30 de xullo de 2024
Os dispositivos estarán operativos os días 3, 5 e 12 de agosto no Obelisco, coincidindo co ciclo de concertos das Noites de María Pita, e os días 9 e 10 de agosto na praza de Pontevedra, cando terán lugar as actuacións en Riazor
Co inicio das Festas de María Pita 2024, o Concello xa está a traballar nos preparativos para a posta en marcha dos puntos violeta que se habilitarán no Obelisco e a praza da Pontevedra nos vindeiros días, unha medida coa que o Goberno de Inés Rey busca reforzar o dispositivo de seguridade e prevención con vistas aos vindeiros eventos na cidade, asesorando e atendendo a cidadanía ante posibles condutas de violencia sexual durante estas datas de celebracións na Coruña.
O punto violeta do Obelisco habilitarase por primeira vez este sábado 3 e terá continuidade os luns 5 e 12 de agosto, coincidindo co ciclo de concertos das Noites de María Pita. O dispositivo, que estará operativo de 22.00 a 02.00 horas, contará cun posto aberto e outro pechado, atendidos por dous profesionais expertos na prevención da violencia de xénero. Ademais, outros catro profesionais percorrerán as rúas do centro e a praza de María Pita para ofrecer información co obxectivo de sensibilizar a cidadanía.
Este modus operandi será semellante ao do punto violeta que se instalará na praza de Pontevedra, co gallo do Festival Noroeste Estrella Galicia. O dispositivo habilitarase o venres 9 e tamén o sábado 10 de agosto (22.00 a 02.00 horas), coincidindo coas dúas xornadas nas que se prevé máis afluencia de público nos concertos da praia de Riazor. Na praza de Pontevedra haberá dous postos, un aberto e outro pechado, atendidos por dous profesionais. A maiores, outras catro persoas traballarán de forma itinerante polo paseo marítimo de Riazor e a contorna da praia, asesorando ás persoas interesadas e atendendo tamén posibles incidencias.
Ademais, os puntos violeta serán espazos seguros para denunciar calquera situación de violencia sexual que poida producirse durante as festas.
MAPA Localización dos puntos violeta nas Festas de María Pita 2024 (517 KB)
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible