Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de maio de 2022

A formación, que comeza o vindeiro 24 de maio, está orientada a persoas en situación de desemprego

Coruña Suma ofrece un novo curso sobre xestión de arquivos con prácticas en empresas

Case 700 persoas,máis de 400 delas mulleres, atoparon emprego tras pasar polas aulas de formación do programa municipal

O Concello da Coruña, a través da concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, pon en marcha un curso sobre xestión de arquivos para persoas desempregadas con especiais dificultades para atopar emprego. O curso enmárcase no proxecto Coruña Suma (AP-POEFE), unha iniciativa cofinanciada polo Fondo Social Europeo que pretende mellorar a inserción laboral de persoas en desemprego.

As accións formativas a desenvolver este ano no proxecto Coruña Suma (AP-POEFE) céntranse en 4 áreas principais: administración e xestión, informática e comunicacións, atención a persoas dependentes e hostalaría e turismo.

O curso de xestión de arquivos enmárcase na rama de administración e xestión e ten como obxectivo aprender a realizar operacións de xestión administrativa e de arquivo e documentación da información mediante soportes convencionais e informáticos. As clases comezarán o vindeiro martes 24 de maio e teñen previsto finalizar o 18 de xullo, o que equivale a dous meses de formación. Esta impartirase de luns a venres en horario de mañá, de 9.30 h a 14.30 h, e ten un total de 15 prazas dispoñibles.

A formación, que é totalmente gratuíta, oferta un total de 80 horas prácticas de empresa, permitindo a posibilidade de poñer en práctica as habilidades adquiridas na fase teórica. Unha oportunidade que non só favorece á súa empregabilidade senón tamén á súa consolidación dentro do mercado laboral. De feito, dende o inicio de Coruña Suma, 686 persoas acadaron un posto de traballo grazas ao proxecto, das que 414 son mulleres.

O pasado xoves 19 de maio iniciouse outro curso formativo no marco do proxecto Coruña Suma. Na rama de informática e comunicacións iniciouse o curso de xestión comercial de clientes con novas tecnoloxías, unha formación de 185 horas de duración na súa parte teórica e 40 horas na parte práctica. Dende a o 19 de maio ata o 15 de xullo impartirase a fase práctica, de luns a venres en horario de tarde (de 15.30 h a 20.30 h). Esta formación tamén é gratuíta e dispón dun total de 15 prazas dispoñibles.

Toda a formación conta cunha orientación individualizada e un módulo de Coaching laboral para a mellora das habilidades na busca de emprego. Ademais, durante os seis meses seguintes á súa finalización, realízase unha labor de acompañamento na procura de emprego.

Para acceder á formación é preciso solicitar unha cita de orientación laboral co persoal de técnico do proxecto Coruña Suma (AP-POEFE), xa que un dos obxectivos é axustar as expectativas profesionais das persoas e os sectores con maiores posibilidades de atopar emprego no Concello da Coruña.

Ademais, existe a posibilidade de que as persoas participantes nas accións formativas conten cunha axuda por asistencia se cumpren os requisitos establecidos polo Fondo Social Europeo. 

Coruña Suma forma parte da batería de medidas postas en marcha polo goberno de Inés Rey durante o actual mandato para o fomento do emprego.

Próximos cursos de Coruña Suma

O proxecto Coruña Suma ten previsto o inicio de outros 8 cursos de formación para persoas desempregadas. Ata o mes de setembro comezarán os seguintes cursos:

  • 1 de xuño. Servizo básico de restaurante e bar.

  • 13 de xuño. Nutrición e dietética en xeriatría.

  • 7 de xullo. Rexistros contables.

  • 11 de xullo. Programación orientada a obxectos con JAVA.

  • 14 de xullo. Técnicas administrativas básicas de Oficina.

  • 26 de xullo. Alteracións dexenerativas, demencias e Alzhéimer.

  • 1 de setembro. Técnicas de recepción e comunicación.

  • 15 de setembro. Xestión comercial de clientes con novas tecnoloxías.

A información do proxecto Coruña Suma pode consultarse na seguinte ligazón: https://www.coruna.gal/emprego/gl/coruna-suma.

Pódese solicitar tamén información chamando ao Centro Municipal de Emprego dos Rosales (981 184 399) ou mandando un e-mail a coruna.suma@coruna.gal

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión