Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de febreiro de 2022

O museo atendeu unha media de 730 persoas ao día desde a súa inauguración en xuño de 1999

O Aquarium Finisterrae recibe o seu visitante número 6 millóns

Inés Rey: “Os Museos Científicos Coruñeses levan a cabo un labor primordial de divulgación entre o público de todas as idades”

O Aquarium Finisterrae recibiu este luns ao seu visitante número 6 millóns desde que abriu as súas portas por primeira vez o 5 de xuño de 1999. Tratouse dun grupo de alumnos de cinco anos do CEIP de Prácticas da Coruña, cuxa clase acudiu ao museo nunha visita dentro do seu programa lectivo.​

A alcaldesa, Inés Rey, acudiu a recibir a tan sinalado visitante, e destacou o papel tan importante que cumpren tanto o Aquarium como o resto de Museos Científicos Coruñeses. "Desde o Concello brindamos todo o noso apoio e recoñecementos aos nosos Museos Científicos. Levan a cabo un labor primordial de divulgación entre o público de todas as idades", sinalou.

A rexedora entregoulles guías do Aquarium ao persoal docente e xoguetes ás nenas e nenos do grupo que supuxo a visita 6 millóns. Ademais, tamén lles entregou un cadro cunha alga seca nunha inscrición conmemorativa deste fito para que coloquen na súa aula. Os nenos e as nenas tamén puideron achegarse ata as piscinas exteriores e gozar coas focas.

Máis de 700 persoas ao día

Este número de visitantes acadado hoxe significa que, desde o día da súa inauguración, o Aquarium atendeu unha media de 730 persoas diarias. A vixencia da súa proposta quedou en evidencia tras o confinamento pola pandemia, xa que malia as restricións e controis de acceso, no ano 2021 rexistrouse o mes de xullo con máis afluencia de público nos últimos 10 anos.

As persoas que visitaron o Aquarium Finisterrae desde os seus inicios puideron coñecer os diversos atractivos que contén, desde o medio centenar de exposicións temporais, as actividades infantís 'Merendas no Aquarium' e 'Durmindo con tiburóns', ou o obradoiro familiar 'Aventura coas focas', que xa esgotou todas as prazas ofertadas para este mes de febreiro. Proximamente ofertaranse novas sesións para marzo. Sen dúbida as estrelas do Aquarium son a colonia de focas das piscinas exteriores e Gastón, o tiburón touro de 2 metros de lonxitude que vive no tanque da sala Nautilus. As dúas primeiras focas, Hansi e Petra, chegaron no ano 2000. Tres anos máis tarde, a principios do verán, naceron Deneb e Altair, as primeiras focas coruñesas. E o 10 de febreiro de 2006 incorporouse Gastón.

Máis de 300 especies

O Aquarium Finisterrae viviu outros momentos históricos, como o afundimento do Prestige. O Museo acolleu a exposición fotográfica 'Chapapote' en xaneiro de 2003, con fotografías do desastre ecolóxico captadas por fotoxornalistas de medios de comunicación de todo o mundo.

"En xornadas como a de hoxe queda constatado que A Coruña é unha cidade que non se entendería sen a contribución e o labor que desenvolven os seus Museos Científicos. A cultura e o coñecemento científico están moi arraigados entre todas e todos os coruñeses", apuntou durante o acto Inés Rey.

A colección biolóxica do Aquarium Finisterrae está composta por exemplares de máis de 300 especies de peixes, invertebrados mariños, anfibios, réptiles, algas, plantas e mamíferos mariños. Son especies, na súa maioría, características dos ecosistemas mariños atlánticos, unha singularidade deste acuario dedicado a divulgar a vida mariña da súa contorna.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión