Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de setembro de 2022

Unha medida que forma parte dos acordos entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica nos Orzamentos 2022 para avanzar no dereito á vivenda

A Xunta de Goberno Local aproba a adxudicación das obras para crear vivenda social na rúa Marqués de Pontejos

As obras terán un custo de 1,6 millóns de euros e porán cinco pisos de titularidade municipal en réxime de aluguer social

A Xunta de Goberno Local celebrada hoxe en María Pita aprobou a contratación das obras para rehabilitar o edificio situado entre as rúas Marqués de Pontejos e San Nicolás, para destinar as súas cinco vivendas ao aluguer social. Tal e como estaba previsto na licitación, os traballos terán un custo de 1,6 millóns de euros, un prazo de execución de dez meses e forman parte do acordo entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica para os Orzamentos 2022 no Concello da Coruña.

O voceiro do goberno, José Manuel Lage, destacou o compromiso do Goberno municipal co incremento do parque de vivenda pública na cidade para dar resposta aos colectivos que máis o precisan e ao mesmo tempo coas políticas de rehabilitación para dar unha nova vida a edificios que coma éste se atopan en ruinas.

María García, voceira da Marea Atlántica, lembra que a rehabilitación do edificio de Marqués de Pontejos para vivenda social "é unha iniciativa que comezou no mandato anterior, coa compra do inmoble e a elaboración do proxecto de obra, e que agora por fin se fará realidade. Non só permitirá recuperar un inmoble ruinoso en pleno centro da Coruña, mellorando a calidade urbana, senón que aumentará o parque municipal de vivenda e porá cinco pisos en réxime de aluguer social".

Os traballos terán un custo total de 1.615.350 euros, que se repartirán en dúas anualidades: neste exercicio investiranse 989.973,60 euros, mentres que os 625.376,40 restantes asumiranse en 2023. O importe viuse incrementado nun 47 % sobre o previsto, debido ao aumento do custe dos materiais no último ano.

Actualmente, o orzamento en vigor conta con 3,6 millóns de euros para a promoción de vivenda pública en solo municipal, preferiblemente dentro do tecido urbano xa consolidado e con acceso a servizos. É unha medida que se inclúe no pacto polo Dereito a vivenda asinado polo Goberno municipal e a Marea Atlántica.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión