Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de maio de 2021

Coruña 30 reducirá a sinistralidade, a contaminación e mellorará a accesibilidade da cidade

A Coruña foi pioneira na aplicación das medidas da DGT para poñer en práctica este límite urbano de velocidade. Os concelleiros de Mobilidade e Seguridade Cidadá participaron xunto a Stop Accidentes nunha xornada divulgativa para lles dar a coñecer aos escolares as vantaxes de reducir a velocidade nas vías urbanas. A xornada continúa esta tarde cunha marcha ciclista que sairá da praza de María Pita e discorrerá polos carrís 30 da cidade.

Con motivo da celebración da 6º Semana Mundial da Seguridade Viaria de Nacións Unidas, os concelleiros de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Juan Díaz Villoslada e Juan Ignacio Borrego participaron con Stop Accidentes nunha xornada divulgativa que serviu para que o alumnado do CEIP de Prácticas lle dera a benvida a Coruña 30. Os responsables municipais, coincidindo coa posta en marcha da nova normativa de Tráfico que limita a velocidade a 30 km/ h, explicáronlle á rapazada os principios da Coruña 30 e as vantaxes de reducir a velocidade nas vías urbanas.

"O goberno de Inés Rey, ademais de mellorar a seguridade viaria, busca mellorar a accesibilidade, a convivencia de distintos vehículos, acadar menos ruído e menos contaminación", explicou o edil de Mobilidade, quen sitúa as persoas no centro da política de mobilidade do Concello na procura dunha cidade máis amable, máis sustentable e menos contaminada.

Villoslada lembroulle á rapazada que A Coruña leva un ano sendo unha Cidade 30, e sinalou que a xornada servía dalgún xeito "para que Coruña 30 bote a andar coa posta en marcha dos novos límites de velocidade impostos por la Dirección General de Tráfico, unha norma obrigatoria desde hoxe".

O Concello, dixo, leva meses traballando neste cambio desde que o ano pasado se declarou A Coruña como Cidade 30. Sinalou que na cidade preto do 90% das vías a velocidade xa está limitada a 30km/h, e que todas as vías cun carril por sentido da circulación teñen esta limitación obrigatoria, mentres que nas vías de plataforma única é de 20km/h e nas vías con máis dun carril por circulación é de 50km/h.

Esta medida, apuntou, fai posible a convivencia dos coches, das bicicletas e dos VMP nos carrís 30. Ademais, estase a habilitar carrís 30 nas vías con máis dun carril por sentido de circulación.O edil quixo resaltar que para o Concello o máis importante é tratar de reducir a sinistralidade viaria. "Os datos que aporta a Dirección Xeral de Tráfico confirman que a redución da velocidade a 30 supón que o risco de que unha persoa morra atropelada se reduce nun 80%.", sinalou.

Pola súa banda, a responsable de Stop Accidentes, Jeanne Picard, mostrou a súa satisfacción polas novas medidas porque "son moitos anos pedindo unha redución da velocidade nas cidades, porque sabemos que a velocidade excesiva mata", dixo Picard, quen pediulle á cidadanía que respecte a sinalización e que lle dea prioridade ás peoas e aos peóns.

Respecto ás sancións por non cumprir os novos límites de velocidade, o edil de Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, sinalou que o Concello aposta pola educación viaria. Por iso, desde a concellería seguirán coas campañas de información sobre as novas medidas con fin de acadar melloras na convivencia entre vehículos, bicicletas, VMP e persoas viandantes.

Durante a xornada divulgativa. nenas e nenos de 4ª, 5º y 6ª de educación primaria leron un manifesto pedíndolle ao Concello "rúas para a vida, para as persoas e para o planeta". A rapazada tamén lle entregou ao edil varias peticións. Entre elas a ampliación do carril bici para que a xente se anime a deixar o coche en casa e fomentar unha mobilidade máis sustentable, a implantación de sinais luminosas preto dos centros educativos e no camiños dos escolares a casa, e facer que os semáforos sexan máis accesibles ás e aos peóns, adaptando os tempos para que as persoas con mobilidade reducida poidan cruzar as rúas con seguridade.

A xornada continúa esta tarde cunha marcha ciclista que sae da praza de María Pita e discorrerá polos carrís 30 da cidade para lles lembrar ás e os condutores a entrada en vigor da nova normativa sobre velocidade 30 e os cambios que supón para a circulación na cidade.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión