Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de xaneiro de 2021

Inés Rey propoñerá na reunión sobre a fachada marítima a apertura progresiva dos peiraos tanto a nivel urbanístico como no ámbito da mobilidade

O proxecto que baralla o Goberno local pasa por trasladar o valo que nestes momentos pecha o peirao de Batería e que o separa da vía interior ao límite entre Batería e Calvo Sotelo. Deste xeito. obteríase unha superficie de 17.000 metros cadrados para uso cidadán.

A alcaldesa, Inés Rey, convocará esta semana a todas as administracións implicadas na transformación da fachada marítima a unha reunión co fin de abordaren de maneira conxunta a desafección dos peiraos, a consecución do tren a Langosteira e a viabilidade do Porto Exterior. Neste senso, a alcaldesa cualificou "de moi boa nova" o cambio de opinión dos responsables da Autoridade Portuaria, que agora se mostra disposta a abrir os peiraos á veciñanza.

A idea do Goberno local, explicou a alcaldesa, é liberar os primeiros peiraos que xa non terán actividade este mesmo ano e permitir o tránsito de vehículos de transporte colectivo (urbano, interurbano e turístico). "Así, poderemos habilitar a parada de buses de Entrexardíns no interior portuario e permitir deste xeito que os autobuses metropolitanos entren na cidade polo porto usando as vías interiores que transcorren paralelas ás avenidas do Exército, Primo de Rivera, Linares Rivas e do Porto", dixo. De feito, esta vía conta cun valo que impide o acceso aos peiraos con actividade portuaria, polo que non sería necesario facer ningún tipo de obra.

"Non se trata de abrir a porta, senón dunha apertura gradual con sentido", explicou a alcaldesa, para quen esta medida evitaría atascos e melloraría a mobilidade no centro da cidade. O Goberno local pretende que as bolsas de aparcamento situadas nas vías paralelas ás avenidas de Primo de Rivera e Linares Rivas poidan utilizarse como aparcadoiro para persoas residentes de ambas as zonas. "Ao ser para persoas residentes pódese controlar o acceso, o estacionamento e non ten a rotación das prazas azuis", sinalou a alcaldesa.

Por outra banda, Rey apuntou que as construcións que existen no peirao de Batería, que será o primeiro en quedar sen actividade, poderían ser utilizadas pola veciñanza. "Queremos usar as naves que van quedar baleiras, porque a zona centro e o Ensanche necesitan instalacións deportivas", dixo. Para o Goberno local, esas naves poden converterse en equipamentos deportivos provisionais e a cuberto cun investimento mínimo. Ademais, poderían habilitarse nun futuro como salas de concertos, feiras ou salas de exposicións.

O proxecto que baralla o Goberno local pasa por trasladar o valo que nestes momentos pecha o peirao e que o separa da vía interior ao límite entre Batería e Calvo Sotelo. Deste xeito, segundo os cálculos do persoal técnico obteríase unha superficie de 17.000 metros cadrados para uso cidadán.

Tamén se pretende conservar as estruturas existentes no peirao de Calvo Sotelo (a excepción dos silos de Oleosilos) para que poidan ser utilizadas pola cidadanía. As naves de maiores dimensións poderíanse transformar nun recinto feiral, sala de concertos, instalacións deportivas ou incluso poderían habilitarse espazos destinados a actividades económicas ou centros vinculados á Universidade.

E, por último, o Goberno local quere que, canto antes, se abra á veciñanza o peirao de Transatlánticos, xa que na actualidade debido á pandemia non hai cruceiros. "O peirao ten que ser desde xa para a cidade", reclamou a rexedora.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión