Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de febreiro de 2023

Inés Rey considera un acto de xustiza a reivindicación de Cabanas, o pintor solitario plenamente identificado coa Coruña

O Concello da Coruña lembra a Xaime Cabanas no seu décimo cabodano cunha gran exposición e diversas actividades paralelas

A mostra, distribuída entre o Quiosco Alfonso e Palexco, resalta a figura do pintor coruñés como referencia da vangarda cultural galega

O Concello da Coruña renderalle homenaxe á figura de Xaime Cabanas cunha gran exposición distribuída no Quiosco Alfonso e Palexco, e diversas actividades paralelas, coincidindo co décimo aniversario do seu falecemento. 

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quixo reivindicar a figura do pintor coruñés, un dos principais referentes da vangarda cultural galega. A mostra, dixo a rexedeora, supón "un acto de xustiza" co artista. 

Inés Rey lembrou a vinculación de Cabanas coa súa cidade, á que permaneceu sempre vencellado e que plasmou nas súas obras, como as coñecidas "Orzanas" ou nos paisaxes de Santo Amaro, Campo de Marte e a Torre de Hércules, entre outros espazos. 

A alcaldesa considera que a exposición representa unha excelente oportunidade para reivindicar a figura do artista -ao que situou como referencia da plástica coruñesa e galega ao nivel de pintores como Lugrís- , e tamén para dalo a coñecer a unhas xeracións que non tiveron ocasión de gozar do seu traballo, xa que a última exposición de Cabanas na Coruña data de 2001.

A exposición promovida polo Concello desenvólvese coincidindo co décimo aniversario do repentino falecemento de Cabanas,e cando debería ter cumprido 70 anos de idade e 22 anos despois da súa última mostra na súa cidade. Neste sentido, Inés Rey subliñou que o pintor coruñés sempre entendeu a cultura como un valor de cohesión social, fundamentalmente a través da súa ligazón coa Coruña e coa súa predilección polo cotián, que reinterpretaba cunha visión moi persoal, cargada en moitas ocasións de reflexións sobre a vida e a arte.

"Autodidacta, irreverente, mordaz, bohemio, universal, libre. Todo iso era Xaime Cabanas, pero eu só diría que era de Monte Alto", resumiu a alcaldesa para referirse ao artista, un dos principais protagonistas da renovación das artes plásticas en Galicia, para engadir que "falar de Cabanas é falar dos principais grupos artísticos e intelectuais galegos, como Sisga, A Carón, Galga, Atlántica, GrupOrzán, pero tamén é falar de Monte Alto, de Santo Amaro, do Orzán, da noite coruñesa, do Patacón, do Taller, do Bravú, do Dépor; porque falar de Cabanas é falar da Coruña".

Comisariada por Carlos Pita e Perico Vasco, "MMXXIII Cabanas" é unha das grandes exposicións deste ano na Coruña. O corpus de obra está formado por cesións de obra pictórica de gran formato procedente das máis importantes coleccións privadas e públicas e principalmente do legado familiar. Son aproximadamente noventa obras de gran formato, aínda que a mostra lle dedica especial importancia tamén aos numerosos bosquexos e pequena obra en papel que figura en arquivos particulares e na súa propia familia, xa que se poden contemplar un total de 124 destas pequenas pezas.

Integrada na mostra hai unha exposición fotográfica sobre Cabanas onde se pode ver o seu estudo e como o retrataron os fotógrafos Juan Rodríguez, Xoan Piñón, Xurxo Lobato e Vari Caramés.

Tamén hai previstas varias actividades complementarias. Así, hai programadas seis visitas guiadas á exposición, ás 19.00 horas dos sábados 11, 18 e 25 de febreiro, e 4, 11 e 18 de marzo, partindo do Quiosco Alfonso e con 25 prazas ata completar capacidade, sen inscrición previa. Ademais, haberá outras dez visitas para grupos concertados, en diferentes horarios de martes a venres, e con reservas a través do correo ludidactica@gmail.com.

Os domingos 12, 19 e 26 de febreiro, ás 12.00 horas en Palexco, desenvolveranse obradoiros en familia, con previa reserva en ludidactica@gmail.com e con prazas limitadas, para abordar temáticas como as "Orzanas", o uso da técnica fotográfica sen cámara de cianotipo sobre callaos ou a fabricación dunha propia masa cerámica con materais caseiros.

Por último, de martes a venres, ás 12.00, 13.00 ou 18.00 horas, desenvolverase un programa educativo para grupos de escolares de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e de Diversidade Funcional, denominado Criptotrazos, concebido como resposta a un proceso creativo de carácter evolutivo baseado en achados plásticos, formais e conceptuais derivados da obra de Xaime Cabanas, capaz de adaptarse con material específico aos diferentes grupos e idades, onde o compoñente lúdico é sempre protagonista. Para participar hai que reservar tamén no correo ludidactica@gmail.com.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión