breve prazo.

O Goberno local propón este ano un aumento das achegas de fondos municipais a aquelas asociacións que prestan servizos sociais e sanitarios na Coruña. "A causa da pandemia, o executivo de Inés Rey decidiu reforzar o investimento social incrementando un 20% a aportación mediante convenios a 104 entidades", indicou Lage Tuñas. Os fondos para programas sociais ascenden a 3.862.286 euros, "a cifra máis elevada na historia deste Concello", explicou o concelleiro e portavoz do Goberno municipal. Son 600.000 euros máis que os dedicados a ese mesmo fin o ano pasado.

O orzamento total dos convenios nominativos do 2021 suma 6.321.669 euros. En cifras absolutas, os fondos destinados ao tecido asociativo coruñés superan en 700.000 euros os aprobados no 2019, e superan tamén os orzamentos destinados ás asociacións en cada un dos exercicios do pasado mandato.

"Este Goberno considera unha prioridade dotar de máis recursos ás asociacións para facer fronte aos efectos que está a ter a pandemia, por ese motivo mantemos tamén o investimento no tecido cultural e deportivo", explicou Lage Tuñas.

Os convenios nominatovos supoñen "o xeito máis áxil para chegar ás asociacións da cidade, unhas entidades que fan un traballo esencial e que son capaces de atender as necesidades que xurden cunha inmediatez que a Administración moitas veces non ten", indicou Lage Tuñas.

A proposta do Goberno municipal quere blindar durante o 2021 a capacidade de actuación do denominado terceiro sector. Cruz Vermella, Padre Rubinos, Cáritas, ACCEM, Banco de Alimentos Rías Altas, Renacer ou o Fogar de Santa Lucía son algunhas das entidades que contarán cun aumento dos recursos municipais con respecto ao ano pasado.

"Máis alá dos convenios, o Concello seguirá a traballar coas distintas entidades a través dos novos plans de estímulo que se poñan en marcha este ano", explicou Lage Tuñas. "O Goberno de Inés Rey cumpre cos seus compromisos, o noso era aprobar os convenios no inicio deste ano, e os convenios estarán aprobados e vixentes antes que en anos anteriores", indicou o portavoz do Goberno local.

Investimento en entidades sociais

2020

3.261.286 €

2021

3.862.286 €

Orzamento total para os convenios nominativos

2016

6.193.756 €

2017

5.731.629 €

2018

5.649.366 €

2019

5.649.366 €

2020

6.533.353 €

2021

6.321.669 €

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión