Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de xuño de 2021

Avanzan as obras do corredor verde de Novo Mesoiro

A alcaldesa, Inés Rey, comprometeuse a recuperar o proxecto do corredor verde, para o que as veciñas e veciños cederan os terreos

O Concello avanza nas obras para a creación do corredor verde de Novo Mesoiro. Tras máis de seis anos de espera, será unha realidade este verán. A alcaldesa, Inés Rey, comprometeuse a recuperar o proxecto do corredor verde, para o que as veciñas e veciños cederan os terreos, despois dunha reunión celebrada hai uns meses en que a asociación veciñal lle pediu á alcaldesa a creación dunha zona de lecer para o barrio. O pasado mes de marzo, a rexedora presentoulles á veciñanza e mais ás e aos escolares do barrio o proxecto para a creación dunha senda natural entre as rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume.

A alcaldesa lembrou que o corredor é unha demanda histórica da veciñanza que despois de moitos anos o Goberno local que encabeza logrou desbloquear. "Un proxecto que ten como obxectivo crear un espazo verde, garantir a accesibilidade a todas as persoas e mellorar a seguridade viaria", sinalou a rexedora.

A intervención ten como finalidade ordenar o interior da mazá entre os edificios situados entre as rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume. Deste xeito, obterase unha área verde e de lecer para a veciñanza ao tempo que se revalorizará o espazo público aumentando a superficie vexetal, de paseo e xogo.

No proxecto actual, o corredor verde terá unha superficie de 7.000 m2 repartidos en dúas zonas de 3.500 m2 cada unha. A parte inferior contará cunha zona de xogos infantís aproveitando o desnivel existente na topografía do terreo. O novo parque disporá de mobiliario urbano, como bancos e mesas, para potenciar o paseo e o descanso das persoas usuarias.

Até o momento, a parte central xa posuía unha zona peonil cun xogo de ramplas e escaleiras que resolvían as conexións a distintas cotas coas rúas. Agora trazaranse novos camiños dun pavimento brando que conectarán o espazo central cos parques infantís xerando un paseo en medio dun xardín natural.

Plantaranse especies vexetais e árbores de porte baixo, como arces, photinias ou camelios, co fin de ocultar as traseiras dos garaxes existentes e mellorar as vistas desde as xanelas dos edificios que dan ao corredor verde.

Para Rey, a creación deste espazo vai na liña que segue o Goberno local de facer protagonista a todo os barrios, de crear novos espazos para o paseo e a convivencia, recuperar zonas abandonadas e aumentar as zonas verdes que poñan en valor os barrios: "É necesario seguir traballando, proxectando e investindo en barrios consolidados para mellorarmos as condicións de vida da cidadanía atendendo as demandas veciñais, escoitando e recollendo as súas propostas".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión