Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de xaneiro de 2021

Luz verde á posta en marcha do Consello Municipal de Deportes que lles dará voz ás entidades da cidade

A Xunta de Goberno Local aprobou as modificacións nas ordenanzas número 5 e 7 que regulan as taxas pola subministración de auga e polo servizo da rede de sumidoiros que permitirán rebaixar nun 50% o prezo que deban aboar as persoas autónomas e pequenas empresas que vexan limitada a súa actividade pola COVID-19

A Xunta de Goberno Local autorizou esta mañá a creación do Consello Municipal de Deportes da Coruña co fin de lles dar voz ás persoas que forman parte do tecido deportivo da cidade. A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que a creación deste consello sempre foi unha prioridade. A súa posta en marcha resulta imprescindible dada a importancia que ten o deporte na vida da cidade. "O consello será un órgano consultivo e de participación do mundo do deporte da cidade, así como un instrumento para potenciar a promoción do deporte e a actividade física", sinalou Rey.

A creación do consello servirá para responder ás demandas, os problemas e as necesidades que lles afectan aos diferentes axentes deportivos da cidade; funcionará a través de grupos de traballo co fin de asesorar o Goberno municipal en materia de deporte e de actividade física e de achegarlles as políticas deportivas municipais ás entidades deportivas, veciñanza, nais e pais e institucións.

Ademais, tal e como anunciou onte o edil de Economía e Facenda, José Manuel Lage, a Xunta de Goberno local aprobou as modificacións nas ordenanzas número 5 e 7 que regulan as taxas pola subministración de auga e polo servizo da rede de sumidoiros. Estas modificacións, apuntou o concelleiro, permitirán rebaixar nun 50% durante este ano o prezo que deban aboar as persoas autónomas e pequenas empresas que vexan limitada a súa actividade pola COVID-19. Deste xeito, as rebaixas súmanse á listaxe de medidas fiscais que puxo en marcha o Goberno local co adiamento do período de cobro de impostos e taxas, tamén este ano, e a exención das terrazas. Esta medida será agora levada ao Pleno para a súa aprobación definitiva.

A Xunta de Goberno Local aprobou a operación xurídica complementaria no sector 10 do Parque Ofimático que posibilitará contratar as obras de finalización da urbanización, ao contar o Concello coa dispoñibilidade dos terreos necesarios. En concreto, desde 2014, cando se aprobou a modificación puntual do Plan parcial Parque Ofimático, nunca se adaptaron as parcelas resultado do mencionado reparcelamento, que na súa configuración non se adaptaban á ordenación urbanística. Agora, despois de 7 anos a xestión do Goberno local permitirá adaptar a configuración de todas as parcelas do Parque Ofimático á vixente ordenación urbanística. Así mesmo, permitirá actualizar os datos e a súa configuración no Catastro e no Rexistro da Propiedade.

E ademais ampliará o crédito destinado á convocatoria de axudas para o transporte en taxi de persoas con discapacidade (Bono taxi) para 2021 nun importe de 30.000 euros. O importe total da convocatoria quedaría fixado deste xeito en 155.000 euros.

Tamén se autorizou o proxecto de humanización da rúa Rampla do Matadoiro e do tramo do Paseo Marítimo comprendido entre a rúa e o paso de peóns na confluencia coa rúa Curros Enríquez. O Goberno local prosegue deste xeito co seu plan Coruña Camiña para levar melloras de accesibilidade a todos os barrios da cidade. A actuación consiste na remodelación e transformación en plataforma única da rúa, así como en renovar a rede de recollida de augas residuais, o sistema de iluminación pública, a plantación de árbores e especies vexetais e instalar mobiliario urbano. Os traballos contan cun orzamento de 548.863 euros e un prazo de execución de catro meses.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que o Concello mantén a súa aposta por recuperar espazos urbanos de convivencia en todos os barrios da cidade co fin de lograr unha mobilidade sustentable, unha cidade que camiñe e utilice o transporte público.

Tamén contou co visto e prace da Xunta de Goberno o proxecto de normalización de tres terreos no Camiño do Martinete co obxectivo de que poidan recuperar a súa condición de soar que perderon coa nova aliñación do Camiño Martinete que quedou recollida no PXOM de 2013.

Doutra banda, adxudicóuselle o servizo de mantemento, conservación e reparación dos firmes e pavimentos das calzadas da cidade á empresa Canarga SL por un importe de 2 millóns de euros e un prazo de duración de dous anos prorrogables anualmente por tres anos máis. Tamén se lle adxudicou por un importe de 350.000 euros o servizo de mantemento, reparación e conservación das pasarelas peonís á empresa Díez y Compañía SA. O contrato terá unha duración de dous anos.

E, por último, aprobouse o proxecto de obras para conservar e manter as cubertas do edificio do miradoiro do monte de San Pedro cun orzamento de 375.029 euros, e autorizouse contratar o servizo de atención ao público dos museos científicos por un importe de 833.021 euros.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión