Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de setembro de 2022

O Concello reordena o tráfico na rúa Rey Abdullah, que pasa a ser de sentido único nun tramo e suma 15 novas prazas de aparcadoiro

A intervención aproveitará a supresión dun carril para crear estacionamento en batería e para motocicletas, que pasará de 19 a 34 prazas

O Concello da Coruña está a levar a cabo estes días unha actuación de reordenamento do tráfico na rúa Rey Abdullah, no seu tramo entre as rúas José Luis Pérez Cepeda e Fernando Macías. O obxectivo desta actuación promovida pola Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade é mellorar o tránsito de vehículos na zona, adaptar a vía á normativa de accesibilidade e aumentar as prazas de estacionamento.

A actuación consiste na implantación do sentido único deste tramo de vía, de Pérez Cepeda a Fernando Macías. A supresión dun carril de circulación permite a xeración de aparcadoiro en batería na marxe dereita da calzada. Haberá, ademais, novas prazas de rotación onde ata o de agora só había para residentes.

O Concello tamén modificará a través desta actuación o lugar que ocupan as prazas para persoas con mobilidade reducida para facelas máis accesibles. Estas quedan situadas na marxe dereita da calzada, na nova zona de aparcadoiros en batería. A reorganización da marxe esquerda permite engadir unha praza extra de estacionamento. Tamén se instalará nesta beirarrúa un novo expendedor do servizo da ORA.

Por outra banda, instalarase unha illa no cruzamento entre Rey Abdullah e Fernando Macías, con entre cinco e sete novas prazas para motos. Deste xeito, será evidente o carácter unidireccional da vía. A actuación levada a cabo polo Goberno de Inés Rey completarase coa instalación da nova sinalización vertical.

Grazas a esta actuación, este tramo da rúa pasará a ter ata un máximo de 34 prazas de aparcamento polas 19 que había ata o de agora. Trátase de 14 estacionamentos para residentes, 11 rotacionais, ata sete para motocicletas e dous para persoas con mobilidade reducida. O Goberno de Inés Rey continúa así con actuacións que contribúen á mellora do tráfico na cidade, e que facilitan unha mellor convivencia entre viandantes e automovilistas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión