5 de outubro de 2026
As achegas municipais cubrirán ata un 100 % dos custos do programa para as familias solicitantes
O Concello abre hoxe o prazo de inscrición para a presentación de solicitudes para a nova edición das Bolsas Norteamérica, de cara ao curso 2027-2028, despois da aprobación definitiva e publicación das bases do programa municipal, que lle ofrece ao alumnado residente na Coruña a posibilidade de cursar o equivalente a 1º de Bacharelato, nun instituto do Canadá, convivindo cunha familia canadense. O investimento para a xestión dos servizos destas bolsas cífrase en case 650.000 €. Esta iniciativa forma parte das accións do Goberno de Inés Rey para achegar outras culturas á mocidade e ofrecer novas opcións educativas públicas ás familias.
"Apostamos un curso mais por un dos programas educativos máis importantes na cidade. Porque ofrece a mozos e mozas unha experiencia única noutro país, noutra cultura, e porque, ademais, ten un enfoque completamente público para que todas as familias poidan acceder", subliñou o concelleiro de Educación, Innovación Tecnolóxica e Formación, Juan Ignacio Borrego.
A estadía en Canadá comezará a finais de agosto de 2027 e finalizará en xuño de 2028, incluídas as vacacións escolares de Nadal e Semana Santa, aínda que as datas de saída e regreso poden variar en función do estado ou territorio de destino. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 27 de outubro, e o trámite pode realizarse online nesta ligazón: https://edu.coruna.gal/coruna_educa_familias/bolsas_norteamerica/. Seguidamente, as persoas solicitantes deberán presentar por rexistro a documentación complementaria do expediente e o xustificante de confirmación da inscrición en liña debidamente asinado pola persoa solicitante e os seus titores legais. O nome da persoa que debe de aparecer como interesada na solicitude presentada por rexistro debe de ser o do ou a menor que solicita a bolsa. A páxina web de Educación do Concello (www.coruna.gal/educacion) ofrece información adicional acerca do proceso de inscrición.
Como noutros anos, o alumnado que queira optar a esta bolsa deberá poder acreditar ter aprobado todas as materias en 4.º da ESO e ter todos os documentos en regra para a tramitación do visado ou permiso de estudo. Ademais, estableceranse uns criterios de inclusión que terán como obxectivo achegar esta experiencia a todos os alumnos e alumnas que queiran optar, con independencia do nivel socioeconómico das familias. A achega do Concello cóbrelle entre o 80% e o 100% dos custos ás familias seleccionadas, dependendo das condicións de cada unha.

9 de novembro de 2026

8 de novembro de 2026

6 de novembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible