Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de setembro de 2022

Inés Rey: “Facer fronte á soidade non desexada entre as persoas maiores é unha das prioridades do Goberno municipal”

O Ágora acolleu esta mañá a II Xornada de Persoas Maiores ‘Influencers con APPtidudes’, promovida por Cruz Vermella co apoio do Concello

O Centro Sociocultural Ágora acolleu esta mañá o acto de realización da II Xornada de Persoas Maiores 'Influencers con APPtidudes', promovido por Cruz Vermella co apoio do Concello e baixo unha premisa común: a promoción e colaboración de iniciativas de base tecnolóxica orientadas á inclusión das persoas maiores no mundo dixital.

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada pola concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira, e a presidenta provincial de Cruz Vermella, Mercedes Casanova, puxo en valor os obxectivos desta xornada, "porque as novas tecnoloxías, empregadas con sentido e responsabilidade, poden axudarnos, por exemplo, a mitigar a distancia cos nosos seres queridos e tamén nas tarefas diarias, da vida cotiá. E por iso é importante que este tipo de avances cheguen á nosa xente maior dunha maneira didáctica".

Neste sentido, a alcaldesa subliñou o compromiso do Goberno municipal "na loita contra a soidade non desexada, unha das prioridades do Concello con respecto ás políticas de actuación coas persoas maiores". Neste caso en concreto, o Concello financia cada ano, con 150.000 euros, un programa de atención ás persoas maiores en situación de soidade, executado por Cruz Vermella. En total, o Concello destina máis de 450.000 euros a diversos programas sociais que esta asociación desenvolve na cidade.

Ademais, a través da Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, tamén están en marcha programas municipais como o talón restaurante, que tamén contribúe á socialización entre as persoas maiores beneficiarias, e as actividades de ocio e aprendizaxe que se levan a cabo na rede municipal de centros cívicos. "Estamos retomando programas que foron interrompidos pola pandemia e preparando novas iniciativas para que a nosa xente maior se sinta acompañada", recalcou Yoya Neira.

A este respecto, a alcaldesa apuntou tamén ao incremento do investimento social nos orzamentos aprobados este ano, cun 12,3 % máis con respecto ao exercicio anterior, ata máis de 27 millóns de euros.

O apoio ás iniciativas promovidas pola mocidade coruñesa

Durante a realización da II Xornada de Persoas Maiores 'Influencers con APPtidudes', Inés Rey tamén felicitou a Noa Pico, Paula Ibáñez, Sofía Freire, Sabela Barreiro e Martina Santamarta, cinco alumnas do IES Salvador de Madariaga que, o pasado verán, foron premiadas no certame mundial Technovation Girls tras desenvolver unha aplicación orientada a lles axudar ás persoas maiores no uso diario do teléfono móbil.

"As rapazas e rapaces teñen moito que achegar á hora de poñer en valor as/os nosos maiores, porque seguramente son as mestras e os mestres que, en ocasións, esta xente maior precisa", subliñou a rexedora, que recalcou que "o Concello terá sempre as portas abertas ás propostas que melloren a calidade de vida e benestar da xente maior da cidade".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión