12 de outubro de 2026
A programación inclúe 19 cursos e obradoiros, con 165 horas de formación para o tecido asociativo e a cidadanía. O prazo de inscrición abrirá o martes 13 de outubro
O Concello abrirá mañá, 13 de outubro, o prazo de inscrición para unha nova edición da Escola de Participación, que se desenvolverá durante os meses de outubro e novembro cunha oferta de 19 cursos e obradoiros gratuítos, 165 horas de formación e 400 prazas. A iniciativa, organizada polo Servizo Municipal de Participación Cidadá, está dirixida tanto ás asociacións e entidades da cidade como á cidadanía interesada en adquirir novos coñecementos e habilidades.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destacou que a Escola busca ofrecer formación útil para o funcionamento cotián das asociacións e facilitar ferramentas que lles permitan desenvolver os seus proxectos. «O obxectivo do servizo é que as entidades conten con recursos para organizarse, xestionar as súas actividades e acceder ás axudas públicas», sinalou.
Unha das novidades desta edición é a incorporación dun bloque específico de formación sobre subvencións e convenios, que será impartido por persoal municipal encargado directamente da súa xestión. As sesións abordarán cuestións prácticas sobre a solicitude, tramitación e xustificación de axudas, con obradoiros diferenciados para entidades deportivas, culturais, veciñais, de servizos sociais e de igualdade. Tamén participará a Fundación Emalcsa cunha sesión dedicada ás súas convocatorias de cultura e deporte inclusivo.
A programación responde, ás propostas trasladadas polas propias asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña (REMAC), ás que o Concello consultou para adaptar os contidos ás súas necesidades. A oferta inclúe formación en contabilidade e fiscalidade, comunicación e redes sociais, intelixencia artificial, protección de datos, xestión de entidades e elaboración de proxectos e memorias.
A Escola mantén tamén unha programación aberta á cidadanía, con cursos de lingua de signos, primeiros auxilios, educación emocional, meditación, iniciación á intelixencia artificial, técnicas para falar en público e resolución de conflitos. Entre as propostas figura un ciclo de educación emocional para mozos e mozas de 16 a 30 anos, que se celebrará no Espazo Xuvenil Remanso.
A Casa Veeduría, novo espazo para a participación cidadá
Boa parte das actividades presenciais desenvolveranse na recentemente inaugurada Casa Veeduría, na Cidade Vella, que acolle a nova sede do Servizo Municipal de Participación Cidadá e que tamén está concibida como un espazo de encontro e formación para o tecido asociativo coruñés.
A Escola combinará actividades presenciais, en liña e semipresenciais. As inscricións poderán realizarse desde o 13 de outubro a través do formulario habilitado na páxina web municipal www.coruna.gal/participacion. O prazo permanecerá aberto ata completar as prazas dispoñibles, que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición, con listas de agarda para as actividades que completen a súa capacidade.
Para ampliar información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Servizo Municipal de Participación Cidadá a través do correo participacion@coruna.gal ou do teléfono municipal 010.

9 de novembro de 2026

5 de novembro de 2026

5 de novembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible