Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de marzo de 2022

Inés Rey, na presentación da nova mostra sobre María Casares na Casa Museo Casares Quiroga: “A familia Casares representa os valores da democracia e a tolerancia”

A mostra ‘María Casares: Vivencias de infancia e xuventude, 1922-1936’ estará aberta á cidadanía na planta baixa da casa museo ata o vindeiro día 8 de maio

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe na Casa Museo Casares Quiroga a exposición María Casares: Vivencias de infancia e xuventude, 1922-1936, unha mostra que viaxa atrás no tempo para achegarse á figura da célebre actriz coruñesa durante os seus primeiros anos de vida na cidade, antes de marchar ao exilio en Francia.

"O Concello segue cumprindo neste mandato co seu propósito de poñer en valor as principais figuras históricas da cidade, especialmente as súas mulleres, cunha finalidade que é cultural e social, pero tamén política en sentido amplo e cívico", sinalou Inés Rey.

A exposición, comisariada polo historiador Xosé Manuel Alfeirán, deseñada por David Carballal e organizada polo Concello, estará aberta á cidadanía ata o vindeiro día 8 de maio na planta baixa da Casa Museo Casares Quiroga, "unha xoia da cidade e un edificio que é historia viva da Coruña", describiu a alcaldesa. "Entre estas paredes naceu tamén a María Casares culta, a que sería admirada nos escenarios de toda Europa, a qué é figura de primeiro nivel en Francia. Todo empezou nesta casa e nestas rúas. E na súa madurez, María Casares lembraba que aquí lía, por exemplo, a Rosalía de Castro ou a Curros Enríquez", agregou Inés Rey.

A mostra afonda, ademais, na influencia que tiveron sobre María Casares persoeiros como o seu pai, Santiago Casares Quiroga, deputado pola Coruña nas tres lexislaturas da Segunda República e Presidente do Consello de Ministros no ano 1936, así como a súa nai, Gloria Pérez, filla dunha mestra cigarreira.

"Homenaxear a María Casares supón lembrar tamén aos e ás represaliadas que tiveron que abandonar as súas casas e as súas vidas para comezar outra. A familia Casares foi unha delas, porque representaban os valores da democracia e a tolerancia, o auténtico inimigo para aqueles que entenden a nosa sociedade só desde un punto de vista totalitario", recordou a rexedora.

A remodelación do terceiro andar da Casa Museo Casares Quiroga

Ademais da posta en marcha da exposición María Casares: Vivencias de infancia e xuventude, 1922-1936, o Concello da Coruña impulsou a reconfiguración do terceiro andar da Casa Museo Casares Quiroga, totalmente renovado e onde estará disposto un novo espazo expositivo, María Casares e o universo da rúa Panadeiras.

Este novo espazo, que xa forma parte da conxunto museístico permanente da Casa Museo Casares Quiroga, achégase á intimidade de María Casares mediante contidos diversos como fotografías, revistas, carteis de películas e documentos persoais de Casares, nunha localización onde habitou sendo unha nena. 

Desta forma, a grazas a iniciativas como esta, o Goberno municipal pon en valor con o rico patrimonio da Coruña como cidade cultural, abrindo as súas casas museo para o gozo da cidadanía.

Continuidade do programa de actos para o Ano Internacional María Casares

Estas dúas iniciativas dan continuidade aos actos previstos polo Concello no contexto do Ano Internacional María Casares, que conmemora o centenario do nacemento da actriz coruñesa, e que comezou a inicios de febreiro coa inauguración da mostra itinerante Eu son de aquí no Fórum Metropolitano. Esta exposición, que reivindica as orixes de Casares na cidade, percorre as Bibliotecas Municipais da Coruña e actualmente está aberta ao público no centro sociocultural Ágora e, a continuación, será exposta durante o mes de abril na biblioteca do Castrillón.

Ademais, o programa de actividades polo Ano Internacional María Casares abrangue multitude de eventos teatrais e académicos que se levarán a cabo ao longo deste 2022.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión