A Coruña City Council

A Coruña City Council

Dates:

2 of november of 2026

A Coruña acolle unha nova edición de Modiña Summit para reforzar a súa posición como referente da moda, o comercio e a creatividade

O encontro reunirá os días 4 e 5 de novembro a profesionais, empresas, emprendedores e líderes de opinión arredor dos retos e oportunidades da industria da moda

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou hoxe na presentación de Modiña Summit 2026, un encontro que celebrará a súa cuarta edición os días 4 e 5 de novembro na Coruña cun programa centrado na innovación, o emprendemento, o turismo e o comercio vinculados á industria da moda.

Durante o acto, Castro destacou a importancia dun evento que contribúe a reforzar a relación histórica da cidade coa moda e a proxectala como un elemento estratéxico para o desenvolvemento económico, cultural e turístico. "Na Coruña, a creatividade sae á rúa. Está nun escaparate, nun obradoiro, nunha exposición; na maneira de vestir, de compartir mesa e de abrir as portas a quen nos visita. A esa relación entre o que somos, o que creamos e o que compartimos chamámoslle Cultura de Vivir", sinalou o edil durante a súa intervención.

A programación desta edición inclúe por primeira vez un Press Trip de Moda e Turismo pola Coruña, unha iniciativa dirixida a xornalistas e creadores de contido que percorrerán algúns dos espazos máis representativos da cidade para coñecer a súa conexión coa industria téxtil, o comercio, a artesanía e a gastronomía. A actividade busca reforzar o posicionamento da Coruña como destino asociado á moda e á creatividade.

O programa do día 5  desenvolverase, a partir das 16.00 horas, no Work Café Santander, contará coa celebración de JF64 Emprende, un espazo dedicado ao emprendemento no que nove proxectos relacionados coa industria téxtil e da moda presentarán as súas propostas ante un xurado especializado. Ademais, abordarase o impacto da intelixencia artificial no sector e analizaranse as oportunidades de desenvolvemento para o ecosistema galego da moda.

Entre os contidos previstos figura igualmente unha mesa redonda dedicada ao turismo baixo o lema "A Coruña, destino moda. Galicia, destino moda", así como un foro centrado no futuro do comercio e os procesos de dixitalización. A programación completarase cun relatorio especial a cargo do comunicador e experto en moda Josie.

O concelleiro puxo en valor a relevancia da moda como expresión cultural e como motor económico. "A moda ocupa un lugar na identidade da nosa cidade. Reúne a sensibilidade de quen deseña, o saber de quen confecciona e a proximidade de quen atende un comercio. Converte a creación en traballo e a personalidade nunha linguaxe que viaxa. É cultura que se viste e que leva o nome de Galicia polo mundo", destacou.

Segundo os datos da organización, Modiña 2026 contará coa participación de máis dunha trintena de líderes de opinión do sector e acadará unha ampla difusión a través das redes sociais e dos medios especializados. O encontro consolídase así como un dos principais foros de reflexión arredor da moda en Galicia, reunindo cada ano profesionais de distintos ámbitos para analizar as transformacións dun sector estratéxico para a economía e a proxección exterior da comunidade.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

Follow us on

Iniciar sesión