4 de noviembre de 2026
O programa contará cunha sesión práctica impartida polo nadador olímpico Aschwin Wildeboer na Piscina Municipal de Riazor
O Concello colabora coa Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia na organización deste encontro, que terá lugar os días 7 e 8 de novembro en Riazor
A Coruña acollerá esta fin de semana, os días 7 e 8 de novembro, a terceira edición das Xornadas Técnicas de Salvamento e Socorrismo, organizadas pola Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA) coa colaboración do Concello da Coruña e da Federación Galega de Natación (FEGAN). O encontro reunirá arredor de 50 participantes procedentes dos diferentes ámbitos deste deporte, entre persoal técnico, árbitros, deportistas e responsables da organización de competicións.
As xornadas desenvolveranse no Hotel Riazor e na Piscina Municipal de Riazor, cun programa que combinará a formación teórica coa práctica deportiva. Ao longo das dúas xornadas abordaranse cuestións relacionadas coas técnicas de natación, o rendemento nas probas de area, a psicoloxía deportiva e a organización de eventos, entre outras materias.
Unha das principais novidades desta edición será a celebración dunha sesión práctica na Piscina Municipal de Riazor, que estará dirixida polo nadador olímpico e medallista en campionatos mundiais Aschwin Wildeboer. Durante esta actividade, prevista para a tarde do sábado, de 16.00 a 19.00 horas, o deportista afondará nos aspectos técnicos do nado ondulatorio subacuático.
O encontro ten como obxectivo proporcionar novas ferramentas e metodoloxías de aprendizaxe aos diferentes profesionais e deportistas vinculados ao salvamento e socorrismo, contribuíndo á evolución desta disciplina tanto no deporte de base como no alto nivel. Ademais, busca fomentar o intercambio de coñecementos e reforzar a colaboración entre deportistas, equipos técnicos, árbitros, clubs e federacións.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a importancia de que A Coruña acolla iniciativas deste tipo, que contribúen á formación e á especialización no ámbito deportivo. "Desde o Concello seguimos apostando por apoiar encontros que favorezan o intercambio de coñecementos, a mellora da preparación de deportistas e profesionais e a colaboración entre clubs e federacións, contribuíndo así a impulsar o deporte na nosa cidade", sinalou Vázquez.
Dúas xornadas de formación e intercambio de experiencias
O programa comezará o sábado 7 de novembro, cunha primeira sesión teórica entre as 10.00 e as 14.00 horas. Pola tarde desenvolverase a actividade práctica na Piscina Municipal de Riazor, entre as 16.00 e as 19.00 horas. As xornadas continuarán o domingo 8 de novembro, cunha nova sesión formativa de 10.00 a 14.00 horas.
A terceira edición destas xornadas permitirá reunir na Coruña profesionais e especialistas de diferentes ámbitos do salvamento e socorrismo, favorecendo a actualización de coñecementos e o intercambio de experiencias arredor da formación, a tecnificación e o rendemento deportivo.
O Concello da Coruña colabora na celebración desta iniciativa, organizada pola FESSGA, que contribúe a promover a formación especializada e o desenvolvemento do salvamento e socorrismo como disciplina deportiva.

13 de noviembre de 2026

13 de noviembre de 2026

7 de noviembre de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible