Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de maio de 2022

A Fundación Emalcsa e a asociación AGA Ucraína asinaron este luns un convenio de colaboración para promover a integración social do colectivo de refuxiados na cidade a causa do conflito bélico en Ucraína

O Concello da Coruña reforzará o apoio aos refuxiados ucraínos con máis servizos de atención psicolóxica e tradución e interpretación

O acordo posibilitará a posta en marcha de servizos de tradución e apoio en xestións administrativas, sumándose aos traballos que xa se desenvolven na Oficina Municipal de Atención ao Pobo Ucraíno

A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira; a presidenta da asociación AGA-Ucraína, Natalia Afonina; e o director xerente do padroado da Fundación Emalcsa, Manuel Aguilar, asinaron esta mañá un acordo de colaboración entre a Fundación Emalcsa e a asociación AGA-Ucraína que promoverá a integración social do colectivo de persoas refuxiadas na cidade a causa do conflito bélico en Ucraína.

Yoya Neira, en calidade de vicepresidenta do padroado Fundación Emalcsa, valorou os obxectivos marcados no convenio, financiado con 15.000 euros e que posibilitará que persoal contratado pola asociación AGA-Ucraína traballe a diario coas persoas refuxiadas para ofrecerlles servizos de primeira necesidade como atención psicolóxica, tradución e interpretación con persoal da asociación que domina idiomas como o castelán e o ucraíno; así como apoio en xestións coa Administración pública, especialmente nos eidos de Estranxería, Sanidade, Servizos Sociais, Educación e Vivenda.

"A Coruña, fiel á súa identidade, é unha cidade que sempre está aberta a axudar. Hoxe damos un paso máis na integración dos refuxiados que chegaron de Ucraína, que terán no Goberno municipal que lidera Inés Rey, e tamén na cidadanía, un apoio firme para iniciar unha nova vida", sinalou Yoya Neira, que amosou o seu agradecemento ao equipo de profesionais da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, a Fundación Emalcsa e a asociación AGA-Ucraína "pola súa preocupación e predisposición constante na procura de solucións para atender ás persoas refuxiadas a causa da agresión sufrida por Ucraína".

Neste sentido, o convenio tamén abrangue a colaboración co Concello para a atención das unidades familiares que precisen atención a través das axudas de emerxencia social do programa "A Flote", financiado pola Fundación Emalcsa.

Máis de 74 familias atendidas pola Oficina Municipal de Atención ao Pobo Ucraíno

En paralelo, o Concello continúa traballando no asesoramento e axuda ás persoas refuxiadas polo conflito bélico en Ucraína a través da Oficina Municipal de Atención ao Pobo Ucraíno (OMAPU), habilitada na rúa Matadoiro, 68.

A OMAPU, posta en marcha a finais de marzo, atendeu a un total de 74 familias durante as súas primeiras semanas de actividade, prestando servizo a 191 persoas, das que 97 son mulleres e 75 menores. No referente ao total de atencións, 107 realizáronse de forma presencial na propia Oficina Municipal de Apoio ao Pobo Ucraíno.

Por outra banda, o pasado 21 de abril, o Concello da Coruña deu comezo aos cursos de castelán para os refuxiados ucraínos chegados á cidade. Un total de 30 persoas (20 adultos e 10 menores) comezaron a finais de abril unha formación gratuíta co obxectivo de impulsar a súa integración social na cidade. Esta actividade de inmersión lingüística promovida polo Concello prevé estenderse, inicialmente, por tres meses.

Noticias

Prestacións

Subscrición ao boletín de actividades

Novidades

Novidades

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión