Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de decembro de 2025

O Concello inicia as obras de mellora nos centros cívicos de San Diego e do Castrillón dentro do Plan de Renovación da Rede Municipal

As intervencións, cun investimento conxunto superior aos 550.000 €, mellorarán fachadas, cubertas, instalacións e espazos interiores, reforzando o confort, a seguridade e a eficiencia enerxética das instalacións

O Concello da Coruña vén de iniciar as obras de mellora nos centros cívicos de San Diego e O Castrillón, actuacións incluídas na primeira fase do Plan de Renovación dos Centros Cívicos Municipais, presentado polo Goberno de Inés Rey para modernizar as instalacións desta rede de proximidade. O plan supón un investimento global de 3 millóns de euros e abrangue actuacións en cinco centros nesta primeira etapa, tal e como sinalou a alcaldesa Inés Rey na súa presentación pública.

No caso de San Diego, a acta de comprobación de replanteo foi asinada o 3 de decembro, constatándose que non existe impedimento para o comezo da obra, que arranca de inmediato segundo o establecido no contrato.

As intervencións contemplan a reparación e limpeza das fachadas, a instalación de sistemas de protección fronte a aves, a substitución de vidros deteriorados, o selado e mantemento do muro cortina, así como a mellora da cuberta mediante a limpeza e reparación de canalóns, baixantes e faldóns. Tamén se acometerán pinturas e reparacións interiores, renovaranse acabados e actuaranse sobre os muros de formigón do soto. O investimento previsto ascende a 208.104,25 €.

Pola súa banda, as obras no Centro Cívico do Castrillón e Biblioteca Municipal darán comezo o día 10 de decembro, segundo o calendario establecido. Esta intervención permitirá acometer reparacións estruturais e de mantemento acumulado, incluíndo a limpeza e desinfección de cubertas, o desatasco de pluviais, a reposición da liña de vida e melloras en carpinterías, pavimentos e acristalamentos. Un dos avances máis relevantes será a instalación dun novo sistema de climatización e ventilación con recuperación de calor na sala infantil, garantindo un ambiente máis seguro e confortable para o seu uso diario. O investimento total para esta actuación é de 346.995,29 €.

Estas dúas obras forman parte do paquete de intervencións iniciais do Plan de Renovación, que tamén contempla actuacións en Labañou, Os Rosales e a escalinata de Santa Lucía, todas destinadas a actualizar infraestruturas con décadas de uso e adaptalas ás necesidades actuais da cidadanía. O obxectivo, segundo destacou a alcaldesa no lanzamento do plan, é "dar un novo pulo aos centros cívicos, espazos fundamentais de convivencia e participación nos barrios da Coruña".

Co inicio destas actuacións, o Concello reforza o seu compromiso coa mellora continua da rede de centros cívicos, garantindo espazos máis accesibles, eficientes e confortables para a veciñanza, que permita desenvolver actividades sociais, culturais e comunitarias en condicións óptimas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión