Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de setembro de 2022

O proxecto inclúe a creación dunha explanada para usos múltiples, coma o estacionamento de autobuses ou a celebración de eventos

O Concello da Coruña inicia as obras para a construción dun aparcadoiro público no parque Adolfo Suárez

As obras, que teñen un prazo de execución de seis meses, crearán 203 novas prazas de aparcamento de uso público e gratuíto

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, iniciou hoxe os traballos para a construción dun aparcadoiro público na zona norte do parque Adolfo Suárez, no barrio de San Pedro de Visma. O obxectivo é crear unha zona de estacionamento para coches e autobuses e facilitarlles o aparcamento ás persoas usuarias do centro Padre Rubinos e do colexio Calasancias, das instalacións deportivas de San Pedro de Visma, así como do propio parque Adolfo Suárez.

As obras, que foron adxudicadas por un total de 535.006,18 euros, teñen un prazo de execución de seis meses e prevén a creación de 203 novas prazas de aparcamento. O proxecto, sufragado case na súa totalidade pola Fundación Amancio Ortega, foi deseñado baixo criterios medioambientais coa plantación dun gran número de árbores e co emprego de pavimentos permeables de tipo lousa céspede. Deste xeito, a maior parte da auga procedente da chuvia quedará no subsolo, o que facilitará captar a auga na rede de recollida de pluviais. 

Das 203 prazas previstas, tres serán de mobilidade reducida e 17 para motocicletas. Ademais, o proxecto inclúe a creación dunha explanada de formigón de 1.100 metros cadrados para usos múltiples, que servirá para o estacionamento de autobuses así como para a celebración de eventos. Os traballos incluirán a execución do firme coa organización de áreas con beirarrúas e calzada nunha plataforma única, o deseño dunha nova rede de pluviais e saneamento, a construción dunha rede de iluminación e telecomunicacións, a creación dunha rede de abastecemento, a colocación de sinalización horizontal e de 71 árbores semellantes ás existentes no parque de Adolfo Suárez para manter unha imaxe de continuidade na zona.

O acceso ao novo aparcadoiro, delimitado polo parque de Adolfo Suárez, Padre Rubinos e o colexio Calasancias, será pola rolda de Outeiro, á altura do punto limpo municipal. O aparcadoiro dotará toda a zona de máis prazas de estacionamento, polo que contribuirá tamén a eliminar o aparcamento irregular na contorna en días puntuais. Ademais, esta nova zona de estacionamento axudará á mellora do tráfico da zona, pois desconxestionará a estrada nos accesos ás escolas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión