Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de outubro de 2022

As funcións para os centros escolares serán en horario lectivo dentro da programación da Concellaría de Educación

O ciclo de teatro Todo Público amplía a súa oferta con 27 funcións gratuítas dirixidas a escolares de infantil, primaria e secundaria

As seis representacións de abono desenvolveranse no Fórum Metropolitano desde o 7 de outubro ata o 17 de decembro

O ciclo de teatro Todo Público amplía este outono a súa oferta coa inclusión de 27 funcións especialmente dirixidas a escolares de infantil, primaria e secundaria, que desta maneira complementan as seis representacións de abono que se desenvolverán a partir do 7 de outubro e ata o 17 de decembro no Fórum Metropolitano.

Este ciclo propón unha programación de teatro para maiores de 3 anos, cunha completa selección de espectáculos coa que iniciar ás crianzas no teatro e, en xeral, nos mundos creativos e desenvolver a súa sensibilidade e memoria emotiva

O programa de abono está composto por seis espectáculos, que se poderán ver no Fórum Metropolitano os día 7 e 22 de outubro, 12 e 26 de novembro e 3 e 17 de decembro. Os prezos das entradas será de 6 euros, aínda que existe un abono, composto por tres entradas para a mesma función, por 15 euros. Os menores de 3 anos teñen que pagar só 2 euros. As localidades pódense adquirir na web www.ataquilla.com, no despacho de billetes da praza de Ourense, de luns a venres de 11.00 a 15.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas; e no propio Fórum Metropolitano, unha hora antes de cada espectáculo.

A oferta para público familiar na fin de semana complétase cunha programación escolar dirixida aos centros educativos en horario lectivo con 23 funcións das mesmas obras para escolares de Educación Infantil e Educación Primaria, ademais de outros catro espectáculos para Educación Secundaria: "El hombre que plantaba árboles", de Goracada Teatro, "Esas cousas marabillosas", de Empatía Teatro; "Amantis", de Rebordelos e "Joven Hamlet", de Cándido Producciones.

Todas estas funcións escolares, desenvoltas en colaboración coa Concellaría de Educación, serán gratuítas y faranse en horario lectivo, dentro da oferta da programación educativa do Concello da Coruña.

As obras incluídas dentro do programa de abono son as seguintes:

'B-612', de Realidad Traviesa. Venres 7 de outubro, ás 18.00 horas. A partir de 6 anos. Teatro de sombras, con proxeccións audiovisuais (técnica "lécoq") e música.

A historia de "O Principiño" chéganos a través das luces, sombras e cores proxectadas no seu asteroide. Viaxaremos por planetas imposibles ocupados por personaxes peculiares que nos farán ver o ben que é ser diferente, o valiosa que é a infancia e o bonito que é escoller o teu propio camiño, aínda que te equivoques. Sen esquecer que "O esencial é invisible para os ollos".

'El hombre que plantaba árboles', de Teatro Gorakada. Sábado 22 de outubro ás 18.00 horas. A partir de 6 anos. Teatro con música en directo. Premio Feten 2022 á mellor dramaturxia

Esta é a marabillosa historia de Elzéard Bouffier, un pastor imaxinario pero totalmente crible que durante moitos anos plantou árbores nunha ampla zona da Provenza e converteu o que antes era un ermo desolado nunha zona chea de vida e verdor. 

'Cubo', de Elefante Elegante. Sábado 12 de novembro, ás 18.00 horas. A partir de 4 anos. Teatro físico.

En escena, un cubo de 2 metros de largo onde habitan dous personaxes. Xogan, cantan, rin, pelexan e berran. Un día decátanse de que queren ir máis lonxe e descubrir o mundo enteiro. Sempre estiveron de acordo ata hoxe, mais no momento de elixir o seu destino non son quen de chegar a un consenso. Un quere viaxar cara a un lado en busca de preguntas e o outro quere buscar respostas na dirección oposta. Que solución atoparán? Norte, Sur, Leste ou Oeste? Xuntos ou separados?

'Nina Ninette', de Determinada Compañía. Sábado 26 de novembro, ás 18.00 horas. A partir de 4 anos. Danza contemporánea que se inspira na estética do Ballet Triádico de Oskar Schlemmer - Bauhaus

Nina, valente e alegre a partes iguais, atopa unhas flores moi especiais que a levan a descubrir un mundo fantástico, habitado por seres máxicos, poderosos e divertidos. Todo é tan diferente, tan brillante, tan fermoso! Mais Nina sente a falta do seu fogar e decide marchar. A cuestión é que ese mundo é un labirinto e, como todos os labirintos, é moi doado entrar pero ben complicado saír... Será quen de conseguilo? 

'Bajau', de Ponten Pé. Sábado 3 de decembro, ás 18.00 horas. A partir de 4 anos. Teatro visual e máxico para que as e os máis pequenos e pequenas exploren as orixes do ser humano

Este espectáculo é unha fantasía visual onde a través dos obxectos, do corpo e da busca do elemento auga como un actor máis no escenario. Prodúcese un diálogo interno de alguén que se pregunta sobre a súa orixe como especie: un diálogo interno dun organismo en crecemento que quere seguir sendo peixe nas augas maternas.

'Cocorico', de Katua&Galea Teatro. Sábado 17 de decembro, ás 18.00 horas. A partir de 4 anos. Teatro de monicreques. Premio Moretti "Cuentame un cuento" 2020.

Un espectáculo de monicreques baseado no coñecido libro infantil "Cocorico". Unha experiencia chea de momentos emocionantes, un espectáculo vistoso e cheo de personaxes entrañables. O libro (e o espectáculo) é unha adaptación dun conto popular birmano sobre o valor da palabra dada e o compromiso do seu cumprimento, con todos os ingredientes e respectando a dramaturxia do conto tradicional.

Máis información: www.coruna.gal/cultura

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión