Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de setembro de 2020

Cultura ofreceu máis de medio centenar de citas desde xuño e programará outras 140 máis para apoiar as/os creadores locais

Pese ás restricións decretadas pola Xunta por mor da Covid-19, o departamento que dirixiu Jesús Celemín apostou por darlle espazo á cultura coruñesa até que chegaron as novas medidas da Consellería de Sanidade

A Concellería de Cultura ofreceu máis de 50 citas desde a fin da desescalada e programou outras tantas até que a Xunta decretou a primeiros de agosto a imposibilidade de realizar espectáculos por mor da incidencia do virus na comarca coruñesa. Nos vindeiros meses e grazas á aprobación do Presco, o departamento que dirixiu Jesús Celemín organizará preto de 140 actuacións na cidade para axudar as/os creadores locais, para o que se destinará un orzamento de 300.000 euros.

Desde o mes de xuño, en que se reabriron os museos, o arquivo histórico e as bibliotecas municipais, esta área deseñou toda unha programación con concertos no teatro Colón da cámara da OSG, que se retransmitiron vía streaming e outros dous máis da Banda Municipal. En xullo, os teatros realizaron traballos de mantemento para recibir, como é habitual todos os anos, ao persoal inspector que analizou en agosto o estado das intalacións. Volveron neste mes tamén as exposicións como as do Castelo de Santo Antón, o Aquarium sobre "Wild life" e as de pintura e fotografía da Casa Museo Picasso e Casares Quiroga, en que se puideron ver retratos da corentena e o proxecto de Xurxo Lobato. A súa vez, Marian Ledesma, Guadi Galego e o coro Cantabile protagonizaron o concerto "Coruña Orgullosa 2020", dentro dun programa que incluíu fotografía no Obelisco coa exposición "Pedras", de M.J. Garrido.

Ademais, proxectouse cine "cuir" na Fundación Seoane e o ciclo de Cine en Terraza levou a maxia do sétimo arte ao Fórum Metropolitano. A música contemporánea tivo acubillo na Seoane co terceiro Festival Resis, onde se celebraron tamén as III Conversas na rede. Na rúa, PhotoEspaña mostrou as instantáneas que as/os coruñeses realizaron desde a casa durante o confinamento. Cando a cultura parecía espertar, a Xunta determinou que se limitase o público nas actividades debido á situación preocupante derivada do aumento de casos de Covid-19 na comarca. Aínda así se puideron celebrar até o final as feiras do libro actual e o antigo, o salón de Viñetas desde  o Atlántico, que acolleu exposicións no Kiosco Alfonso, Palexco, Pazo de María Pita, Casa da Cultura Salvador de Madariaga e na Torre de Hércules, así como sinaturas de cómics e conferencias reducidas de capacidade. Tamén se instalou a feira do tebeo, Rúa de Banda, e pese a ausencia de público, tanto a Banda Municipal como a OSG ofreceron os directos que tiñan previstos para compartilos nas redes. Pese a que as festas se suspenderon xusto o 7 de agosto, cando ía comezar o Festival Noroeste Estrella Galicia, as e os coruñeses desfrutaron de xornadas, en que se extremaron as medidas de seguridade, e nas que se subiron ao escenario, entre outros, o barítono Borja Quiza, o grupo Luar na Lubre ou Sés. Quedaron sen poder reencontrárense co seu público, outras/os tantas/os artistas que estaban programados até o día 15.

A cativada puido vibrar en directo cos espectáculos que distintas compañías do país prepararon no apartado Cascarillarte, que tivo lugar en Santa Margarida, Eirís e Parque Europa e a música e agrupacións tradicionais de dentro e fóra da Coruña protagonizaron unha tarde de actuacións o 6 de agosto nestes mesmos puntos.

SETEMBRO

Dentro do permitido, Cultura continuará programando este mes citas que atañen á preservación dos océanos como o sétimo festival Mar de Mares, en que haberá encontros con escritores como Domingo Villar e Nacho Carretero, así como a mostra na Dársena da fotógrafa Isabel Muñoz.

En setembro terá lugar tamén a mostra de cinema periférico (S8) cunha adaptación do programa á realidade actual para abordar outros xeitos de facer audiovisual e lírica virá da man de Amigos da Ópera no teatro Colón. Na casa museo Casares Quiroga, ofrecerase a exposición "Imaxes da memoria. O cómic como recurso didáctico".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión