10 de outubro de 2026
Inés Rey e Nereida Canosa presentaron a iniciativa, impulsada polo Concello xunto a APEM, e o banco verde conmemorativo do Día Mundial da Saúde Mental
O Concello e APEM presentaron hoxe unha campaña para achegar a conversa sobre saúde mental aos espazos de encontro da mocidade e combater os prexuízos que dificultan compartir o malestar. A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participaron no acto, celebrado no Círculo de Artesáns con motivo do Día Mundial da Saúde Mental.
A alcaldesa destacou a importancia de escoitar a experiencia das persoas con problemas de saúde mental. «As persoas usuarias de APEM escolleron o que querían dicir e como querían dicilo. Ás institucións tócanos escoitalas e axudar a que esas palabras cheguen a máis xente», afirmou.
Rey reclamou á Xunta un reforzo da atención psicolóxica e a redución dos tempos de espera. «Se animamos a xente a pedir axuda, temos que garantir que poida recibila a tempo e sen que dependa do que poida pagar», sinalou.
Nereida Canosa explicou que a campaña busca chegar á xente nova nos seus espazos habituais de encontro, tamén a quen aínda non está buscando información sobre saúde mental. A concelleira referiuse á incerteza que acompaña decisións sobre os estudos, o traballo ou o inicio dunha vida propia. «Temos que tomar en serio o que nos contan e facilitar que poidan falar antes de sentirse desbordadas ou desbordados», indicou, animando a toda a mocidade a informarse e participar na campaña.
O Concello editará 40.000 posavasos en oito modelos, con mensaxes escritas por persoas usuarias de APEM. Entre elas figuran «Por fóra parece que todo vai ben. Por dentro, non sempre», «Non compares a túa vida coas redes: ninguén publica os días malos» e «Non necesito que me xulguen, só que me escoiten». Cada frase levará a atribución «Persoa usuaria de APEM».
No reverso explicarase a procedencia dos textos coa frase «Estas palabras son de quen as viviu» e o lema «Falar axuda. Escoitar, tamén». Os materiais incluirán un código QR de acceso á información municipal sobre o Plan de Saúde Mental.
No acto presentáronse os deseños en formato dixital. Os posavasos distribuiranse coa colaboración da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería. A iniciativa forma parte do I Plan Municipal de Saúde Mental 2024-2028, nas súas liñas de sensibilización contra o estigma e de participación das persoas con problemas de saúde mental.
Juan Vázquez Castro, usuario de APEM, deu lectura ao manifesto nun acto que contou coa presenza de membros da xunta directiva e de persoas usuarias da entidade. Ao rematar, as persoas participantes trasladáronse á zona da igrexa castrense para a fotografía xunto ao banco verde conmemorativo, que se suma aos dedicados a outras causas de saúde neste espazo da cidade.

28 de outubro de 2026

16 de outubro de 2026

30 de setembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible