Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de agosto de 2022

A mellor maxia e ilusionismo chega este sábado ás festas María Pita

Víctor Cerro presentará no Parrote o seu espectáculo de desafío extremo "El Ángel de la Muerte" e o recoñecido Jorge Blass completará a programación coa súa actuación o día 25

A mellor maxia e ilusionismo chegará este sábado ás festas de María Pita coa presenza no Parrote de Víctor Cerro e o seu espectáculo de desafío extremo "El Ángel de la Muerte". A actuación será ás 20.30 horas.  

O próximo 25 de agosto será o coñecido mago Jorge Blass o que presentará o seu espectáculo, completando desta maneira a oferta desta peculiar arte, que conseguiu converterse nun dos polos de atracción dentro dos espectáculos familiares incluídos polo Concello no programa das festas de agosto.

Víctor Cerro é un especialista en grandes desafíos, escapismo e maxia extrema. Ao longo da súa carreira realizou retos como saltar encadeado desde unha ponte, escapar de camisas de forza a grande altura, andar entre minas antipersoa, conducir cos ollos vendados baixo estritas condicións e moitos números arriscados máis. De feito, conta no seu poder co récord do mundo de maxia extrema aguantando dentro dun sartego de xeo durante 4 horas, 10 minutos e 31 segundos.

A súa presenza na Coruña forma parte do Festival Mundial de Ilusionismo incluído dentro do programa de espectáculos do Xacobeo 2022. "El Ángel de la Muerte" é un desafío extremo realizado por un dos mellores escapistas da actualidade e é un espectáculo altamente visual, onde Víctor Cerro xoga a vida ao enfrontarse a todo tipo de obstáculos, xa que o escapista encara, incluso, dúas espectaculares coitelas colgado dun guindastre elevador.

O recoñecido mago Jorge Blass será a outra cita destacada dentro do ciclo de espectáculos desta arte. Será o 25 de agosto, ás 22.00 horas, na praza de María Pita.

Está considerado actualmente como un dos mellores ilusionistas do mundo e resulta especialmente coñecido polas súas aparicións en distintos programas de televisión, recollendo desa maneira unha forma de entender a maxia que xa puxo en marcha un dos seus mentores, o mago Juan Tamariz.

Na Coruña presentará o seu novo espectáculo, no que está acompañado por un dron no escenario, con efectos visuais moi chamativos e onde a maxia interactiva fai que os espectadores e espectadoras sexan os grandes protagonistas.

Os espectáculos de maxia, orientados a un público familiar, teñen unha grande acollida e están moi asentados dentro da programación das festas de agosto. Estas dúas grandes actuacións compleméntanse coas diversas representacións incluídas dentro da programación de Cascarillarte, que conta coa presenza, entre outros, dos magos Román e Paco, con actuacións dirixidas fundamentalmente ao público infantil.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión