Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de abril de 2020

Preguntas frecuentes do ámbito social e económico, relacionadas coa situación actual

Respostas ás preguntas frecuentes referidas ás medidas urxentes, tomadas no ámbito social e económico para facer fronte ás situacións derivadas do estado de alarma para afrontar o Covid-19.

PREGUNTAS FRECUENTES SOBRE AS MEDIDAS URXENTES NO ÁMBITO SOCIAL E ECONÓMICO PARA FACER FRONTE AO COVID-19, APROBADAS O 31 DE MARZO DE 2020

O Goberno acaba de aprobar unha serie de medidas de protección social e económica para as persoas afectadas pola crise do COVID-19, a través do Real decreto-lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19. Para poder saber se te podes beneficiar dalgunha destas medidas, é preciso coñecer se estás nunha situación de vulnerabilidade económica como consecuencia da emerxencia sanitaria COVID-19, é dicir, que as situacións de vulnerabilidade económica anteriores á emerxencia sanitaria non poderán beneficiarse destas medidas.

Que requisitos teño que cumprir para que se me considere nunha situación de vulnerabilidade económica derivada da emerxencia sanitaria COVID-19?

- Que pasase a estar en situación de desemprego, Expediente Temporal de Regulación de Emprego (ERTE), ou reducise a miña xornada por motivo de coidados, en caso de ser empresario, ou outras circunstancias similares que supoñan unha perda de ingresos. Os ingresos da unidade familiar o mes anterior á moratoria non poderán exceder de:

  •  3 veces o IPREM
  • + 0.1 veces o IPREM por cada filla/o na unidade familiar e +0.15 veces o IPREM no caso de unidades familiares monoparentais
  • +0.1 veces o IPREM por cada membro maior de 65 anos na unidade familiar
  • 4 veces o IPREM no caso de que algún membro da unidade familiar teña declarada situación de discapacidade superior ao 33%, dependencia ou enfermidade que a/o incapacite para exercer actividade laboral
  • 5 veces o IPREM en caso de persoa con parálise cerebral, con enfermidade mental, ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento, ou persoa con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65 por cento, así como nos casos de enfermidade grave que incapacite acreditadamente, a persoa ou a súa ou o seu coidador, para realizar unha actividade laboral

- Que a renda do alugueiro ou hipoteca máis os gastos de subministracións básicas (electricidade, gas, gasoil para calefacción, auga corrente, dos servizos de telecomunicación fixa e móbil, e as posibles contribucións á comunidade de persoas propietarias) supere o 35% dos ingresos da unidade familiar

Que se considera unidade familiar?

A composta pola persoa que debe a renda, o seu cónxuxe non separado legalmente ou parella de feito inscrita e fillas/os, con independencia da súa idade, que residan na vivenda, incluíndo os vinculados por unha relación de tutela, garda ou acollemento familiar que residan na vivenda.

Que documentación necesito para acreditar a miña situación de vulnerabilidade económica como consecuencia da crise sanitaria COVID-19?

- En caso de situacións de desemprego, certificación emitida polo servizo público de emprego

- En caso de cesamento de actividade de traballadoras/es por conta propia, certificado da AEAT

- Para acreditar o número de persoas que residen na vivenda:

  • Libro de familia ou certificado acreditativo de parella de feito
  • Certificado de empadroamento
  • Declaración de discapacidade, dependencia ou incapacidade laboral
  • Nota simple do servizo de índices do Rexistro da Propiedade de todos os membros da unidade familiar
  • Escritura de compra venda do inmoble no caso de debedores hipotecarios e de concesión de préstamo no caso de que se solicite unha moratoria da débeda hipotecaria

- No caso de que se solicite unha moratoria da débeda hipotecaria polo préstamo hipotecario por unha vivenda en alugueiro deberá achegarse o correspondente contrato de arrendamento

- Declaración responsable do debedor ou debedores

Se a persoa solicitante da moratoria non puidese achegar algún dos documentos requiridos, poderá substituílo mediante unha declaración responsable que inclúa a xustificación expresa dos motivos, relacionados coas consecuencias da crise do COVID-19, que lle impiden tal achega

MEDIDAS RELATIVAS Á VIVENDA

Pódenme desafiuzar xudicialmente da miña vivenda durante o período de alerta por non pagar a cota de alugueiro?

Non. Actualmente todos os prazos procesuais están suspendidos ata que finalice a situación de alarma decretada polo Goberno. Unha vez que esta situación finalice, e sempre que a persoa arrendataria acredite no xulgado que está nunha situación de vulnerabilidade social ou económica sobrevida como consecuencia da crise sanitaria do COVID 19, que lle imposibilite atopar unha alternativa habitacional, o xulgado poderá comunicar esta situación aos servizos sociais competentes e iniciarase unha suspensión extraordinaria do desafiuzamento ata un período máximo de 6 meses desde a entrada en vigor deste decreto lei.

Que ocorre se o meu contrato de arrendamento finaliza durante o período de alerta?

Nos contratos nos que finalizase ou vaia finalizar o período de prórroga obrigatoria durante o período de alarma decretada e durante os dous meses posteriores á finalización dela, poderá aplicarse, logo da solicitude previa da/o arrendataria/o, unha prórroga extraordinaria do prazo do contrato de arrendamento por un período máximo de 6 meses. Esta solicitude deberá ser aceptada pola persoa arrendadora.

Que ocorre coa moratoria da débeda do meu alugueiro se a persoa arrendadora é unha empresa ou entidade pública ou un/unha gran propietario/a ou tedor/a (titulares de máis de 10 bens inmobles urbanos)?

Pódeslle solicitar no prazo dun mes -desde a entrada en vigor deste decreto- á túa  persoa arrendadora adiamento temporal e extraordinario da renda. En caso de non chegar a un acordo coa persoa arrendadora, deberá comunicarche no prazo de 7 días laborais a súa decisión, escollida de entre as seguintes alternativas:

- Unha redución do 50% da renda durante o tempo que dure o estado de alarma e as mensualidades posteriores cun tempo máximo de 4 meses.

- Unha moratoria no pago da renda que se aplicará de forma automática durante o tempo que dure o estado de alarma e as mensualidades posteriores cun tempo máximo de 4 meses, mediante o fraccionamento das cotas durante polo menos tres anos. A persoa arrendataria non terá ningún tipo de penalización e a cantidade será devolta ao arrendador ou arrendadora sen intereses.

Que ocorre coa moratoria da débeda do meu alugueiro se a persoa arrendadora non é unha empresa ou entidade pública ou un/unha gran propietario/a ou tedor/a?

Pódeslle solicitar á persoa arrendadora unha moratoria, no prazo dun mes desde a entrada en vigor do real decreto, ou adiamento extraordinario e temporal no pago da renda, sempre que voluntariamente non se acordase con carácter previo. A persoa arrendadora comunicaralle no prazo de 7 días á persoa arrendataria as condicións de adiamento ou fraccionamento que acepte, ou as diferentes alternativas que propón.

Se a persoa arrendadora non aceptase ningún acordo, e cando a persoa arrendataria estea nunha situación de vulnerabilidade sobrevida como consecuencia da crise sanitaria do COVID-19, esta poderá ter dereito ás axudas transitorias de financiamento

Que son as axudas transitorias de financiamento?

Trátase dunha axuda de avais financeiros que o Instituto Oficial de Crédito poñerá a disposición das entidades bancarias para que poidan sérenlles ofrecidas ás persoas que estean en situación de vulnerabilidade económica como consecuencia da crise sanitaria COVID-19. Trátase de préstamos cun tempo de devolución de ata 6 anos, prorrogables excepcionalmente por outros 4 e sen que se devengue ningún interese nin gastos por parte da/o solicitante. Estas axudas poderán cubrir como máximo o importe máximo de 6 mensualidades de renda de alugueiro.

Que ocorre se finalmente non podo devolver o préstamo ofrecido a través das axudas transitorias de financiamento?

Aprobarase un novo programa denominado «Programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social do COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual». Este programa terá a finalidade de facer fronte á dificultade na devolución daquelas axudas transitorias de financiamento, contraídas por fogares vulnerables, que non se recuperaron da súa situación de vulnerabilidade sobrevida como consecuencia da crise do COVID-19 e que, por tanto, non poidan facer fronte á devolución dos ditos préstamos. A contía desta axuda será de ata 900 euros ao mes e de ata o 100% da renda arrendaticia ou, de ser o caso, de ata o 100% do principal e xuros do préstamo que se subscribiu co que se satisfixo o pago da renda da vivenda habitual.

Podo solicitar esta moratoria se vivo de alugueiro e posúo unha vivenda na que non resido?

Non. Con carácter xeral non se considerarán en vulnerabilidade económica derivada da crise sanitaria COVID-19 aquelas persoas que sexan propietarias ou usufrutuarias dunha vivenda, aínda que non residan nela, agás que se acredite a non dispoñibilidade dela por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade do seu titular ou dalgunha das persoas que conforman a unidade de convivencia.

Que tipo de inmobles poden acollerse á moratoria de débeda hipotecaria?

- A vivenda habitual

- Inmobles destinados a actividade económica

- Vivendas distintas á habitual en situación de alugueiro e para as que o debedor ou debedora hipotecario/a deixase de percibir a renda de arrendamento desde o momento en que se decretou o estado de alarma ou deixe de percibila ata un mes despois da finalización del.

Podo solicitar o bono social se cesei a miña actividade como autónomo/a?

Si, sempre que teñas dereito á prestación por cesamento total de actividade profesional ou por ver a súa facturación no mes anterior ao que se solicita o bono social reducida en, polo menos, un 75 por cento en relación coa media de facturación do semestre anterior. Ademais, será necesario que a renda da persoa titular do punto de subministración ou, caso de formar parte dunha unidade familiar sexa igual ou inferior:

- a 2,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) de 14 pagas, no caso de que a/o titular do punto de subministración non forme parte dunha unidade familiar ou non haxa ningún menor na unidade familiar; 

- a 3 veces o índice IPREM de 14 pagas, no caso de que haxa un/unha menor na unidade familiar;

- a 3,5 veces o índice IPREM de 14 pagas, no caso de que haxa 2 menores na unidade familiar.

Esta condición de consumidor vulnerable extinguirase cando cambie algunha destas circunstancias, e estará obrigada a persoa consumidora a lle comunicar esta modificación á comercializadora.

A condición de consumidor/a vulnerable por estas circunstancias en ningún caso superará os 6 meses desde a súa concesión.

Para a solicitude do bono social, o consumidor ou consumidora remitirá á súa comercializadora de referencia, a través do correo electrónico que figure na páxina web, o modelo de solicitude xunto coa seguinte documentación:

- Copia do NIE ou NIF da/o titular e da unidade familiar

- Certificado de empadroamento e convivencia

- Certificado expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria sobre a base da declaración de cesamento de actividade declarada pola persoa interesada.

Poden cortarme as subministracións básicas (auga, luz, gas natural) durante o estado de alarma?

Non. Mentres estea en vigor o estado de alarma, non poderá suspenderse a subministración de enerxía eléctrica, produtos derivados do petróleo, incluídos os gases manufacturados e os gases licuados do petróleo, gas natural e auga aos consumidores e consumidoras, persoas físicas na súa vivenda habitual.

PROTECCIÓN ÁS EMPREGADAS DO FOGAR

Acabo de perder o meu traballo como empregada do fogar, teño dereito a algún subsidio ou prestación?

Terán dereito ao subsidio extraordinario por falta de actividade as persoas que, estando de alta no Sistema Especial de Empregadas/os do Fogar do Réxime Xeral da Seguridade Social antes da entrada en vigor do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, estean nalgunha das seguintes situacións:

  1. Deixasen de prestar servizos, total ou parcialmente, con carácter temporal, co fin de reducir o risco de contaxio, por causas alleas á súa vontade, nun ou varios domicilios e con motivo da crise sanitaria do COVID-19.
  2. Extinguiuse o seu contrato de traballo pola causa de despedimento recollida no artigo 49.1.k do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou polo desistimento do empregador ou empregadora (isto é, por despedimento da persoa traballadora), nos termos previstos no artigo 11.3 do Real decreto 1620/2011, do 14 de novembro, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do servizo do fogar familiar (isto é, por desistimento da persoa empregadora), con motivo da crise sanitaria do COVID-19.

Como podo acreditar as situacións anteriormente mencionadas?

  • Por medio dunha declaración responsable, asinada pola persoa empregadora ou persoas empregadoras, respecto das cales se produciu a diminución total ou parcial de servizos
  • No suposto de extinción do contrato de traballo, este poderá acreditarse con algunha das seguintes formas:
  • Por medio de carta de despedimento
  • Comunicación do desistimento da empregadora ou empregador
  • Documentación acreditativa da baixa no Sistema Especial de Empregadas/os do Fogar do Réxime Xeral da Seguridade Social

Cal vai ser a contía do subsidio?

  • As persoas empregadas de fogar terán dereito a un subsidio equivalente ao 70% da súa base reguladora no caso de que a perda de actividade sexa total. Se a persoa empregada reduce a súa xornada, percibirá a parte proporcional correspondente a esa redución de xornada.

Compatibilidades e incompatibilidades

  • O novo subsidio é compatible con outros ingresos por conta propia ou allea, sempre que non superen, en conxunto, o Salario Mínimo Interprofesional.
  • Será incompatible co subsidio por incapacidade temporal ou co cobro do Permiso Retribuído Recuperable.

Sábese xa como e onde podo xestionar a solicitude deste subsidio?

  • Non. A disposición transitoria terceira establece que o Servizo Público de Emprego Estatal estblecerá no prazo dun mes, a partir da entrada en vigor do presente real decreto lei, o procedemento para a tramitación de solicitudes, que determinará os formularios, sistema de tramitación (presencial ou telemático) e os prazos para a súa presentación.

PROTECCIÓN ÁS TRABALLADORAS E TRABALLADORES CON CONTRATOS TEMPORAIS

Teño dereito ao subsidio de desemprego excepcional por fin de contrato temporal? Cales son as súas condicións?

  1. Poderán acceder a el as persoas traballadoras que gozasen dun contrato de, polo menos, dous meses de duración que se extinguise tras a entrada en vigor do estado de alarma e que non contasen con cotizacións suficientes para acceder a unha prestación por desemprego.
  2. Este subsidio terá un importe do 80% do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) e percibirase por un mes. O Subsidio de Desemprego Excepcional polo fin de contrato Temporal será incompatible con calquera outra renda, salario social, subsidio, prestación ou axuda concedida polas administracións públicas.
  3. A duración deste subsidio excepcional será dun mes, ampliable se así se determina por real decreto lei.
  4. A disposición transitoria terceira establece que o Servizo Público de Emprego Estatal establecerá no prazo dun mes, a partir da entrada en vigor do presente real decreto lei, o procedemento para a tramitación de solicitudes, que determinará os formularios, sistema de tramitación (presencial ou telemático) e os prazos para a súa presentación.

Poden cortar a miña liña telefónica ou de internet durante o estado de alarma?

Non. O Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 establece que mentres estea en vigor o estado de alarma, os operadores de telecomunicacións deben manter os servizos de comunicacións contratados por toda a súa clientela e non poderán suspendelos ou interrompelos aínda que conste a dita posibilidade no contrato de servizos que se subscribise. Tampouco pode interromperse o servizo por falta de pagamento.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión