Concello da Coruña

Concello da Coruña

Talleres primavera 2012

Programación talleres primavera 2012.

Cando:

Dende o 12/02/2012 ata o 30/06/2012

Xa rematou

Documentos:

Talleres primavera 2012 (74 KB)

A cultura non son só as obras de arte senón, e sobre todo, as relacións que diferentes persoas establecen con elas. Da mesma forma, unha institución cultural non é un edificio, uns servizos ou unha secuencia de actividades, senón un exercicio de intelixencia e sensibilidade emocional á hora de establecer relacións coa cidadanía.

O Ágora ten, pois, unha dobre función para satisfacer eses dous aspectos interrelacionados: dar servizo á sociedade e dar servizo á comunidade artística e cultural, tendo en conta que nin a sociedade nin a cultura son estáticas, senón enormemente dinámicas e cambiantes.

O Ágora é un punto de partida, un novo comezo, unha nova forma de facer as cousas.

TALLERES QUE SE IMPARTIRÁN NO CENTRO:

CIDADE

DESCUBRIR CORUÑA

Xoves de 17.00 a 18.30 h.

Responsable: José Castro Quián.

Profundar no coñecemento da evolución histórica, a arte e distintas curiosidades da nosa cidade por medio de charlas e fundamentalmente de visitas a pé polos lugares máis singulares con propostas variadas para manexar os recursos da cidade.

LITERATURA

A VOLTAS COAS PALABRAS

Martes de 10.30 a 12.00 h.

Responsable: Chus Molina.

Realización de composicións escritas a través da aprendizaxe de distintas técnicas participativas de escritura.

HISTORIA E ARTE

MERGÚLLATE NAS EXPOSICIÓNS

Mércores de 17.00 a 18.30 h.

Responsable: Samuel Sánchez.

Coñecer os principios básicos para gozar e aproveitar as distintas exposicións que se realicen na cidade, nos ámbitos máis variados: pintura, arquitectura, fotografía, medio ambiente,...

ARTE AO TEU ALCANCE

Martes de 17.00 a 18.30 h.

Responsable: Graciela López.

Cres que fai falta ser un experto para gozar da arte? Pois claro que non! Descubriremos de forma participativa e dinámica os fundamentos da pintura, arquitectura, escultura,…coñeceremos as obras fundamentais da historia da arte e aproveitaremos todo o que nos ofrece a nosa cidade.

CINEMA

DÍAS DE CINEMA

Luns de 19.00 a 20.30 h.

Responsable: Martin Pawley.

Unha aproximación ao mellor cinema de onte e hoxe, con especial atención aos autores e xéneros que non chegan ás salas comerciais. Valoraremos, comentaremos e falaremos da programación das salas coruñesas, dende todos os puntos de vista: directores, actores, técnica, etc. Repasaremos as noticias de actualidade e ou que sucede nos festivais de cinema máis importantes, daremos conta dos debates que se están producindo non ámbito da produción e distribución cinematográfica.

MÚSICA

DESCUBRIR A MÚSICA

Martes de 17.00 a 18.30 h.

Responsable: José Manuel Fraga.

Descubrir a historia da música de forma diferente a través de dinámicas participativas, audicións, actividades entretidas que nos darán unha perspectiva totalmente distinta dela.

ASTRONOMÍA

BAIXO UN MANTO DE …

Mércores de 19.00 a 20.30 h.

Responsables: Óscar Branco e Borja Tosar.

Descubrir entretidamente as estrelas, os planetas, o universo, facendo prácticas e experimentos que demostren as distintas teorías científicas, con actividades dinámicas e algunha saída complementaria.

COCIÑA

LARPEIRADAS

Luns de 10.30 a 12.30 h.

Responsable: Eva Rios.

A través de sinxelas receitas elaboraremos todo tipo de sobremesas caseiras.

A COCIÑA DA AVOA

Xoves de 18.30 a 20.30 h.

Responsable: Marta Ramos.

As receitas máis sinxelas, as que nos fan a boca auga, en definitiva as de toda a vida cunha adaptación á cociña de hoxe en día, rápida, fácil e accesible, todo iso de maneira entretida e moi participativa.

TEATRO

DESENMASCÁRATE

Martes 19.00 a 20.45 h.

Responsable: Alex Antelo.

Desenvolvemento de habilidades e técnicas para escenificacións, empregando recursos teatrais básicos.

MÓVECHE CABARETISTA

Xoves de 19.00 a 20.45 h.

Responsable: Iría Pinheiro.

Buscamos potenciar o impulso creativo e chegar con el á diversión e o autocoñecemento. A través da aprendizaxe de cancións, bailes, actitudes e xestos que definen o estilo teatral do cabaré, exploraremos dunha forma lúdica todas as posibilidades para desenvolver a nosa creatividade.

INTERPRÉTAO

Luns de 19.30 a 20.45 h.

Responsable: GATEA (Artes Escénicas para
Todos os Públicos).

Taller de interpretación para mocidade e adultos onde se tratarán distintas disciplinas e técnicas (expresión corporal, improvisación, teatro físico, a máscara e teatro de texto clásico e contemporáneo). O principal obxectivo é que os participantes desenvolvan un coñecemento básico sobre a súa ferramenta de traballo: o corpo, a voz, a dicción, o ritmo e o pensamento. Preténdese así que os participantes adquiran unha visión inicial sobre a arte da interpretación. O taller será impartido por varios artistas profesionais das compañías Elefante Elegante, Caramuxo Teatro e Katarsis, fundadores da ASOCIACIÓN GATEA.

MANUALIDADES

TÉCNICA E CREATIVIDADE

Martes de 18.00 a 20.00 h.

Responsable: María Vilar.

Aproximación ás distintas técnicas manuais para a realización de diferentes producións de carácter manual con materiais tan variados como: cristal, teas, estaño, tellas, madeira,… que respondan aos intereses dos/as participantes.

RE - CREA

Mércores de 10.30 a 12.30 h.

Responsable: Chari Maquieira.

Partindo de distintos materiais que poidamos ter pola casa daremos un aspecto diferente a través de todo tipo de técnicas manuais, sobre todo decoupaxe, traballando todo tipo materiais que respondan aos intereses dos/as participantes.

ACTIVIDADE MOTRIZ

CON MOITA MARCHA

Martes e xoves de 18.30 a 19.30 h.

Responsable: Rebeca Neira.

A música, o movemento e a expresión servirán de principios para a confección de fáciles creacións colectivas de hip-hop, batuka, … con soportes musicais moi diversos.

TONIFICA O TEU CORPO - MAIORES DE 65

Martes e xoves de 10.00 a 11.00 h.

Responsable: Fernando Campos.

Actividades motrices de pouca intensidade para manterse en forma enfocadas a maiores de 65 anos.

A MOVER O ESQUELETO

Luns e mércores de 10.00 a 11.00 h.

Responsable: Ana Lago.

Actividade física variada a través de novas e diversas propostas para manter o corpo en forma.

TALLERES EN FAMILIA

BENDITOS AVÓS

Luns de 10.30 a 12.00 h.

Responsable: Mónica González.

Que papel desempeñan os nosos avós na actualidade? Como se senten? Como poden transmitir todas as súas experiencias? Como son as vosas relacións cos netos? Como evitar a tensión dos avós? Todo isto e moito máis para gozar de todos eses gratificantes momentos cos vosos netos.

PARA NENOS OU PÚBLICO FAMILIAR

PLASTILINA EN ACCIÓN

Venres de 17.30 a 19.30 h.

Responsable: María Noel Toledo.

Actividade única para gozar en familia, que permite que pais, avós, fillos e netos se divirtan xuntos coa axuda dos contos, a plastilina e da súa imaxinación. Historias variadas, creacións de plastilina e fotografía ilustrarán orixinais bandas deseñadas con selo familiar. Os maiores descubrirán moitas cualidades artísticas ata agora ocultas, ademais de variadas aplicacións prácticas deste material excepcional.

XUNTOS AO ÁGORA

Sábados de 11.00 a 13.00 h.

Responsable: Belén Jove.

Pasaremos a mañá dos sábados realizando talleres tan variados como: xogos populares, cociña, danzas do mundo, reciclaxe, mandalas,… unha ampla gama de propostas transversais para gozar xuntos. Os nenos estarán agrupados por tramos de idade e poderán participar os nados dende 1998 ao 2008.

Compartir en Tuenti

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión