Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de xuño de 2021

O Concello eleva a consulta pública o anteproxecto da Ordenanza municipal de conservación e rehabilitación de inmobles

A cidadanía poderá achegar as súas suxestións a través da web municipal durante os próximos 15 días co fin de elaborar un texto definitivo que permita axilizar os trámites e se adapte ás novas normativas autonómicas

O Goberno local eleva a consulta pública o anteproxecto da nova Ordenanza municipal de conservación e rehabilitación de inmobles co fin de que a cidadanía participe na súa elaboración definitiva e achegue as súas suxestións a través do portal web do Concello da Coruña. Deste xeito, as veciñas e veciños poderán opinar publicamente nos próximos 15 días sobre todo o referente á inspección técnica dos edificios (ITE), os procedementos de declaración de ruína, a execución subsidiaria, o rexistro de soares e edificios a rehabilitar e mais os procedementos que teñen por obxecto a emenda das súas deficiencias de conservación e/ou mantemento. Desde o servizo de Rehabilitación e Vivenda recordan que as materias están reguladas na actualidade polo texto refundido da ordenanza de conservación e rehabilitación de inmobles, que substituíu á anterior norma do ano 2006 e cuxa aprobación definitiva se publicou no BOP da Coruña o 28/11/2011. O obxectivo principal da nova ordenanza é adaptar a regulación municipal dos procedementos que teñen por obxecto o cumprimento dos deberes de conservación dos inmobles á actual normativa autonómica.

Con esta medida, o Goberno de Inés Rey quere facilitarlle á veciñanza o procedemento de cara a rehabilitar e conservar as súas vivendas e contribuír así á posta en valor do noso patrimonio, unha premisa que vai da man da recuperación do espazo público. O Concello traballa en colaboración coa Xunta na documentación necesaria para continuar cun plan de dinamización que contará coa participación de todos os axentes implicados na revitalización da zona antiga e recollerá as medidas previstas, o seu custo e o financiamento para levalas a cabo.

Por outra parte, convocou axudas municipais para a mellora da eficiencia enerxética e a accesibilidade nos edificios de vivendas cun importe de 2,6 millóns de euros.

SUBSANAR DEFICIENCIAS

Desde Vivenda destacan que o cambio vén tamén da necesidade de solucionar certas incidencias que se producen na tramitación ordinaria, motivadas xa non só polos cambios de normativas, senón por diversas deficiencias como a presentación de documentación insuficiente ou a falta de adaptación á normativa da administración electrónica por parte de persoas obrigadas. Este tipo de atrancos inciden na eficacia e eficiencia necesarias para o exercicio das competencias municipais nesta materia.

Por outro lado, o texto refundido que está en vigor na actualidade mantense no que atinxe ao deber de conservación, en tanto que as únicas modificacións que se efectuaron, nos anos 2017 e 2018, afectaron ao seu título VI, en que se regulaban as axudas á rehabilitación. Así mesmo, o seu artigo 1, segundo parágrafo, artigos 9 e 10, ese título VI (artigos 84 ao 110), o título VII (artigos 111 ao 119), dedicado ao fomento de obras de accesibilidade e soterramento de cableado, e as súas disposicións adicionais primeira, segunda, terceira e quinta, foron derrogados expresamente pola Ordenanza municipal reguladora da concesión de axudas para a conservación e rehabilitación de edificios de vivendas aprobada definitivamente polo Pleno do Concello o 10/09/2020 (BOP do 19/10/2020).

Polo tanto, a nova ordenanza adecuarase ás modificacións que introduciron as normas mencionadas e depurará a súa redacción logo de terse derrogado de forma expresa parte do seu articulado.

Consulta o proxecto da novo proxecto aquí: https://www.coruna.gal/vivienda/es/consulta-ordenanza-conservacion-rehabilitacion-inmobles

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión