Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de xaneiro de 2022

Á venda as entradas para os espectáculos infantís de primavera do Bebescena 2022, no Centro Sociocultural Ágora

Pola capacidade reducida das sesións, recoméndase a asistencia dunha única persoa adulta por cada pequena ou pequeno

O Concello da Coruña, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) activou hoxe a venda de entradas para os espectáculos infantís integrados nas sesións de primavera do Ciclo Bebescena 2022, que se levan a cabo no Centro Sociocultural Ágora.

As sesións de primavera, que se prolongarán entre os meses de febreiro e xuño, abranguen un total de cinco espectáculos, orientados a nenas e nenos de idades comprendidas entre os seis meses e os tres anos. 

Baixo o selo da proximidade entre a escena e o público, o obxectivo do ciclo é conectar ás crianzas máis pequenas, e ás súas familias, con propostas que buscan espertar sensibilidades e transmitir emocións, achegando ás persoas asistentes ao teatro, á danza e á música. Esa proximidade leva, ademais, a que o patio de butacas se transforme nunha zona próxima ao escenario, con alfombras, coxíns e pequenos bancos.

As sesións deste ano amosarán espectáculos con ou sen palabras, con obxectos ou monicreques, con música en directo, con danza contemporánea, con efectos audiovisuais e tamén artes plásticas.

Serán un total de dez as funcións do ciclo previstas para esta primavera no Ágora, que oscilarán entre os 30 e 40 minutos de duración, con presenza de compañías de toda España. Os días de función e os horarios son os seguintes:

  • 6 de febreiro (11.30 e 13.00 horas): Natanam, de Da.Te.Danza.

  • 20 de febreiro (11.30 e 13.00 horas): Pinxit, de Baychimo Teatro.

  • 13 de marzo (11.30 e 13.00 horas): La luna en el jardín, de Silfo Teatro.

  • 3 de abril (11.30 e 13.00 horas): A trompa non só é cousa de elefantes, de Catro Cores Cuarteto (ESTREA).

  • 12 de xuño (11.30 e 13.00 horas): Univers, de Engruna Teatre.

Todos os espectáculos están previstos para unha capacidade máxima de 80 asistentes, coa excepción de Pinxit, máis reducido, ata un total de 50, polo que se recomenda que acuda só un adulto en compañía de cada menor.

A venda de billetes, xa dispoñible

O prezo das entradas é de 6 euros para o público xeral e de 2 euros no caso de menores de tres anos. Ademais, o Concello impulsou un abono familiar, con tres entradas para unha mesma función, por 15 euros.

A venda de billetes xa está aberta e dispoñible no despacho de billetes do IMCE situado na praza de Ourense, de luns a venres (agás festivos) de 11.00 a 15.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas; no despacho de billetes do Centro Sociocultural Ágora desde unha hora antes do comezo de cada espectáculo (sempre que queden entradas dispoñibles); e tamén a través da páxina web de Ataquilla.com.

Bebescena, un referente do teatro nacional para a infancia

O Concello da Coruña foi pioneiro na programación de teatro para nenas e nenos coa posta en marcha dos ciclos Todo Público e Todo Público Escolar, un dos primeiros en apostar polo teatro familiar a escolar a escala nacional hai xa 34 anos. Desde entón, instalacións municipais acolleron centos de espectáculos e funcións.

Esta liña de acción para potenciar os espectáculos orientados á infancia e á familia continuou co Festival de Títeres desde o ano 2013, cunha media de catro a seis espectáculos nas festas de Nadal; e Forumáxico, con catro espectáculos familiares de maxia, de carácter anual, desde o ano 2014. 

Esta traxectoria culmina, desde o ano 2014 e ininterrumpidamente, apostando tamén polo teatro de alta calidade para bebés, levando ao Ágora e ao ciclo Bebescena a converterse nuns referentes nacionais do teatro para a primeira infancia, con preto de 70 espectáculos até agora.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión