Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de novembro de 2026

Inés Rey destaca en Dunkerque que A Coruña avanza cara a creación do espazo urbano de maior calidade do noroeste da península ibérica

Reivindicou o modelo coruñés de relación porto-cidade como un exemplo de transformación urbana, desenvolvemento económico e colaboración institucional

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey participou este martes na Conferencia Mundial de Cidades e Portos, celebrada en Dunkerque, onde reivindicou o modelo coruñés de relación porto-cidade como "un exemplo de transformación urbana, desenvolvemento económico e colaboración institucional". A rexedora interviu na mesa de debate 'Perspectivas para unha relación porto-cidade robusta', xunto a Johan Klaps, presidente do Porto de Amberes; Jean-Frederic Laurent, delegado da Unión de Portos de Francia; e Olga Farman, presidenta da Autoridade Portuaria de Quebec.

Rey destacou que Coruña Marítima non trata só da recuperación de solo portuario para a cidade, "consiste en construír o maior proxecto de cidade das próximas xeracións". En palabras da alcaldesa, "avanzamos cara a creación do espazo urbano de maior calidade da nosa área de influencia, do noroeste da Península Ibérica e mais en concreto da nosa comunidade, Galicia, dentro dunha rede europea e atlántica que nos comunica co mundo". 

Durante a súa intervención, a alcaldesa puxo en valor a condición histórica da Coruña como cidade portuaria, salientando que "A Coruña é unha cidade con porto, non unha cidade e un porto", unha idea que resume a relación inseparable entre o desenvolvemento urbano, económico e cultural da cidade e a súa infraestrutura portuaria. 

A rexedora explicou ante representantes internacionais do sector marítimo e portuario que o proxecto Coruña Marítima constitúe "unha nova xeración de integración porto-cidade", aproveitando o traslado progresivo de actividades ao porto exterior para recuperar para a cidadanía unha parte fundamental da súa relación co mar. Rey puxo en valor o proxecto que contempla a transformación de preto dun millón de metros cadrados, a creación de novos espazos públicos e zonas verdes, a mellora da mobilidade urbana, a incorporación de equipamentos culturais e sociais e o impulso de novas actividades económicas e innovadoras e destacou que "toda a cidadanía poderá coñecer nas próximas semanas o proxecto concreto de desenvolvemento polo que apostará a cidade". 

A alcaldesa subliñou que esta transformación non supón renunciar á actividade portuaria, senón reforzala. Neste sentido, afirmou que o desenvolvemento do porto exterior permite incrementar a capacidade loxística e industrial do sistema portuario ao tempo que se liberan espazos para novos usos urbanos. "Non estamos substituíndo porto por cidade. Estamos construíndo unha relación máis eficiente e máis intelixente entre ambos", defendeu. 

Outro dos eixos da súa intervención foi o papel da cultura e da proxección internacional nos novos espazos marítimos urbanos. A alcaldesa destacou a apertura á cidadanía de ámbitos anteriormente inaccesibles e a conversión de antigas infraestruturas industriais en novos espazos para a actividade cultural, reforzando o papel do litoral como lugar de encontro, innovación e conexión co mundo. 

Tamén puxo o acento na cooperación institucional como principal factor de éxito do proceso de transformación. A alcaldesa lembrou que o avance de Coruña Marítima é resultado do traballo conxunto do Concello da Coruña, a Autoridade Portuaria da Coruña, Portos do Estado, ADIF, o Ministerio de Transportes e a Xunta de Galicia, demostrando que é posible construír acordos duradeiros arredor dunha visión compartida de cidade.

Durante a súa intervención, a alcaldesa tamén reclamou un maior compromiso da Unión Europea cos proxectos de integración porto-cidade, ao considerar que son espazos estratéxicos para avanzar nos obxectivos de innovación, transición enerxética, economía azul, sustentabilidade e mellora da calidade de vida da cidadanía. 

Nomeamento no Comité Executivo da AIVP

No marco da súa participación na Conferencia Mundial de Cidades e Portos, a alcaldesa tomou parte tamén na asemblea da Asociación Internacional de Cidades e Portos (AIVP), onde foi nomeada secretaria do Comité Executivo da entidade, reforzando así a presenza da Coruña nos principais foros internacionais dedicados ao desenvolvemento das cidades portuarias.

Este nomeamento supón un recoñecemento ao papel que está a desempeñar a cidade no impulso de novos modelos de relación porto-cidade e permitirá á Coruña participar de forma máis activa na definición das estratexias internacionais en materia de planificación urbana, sustentabilidade, innovación portuaria e economía azul.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión