Concello da Coruña

Concello da Coruña

Deficiencias

O control municipal sobre o estado de conservación dos inmobles realízase no Servizo de Rehabilitación a través dos informes de avaliación dos edificios (IEE), por medio dos procedementos de reparación de deficiencias e de declaración de ruína.

A Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia (DOG núm. 34, de 19/02/2016 e BOE núm. 81, de 04/04/2016), que derrogou, entre outras, a Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e o Decreto 143/2016, de 22 de setembro (DOG núm. 213, de 09/11/2016), que aproba o regulamento de desenvolvemento da dita lei 2/2016, en vigor desde o 19/03/2016 e o 09/12/2016, respectivamente, establecen no capítulo I do seu título VI a obriga dos propietarios dos edificios de conservalos nas condicións legais para servir de soporte aos usos que sexan compatibles coa ordenación territorial e urbanística e, en todo caso, nas de seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato legalmente esixibles; atribuíndolles aos concellos a competencia para ditar ordes de execución que obriguen ás persoas propietarias dos bens inmobles a realizar as actuacións necesarias para dar debido cumprimento á devandita obrigación.

Sobre esta materia incide tamén posteriormente a Lei 1/2019, de 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia (DOG núm. 83, de 02/05/2019 e BOE núm. 126, de 27/05/2019), en vigor desde o 22/05/2019, e que introduce no capítulo II do seu título preliminar (artigos 5 ao 10) a regulación do informe de avaliación dos edificios (IEE), definíndoo como o instrumento que acredita a situación na que se atopa un edificio en relación ao seu estado de conservación, ao cumprimento da normativa vixente sobre accesibilidade e ao seu grao de eficiencia enerxética e atribuíndolle aos concellos a competencia para velar polo cumprimento da obriga de redactar estes informes.

Esta Lei 1/2019 remitiu o contido detallado, estrutura, alcance e efectos derivados do IEE ao desenvolvemento regulamentario; e nesta liña e tras un período de consulta pública e despois dos trámites de información pública e audiencia, aprobouse o Decreto 61/2021, de 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e créase o Rexistro galego de informes de avaliación dos edificios (DOG núm. 73, de 20/04/2021), que entrou en vigor o 20/05/2021, cuxa disposición transitoria primeira foi modificada polo Decreto 34/2022, de 10 de marzo (DOG núm. 56, de 22/03/2022).

Baseándose no que antecede, este Concello aprobou o 10/03/2022 unha nova Ordenanza de conservación e rehabilitación de inmobles (BOP da Coruña, núm. 54, de 21/03/2022), en vigor desde o 12/04/2022, tanto para adaptar a regulación contida na anterior, que era do ano 2011, ás modificacións que introduciron as normas mencionadas como para depurar a súa redacción despois de derrogarse de forma expresa parte do seu articulado, en suma, para dotar de seguridade xurídica aos procedementos que se tramitan na materia.

O obxectivo principal da nova ordenanza é, por tanto, adaptar a regulación municipal dos procedementos que teñen por obxecto o cumprimento dos deberes de conservación dos inmobles á actual normativa autonómica. Ao mesmo tempo, preténdese:

- Axilizar a tramitación dos procedementos

- Precisar a documentación que as persoas interesadas deben presentar coas súas solicitudes e incidir no cumprimento por estas dos requirimentos impostos pola normativa de administración electrónica

- Deslindar os asuntos da competencia municipal dos que deben tramitarse na vía civil

- Adaptar os supostos legais de ruína á normativa en vigor

- Simplificar a regulación dos supostos de execución subsidiaria por razóns de urxencia

- Precisar e desenvolver as cuestións que o novo decreto do informe de avaliación de edificios, que substitúe á anterior ITE, deixa ao criterio municipal

- Establecer o inventario municipal do inmobles respecto dos cales se dite a declaración de incumprimento dos deberes de conservación ou rehabilitación

- Regular as medidas aplicables no caso de incumprimento dos devanditos deberes

Neste sentido, tras un título preliminar de disposicións xerais na materia, os procedementos relativos a conservación e rehabilitación de inmobles regúlanse no título I desta nova ordenanza, estruturando en capítulos distintos:

- O procedemento relativo ás ordes en execución en xeral, que teñen por obxecto o cumprimento por parte da propiedade dos inmobles do seu deber de conservación por medio da realización das obras necesarias para reparar as deficiencias dos inmobles.

- O procedemento de declaración de ruína, coa determinación dos supostos legais (ruína económica ou técnica) e a previsión tanto da ruína inminente como da parcial; así como a especificación do sentido da resolución (en caso de non concorrencia de situación de ruína, orde de reparación de deficiencias; e en caso de declaración de ruína, orde de rehabilitación ou de demolición conforme ao disposto na normativa urbanística).

Estes procedementos poden iniciarse de oficio ou por solicitude dunha persoa interesada. Neste último caso, é necesario achegar a documentación indicada na propia ordenanza, en concreto nos artigos 10.3, para os de deficiencias, e 24.2, para os de ruína.

En ambos os tipos de procedementos, prevese, ademais, o relativo á adopción de medidas de seguridade e/ou actuacións por razón de urxencia en tanto o respectivo procedemento tramítase.

As obras cuxo requirimento se dispoña nestes procedementos realizaranse ao amparo do correspondente título urbanístico habilitante (licenza ou comunicación previa, segundo a entidade das devanditas obras e con suxeición ao regulado na normativa urbanística), que deberá solicitarse/presentarse no prazo que na propia orde se dispoña.

Regúlanse, finalmente, as medidas por incumprimento das ordes referidas: execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas, présa sobre o patrimonio e/ou execución subsidiaria; así como a posibilidade de acudir á aplicación dos réximes de expropiación, venda ou substitución forzosa.

Se desexa obter máis información sobre estes procedementos no Concello da Coruña, pode poñerse en contacto a través do servizo de consultas dispoñibles na seguinte LIGAZÓN

Novas

Solicitudes

Normativa municipal

  • [GAL] OMR de axudas para a conservación e rehabilitación (175 KB)
  • [CAS] OMR de axudas para a conservación e rehabilitación (177 KB)
  • [GAL] Ordenanza de conservación e rehabilitación (146 KB)
  • [CAS] Ordenanza de Conservación e Rehabilitación (153 KB)
  • OMR de axudas para mellora estética no ámbito PEPRI (183 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión