4 de novembro de 2026
Guadi Galego, Uxía, A Banda da Loba e Chungo Pastel protagonizaron unha actuación creada expresamente para conmemorar os dez anos do Festival das Artes Inclusivas da Fundación Emalcsa
O Teatro Rosalía de Castro acolleu esta noite a gala 'Mulleres pola inclusión', o espectáculo co que arrancou oficialmente a décima edición do Festigual, o Festival das Artes Inclusivas que organiza o Concello a través da Fundación Emalcsa. A proposta reuniu sobre o escenario a Guadi Galego, Uxía, A Banda da Loba e Chungo Pastel, nun concerto único concebido para celebrar unha década de compromiso coa cultura inclusiva.
Ao acto asistiu o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, que destacou o papel do Festigual como unha das iniciativas máis relevantes da cidade no ámbito da accesibilidade cultural. "Festigual demostrou durante estes dez anos que a cultura é máis rica cando é accesible para todas as persoas. Este festival converteuse nun referente pola súa capacidade para construír espazos de encontro, participación e igualdade a través das artes", sinalou o edil.
Presentada por Leti da Taberna e Corina Alfonso, a gala serviu tamén como recoñecemento ao talento feminino que formou parte da historia do festival desde os seus inicios, con actuacións e colaboracións especiais creadas especificamente para esta edición conmemorativa.
Desde a súa creación en 2017, Festigual traballa para eliminar as barreiras físicas, sensoriais, sociais e cognitivas que dificultan o acceso á cultura, e promove unha programación diversa e accesible para toda a cidadanía. Ao longo das súas dez edicións, o certame desenvolveu máis de 160 actividades e espectáculos, contou coa participación dun milleiro de artistas e implicou 126 entidades e profesionais.
A gala supuxo o inicio de máis de dúas semanas de actividades gratuítas e accesibles que se desenvolverán en distintos espazos da cidade no marco da décima edición do festival. A programación completa pode consultarse na seguinte ligazón: FESTIGUAL Festival das Artes pola Diversidade e a Inclusión
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible