Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de febreiro de 2023

A C21 mellora as cifras da última edición e chega aos 2.900 incritos no medio maratón e na 5K

Os dorsais e as camisetas poderán recollerse a partir do venres en El Corte Inglés de Ramón y Cajal

A carreira Coruña21 que terá lugar este domingo 12 de febreiro reunirá a case 3.000 corredores e corredoras. Este mércores pechouse o prazo extraordinario de inscrición para participar no medio maratón, superando a cifra de participantes do 2022. Nesta edición haberá 1.511 atletas nas rúas da cidade, aos que haberá que sumar os 1.386 que se apuntaron á novidosa 5K (853 adultos e 533 en categorías de menores), que servirá de de introdución do circuíto de carreiras populares Coruña Corre, que comezará no mes de marzo.

O Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo organizan esta décimo quinta edición da C21, que conta cunha distancia homologada de 21.097,50 metros. A proba está incluída no calendario oficial das competicións da FGA e da Real Federación Española de Atletismo e disputarase nun circuíto totalmente urbano e cunhas características propicias para que as persoas participantes poidan bater as súas marcas.

O medio maratón manterá o percorrido do 2022, pero cambiará o sentido e deixará o paso polo Paseo Marítimo para a segunda metade da proba. As persoas participantes comezarán e concluirán a C21 no Obelisco. A primeira parte transcorrerá por Ramón y Cajal, Salvador de Madariaga e o porto coruñés. Na segunda, os atletas percorrerán as praias e atravesarán a rúa San Andrés para ir ata Porta Real e, desde alí, chegar á meta.

Por outra banda, o Goberno de Inés Rey quixo incluír nesta edición unha proba de 5 quilómetros que permitirá ás persoas participantes gozar do ambiente do medio maratón e aclimatarse á distancia habitual do circuíto de carreiras populares Coruña Corre, que comeza o próximo mes de marzo. A alcaldesa animou a inscribirse neste circuíto nestas datas e fomentar, deste xeito, a práctica do deporte entre todas as idades.

De novo, o Obelisco será o punto de partida e de chegada para unha proba 5K que pasará polos Cantóns cara a praza de Mina, continuará por Juana de Vega e San Andrés, cruzará pola rúa Alta cara as praias, virará na rotonda das Catalinas, alcanzará a dos surfeiros, tomará a rúa Sol, de novo San Andrés, Santa Catalina, os Cantóns, dará volta en Porta Real e chegará á meta no Obelisco.

As persoas inscritas poderán recoller os seus dorsais e camisetas no departamento de Deportes de El Corte Inglés de Ramón y Cajal a partir deste venres, no seu horario comercial de 10.00 a 21.30 horas. O día da carreira, o domingo 12, de maneira extraordinaria, poderanse retirar tamén os dorsais a partir das 09.00 horas na zona de saída do Obelisco.

Alteracións de tráfico

Como é habitual durante a disputa de carreiras na cidade, o domingo establecerase un dispositivo especial de tráfico coordinado pola área de Mobilidade e a Policía Local. Haberá diferentes alteracións nas vías polas que transcorrerá a proba.

De 06.30 a 12.30 horas cortarase o acceso aos Cantóns. De 06.30 a 15.30 horas haberá tamén un corte total dos Cantóns entre Santa Catalina e Alcalde Manuel Casás. De 09.30 a 12.30 horas cortarase o acceso á rúa Juana de Vega en sentido San Andrés, manténdose aberta en dirección praza de Mina. Recoméndase empregar a avenida do Porto e o túnel de María Pita para saír e entrar á cidade. Ademais, haberá un corte total de 9.30 a 12.30 horas do Paseo Marítimo entre o Aquarium e as Esclavas e no tramo da rúa Manuel Murguía ata a Casa da Auga.

Por outra banda, de 09.30 a 11.45 horas procederase ao corte total do tramo da avenida da Mariña, avenida do Porto e avenida do Exército, entre Ramón y Cajal e a glorieta de acceso á rolda de Outeiro. De 09.30 a 12.15 horas haberá un corte parcial dos carrís máis próximos ao Porto das rúas Sánchez Bregua, Linares Rivas e Primo de Rivera. De 09.00 a 12.00 horas conectarase Alfonso Molina coa avenida do Porto, habilitando un carril de saída pola vía de entrada.

De 09.30 a 11.00 horas, haberá un corte total da rúa Posse dirección saída, Alcalde Pérez Ardá, rolda de Outeiro (entre Pérez Ardá e Roberto Tojeiro), Roberto Tojeiro, rúa Ponte e Salvador de Madariaga (ata o cruzamento coa rolda Camilo José Cela). De 09.30 a 10.30 horas haberá un corte parcial de Ramón y Cajal en dirección Pérez Ardá.

Estes cortes obrigarán a establecer os seguintes desvíos:

  • Túnel de Salgado Torres: o tráfico que entra na cidade desvíase pola rotonda con Xeneral Rubín, permitíndose a saída de Fernández-Latorre.
  • A rolda de Outeiro estará cortada no cruzamento con Pérez Ardá, polo que o tráfico do tramo da Estación de tren desvíase pola vía que vai cara a Alfonso Molina e na zona do parque de Oza cara a travesía Rianxo. Estará habilitada a entrada e saída de transporte público da Estación de autobuses
  • Na rúa Vicente Ferrer todo o tráfico desviarase cara a Rafael Alberti, afectando igualmente a todas as incorporacións á avenida de Salvador de Madariaga, que se abrirá en canto pasen os últimos corredores e corredoras

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión