Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de xaneiro de 2023

O Concello aproba o proxecto para acometer a reurbanización entre Orillamar e San Amaro

Grazas á autorización deste proxecto, o Goberno municipal avanza no plan de melloras urbanísticas no sector leste do Paseo Marítimo

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores o proxecto de urbanización dunha superficie de algo máis de 15.700 metros cadrados entre Orillamar e San Amaro.

Esta superficie está dividida en dúas grandes áreas, actualmente sen urbanizar, na contorna da residencia da terceira idade Torrente Ballester. Neste sentido, aproveitarase a parcela existente e sen urbanizar entre o cemiterio de San Amaro, a rúa San Pedro e o Paseo Marítimo para crear unha nova área verde onde se disporá unha senda peonil e unha nova zona de xogos infantís.

A maiores, acometerase a remodelación integral dunha parcela localizada na contorna da rúa Regata Cutty Sark, tras a Cidade Deportiva da Torre e fronte á praia de San Amaro, para concretar a súa transformación como unha nova área verde que tamén abrirá novos espazos peonís e de lecer fronte ao Paseo Marítimo. Desta forma, dase solución a unha demanda da veciñanza de Durmideiras nunha zona que actualmente era un foco de maleza.

Ademais, o proxecto que recibiu hoxe luz verde contempla a construción de ata tres edificios de vivendas que estarán ubicados en sendas parcelas localizadas entre as rúas Fonte de San Amaro, San Amaro e San Pedro.

Os propietarios do polígono deberán acometer a urbanización da contorna, o que inclúe a ampliación dos tramos viais das rúas Fonte de San Amaro, San Amaro e San Pedro.

Grazas á autorización deste proxecto, o Concello avanza no plan de mellora urbanística no sector leste do Paseo Marítimo, onde continúan os traballos para humanizar e dotar de novas áreas verdes e de lecer ao tramo que conecta o viaduto das Ánimas co cemiterio de San Amaro. Esta intervención tamén abrangue unha ampliación dos espazos peonís e os carrís para corredores e bicicletas.

A XGL concedeu licenza para a construción dunha nave industrial en Vío

Na XGL informouse das licenzas resoltas no período entre os días 5 e 12 de xaneiro, con 75 expedientes notificados, dos que 25 foron licenzas urbanísticas e 31 foron obras en réxime de comunicado.

Entre as licenzas concedidas destaca a que permitirá á Promotora Urbana de Vío a construción dunha nave industrial no polígono homónimo. Concretamente, na parcela M8-2B. O prazo de execución para concretar os traballos será de 18 meses, e deberán iniciarse antes de seis, toda vez que sexa notificada a licenza.

O orzamento previsto para acometer a instalación da nave, que será destinada a usos de almacenamento, é de 1,6 millóns de euros.

Por outra banda, o Goberno municipal autorizou a concesión de licenza á empresa Seagull Paseo de Ronda para a construción dun edificio de 40 vivendas en sete alturas, baixo comercial e garaxe na rúa Pedro Ferrer, na confluencia entre a rúa Manuel Murguía e o Paseo de Ronda.

O prazo de execución dos traballos, que esixirán un investimento de 3,5 millóns de euros, é de 30 meses, e terán que iniciarse antes de seis, toda vez que sexa notificada a concesión de licenza á empresa demandante da mesma.

Crematorio do cemiterio municipal de Feáns

Ademais, este mércores, a Xunta de Goberno Local acordou a adxudicación do servizo de mantemento do forno crematario do cemiterio municipal de Santa Cecilia de Feáns, que será asumido pola empresa Multiservicios Tritón.

O contrato, que terá unha duración inicial de dous anos, prorrogables anualmente por tres máis, conta cun orzamento de 157.233,45 euros por exercicio.

Convenio coa Autoridade Portuaria no proxecto Conecta Coruña

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura dun convenio coa Autoridade Portuaria, vinculado ao proxecto tecnolóxico Conecta Coruña, unha iniciativa dotada con cinco millóns de euros, cofinanciada con fondos FEDER, que promove infraestruturas intelixentes e o uso do 'big data' en máis de 200 edificios da cidade.

Baseándose nese proxecto, o Concello acometerá a instalación de sensores intelixentes grazas aos que poderá optimizarse nos edificios o consumo de recursos hídricos, valorar axustes automáticos da iluminación e dispor dunha medición continua do gas radón, mitigando riscos para a saúde das persoas.

Tras os catro convenios aprobados con anterioridade, que posibilitaron a adhesión da Universidade da Coruña, a lonxa da Coruña, Cruz Vermella e o Instituto Médico Quirúrxico San Rafael a este proxecto, hoxe autorizouse a aprobación do acordo para que a sede da Autoridade Portuaria, na avenida da Mariña, e a Torre de Hércules, conten con sensores intelixentes destinados, por exemplo, á monitorización de consumo de servizos esenciais (auga e enerxía eléctrica), o control de aforo de ámbolos dous edificios, así como para a detección de fumes ou fugas de gases.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión