Mostra de ilustracións de María Luisa Torcida, traballos editados dende o ano 1985 ata a actualidade.
Dende o 01/04/2014 ata o 30/04/2014
Xa rematou
Entrada libre.
Esta é unha retrospectiva de carácter individual, cun criterio cronolóxico, que permite rastrexar a evolución dos distintos temas, técnicas e materiais cos que traballou a ilustradora durante case trinta anos dedicados á profesión.
Expóñense preto de cincuenta montaxes, con máis de 100 ilustracións, todas elas editadas no período que vai dende o ano 1985 ata e ano 2013. A maioría das ilustracións pertencen ao que no sector editorial se denominan "publicacións xerais", outras son pertencentes ao chamado "libro álbum", materiais xeralmente dirixidos á franxa de idade que vai dos tres aos cinco anos; pre-lectores que aínda non gozan da palabra escrita e si teñen moi desenvolto o sentido do expresivo.
E así, como apunta Arheim na súa Arte e percepción visual, se "… unha manta tirada sobre unha cadeira pode parecernos algo retorto, triste ou canso…" inmediatamente Mª Luisa Torcida súmase imaxinando a manta, inquieta e incómoda nesa cadeira, revolvéndose e volvéndose a acomodar tras un longo bocexo… e é, con ese engadido imaxinario co que traballa. Debuxa, entón, mantas imaxinarias que se acomodan en cadeiras, libros que se dormen, árbores que falan ou elefantes que voan sobre margaridas, porque cre que así é como se transmiten as mensaxes aos nenos, que posúen un cerebro emocional e afectivo que vai moi por diante da súa maduración cognitiva, racional e crítica como nos lembra o neurólogo Francisco Mora.
A exposición complétase cunha conferencia o 11 de abril "O debuxo ao natural, captar a vida" e talleres de ilustración para nenos en Semana santa.
María Luisa Torcida nace en Oviedo (Asturias) un 16 de maio do 1963, aínda que ela sempre di que lle gustaría nacer en Krakundolowia2, un deses lugares máxicos que só aparecen nos mapas que garda Merlín na súa enorme biblioteca. Pasa en León os veráns da súa infancia e adolescencia, alternando a capital castelá con Madrid, Oviedo e Guadalaxara; cidades ás que está moi vinculada emocionalmente. Actualmente vive en Xixón.
É licenciada en Belas Artes, coa especialidade en gravado, pola Escola de San Fernando de Madrid, (Universidade Complutense). Durante a nenez, son numerosos os premios de pintura e debuxo que lembra ter conseguido, grazas á confianza e o tesón que o seu mestre da infancia, Jose Antonio Sánchez Mariño, lle inculcou, valores que xunto cunha paixón polo debuxo definirana para sempre. En 1984, consegue o 1º e 2º premio de Pintura Xuvenil A, do Certame de Artes Plásticas na fase rexional; obtendo ese mesmo ano, o Premio de Pintura do dito certame na súa fase autonómica realizado no Torreón de Lozoya de Segovia.
Actividades relacionadas
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible