Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de decembro de 2022

O Obelisco Millenium volverá acenderse o venres 30 de decembro nun acto aberto con concertos e badaladas, anticipando a chegada do 2023

Inés Rey: “2022 foi o ano da recuperación do orgullo e a ambición de cidade”

A alcaldesa fixo balance do ano, destacando a consecución de AESIA como cume da consolidación da cidade como referente nacional

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, fixo balance esta mañá do ano político, destacando os asuntos máis importantes levados a cabo polo Goberno municipal ao longo do ano. "2022 foi o ano da recuperación do orgullo e a ambición de cidade e será recordado como o ano no que desbloqueamos grandes proxectos pendentes, apostando pola recuperación económica e a consolidación dun novo modelo de cidade", sinalou a rexedora.

Rey destacou o comezo dos traballos neste 2022 de tres grandes proxectos pendentes dende hai décadas: o dragado da ría do Burgo, o enlace ferroviario a Punta Langosteira e a construción da estación intermodal. "O inicio das obras destes tres proxectos non tería sido posible sen o diálogo do Goberno municipal con todas as administracións, antepoñendo os intereses de todos os coruñeses e coruñesas". Tamén destacou que a xestión do actual goberno foi a que permitiu que tamén neste 2022 se levase a cabo a apertura do Centro Deportivo do Castrillón, outro proxecto pendente desde hai máis de 10 anos" explicou. 

A recuperación económica foi outro dos eixos sinalados pola rexedora no balance de xestión. Neste ano 2022 o Concello da Coruña aprobou un total de 677 licencias, unha media de 56 por mes que permitirán a construción de 500 novas vivendas e a rehabilitación de 150. "Ademais batemos récords de licitación de obra pública, desenvolvendo só en 2022 ata 77 actuacións en todos os barrios da cidade, a maioría delas xa executadas, e entre as que destaca a reurbanización de Xuxán ou a licitación do Mercado de Monte Alto" sinalou. 

Tamén destacou a captación de fondos europeos que ascenden a máis de 30 millóns de euros xunto co programa de emprego Coruña Suma, a través do que 901 persoas procedentes de colectivos vulnerables acadaron un posto de traballo. A rexedora subliñou a consecución da AESIA dentro da estratexia de reactivación económica, "a Axencia suporá un impulso económico para a nosa cidade, favorecerá á xeración de emprego e a captación de talento, ademais de consolidarnos como polo tecnolóxico de Galicia e colocarnos de novo na vangarda europea".

Rey asegurou que a política social foi un dos sinais de identidade do seu goberno poñendo como exemplo que "este ano aprobamos bonificacións do 50% de rebaixa das taxas municipais para as familias numerosas e monoparentais, e a conxelación das taxas no 2023 para toda a cidadanía". Ademais, o Concello da Coruña foi unha das primeiras cidades en solicitar ao Ministerio de Transportes a bonificación do 30% no autobús urbano, unha medida que favorece o uso do transporte público e que se complementa coa bonificación do 60% ao estudantado universitario da UDC.

Neste sentido, Inés Rey fixo referencia ao incremento nun 16% das becas comedor ou a oferta de prazas de campamentos, con 945 prazas máis que o pasado ano. Tamén destacou a posta en marcha de proxectos pioneiros como a Oficina Municipal de Atención ao Pobo Ucraíno (OMAPU) ou o Programa Norte para a prevención de conductas autolesivas na mocidade, así como a instalación, por primeira vez, dos puntos violetas como espazo seguro e de prevención de violencias machistas.

A alcaldesa referiuse ao 2022 como "o ano de consolidación dun modelo de cidade que aposta por máis espazo para os cidadáns, máis zonas verdes e espazos de lecer" destacando algunhas actuacións como as das rúas Compostela e Alcalde Marchesi ou o corredor verde de Novo Mesoiro, "xa abertas á cidadanía gañando máis de 10.000 metros cadrados para o uso cidadá e mobilidade peonil". 

A rexedora anunciou que o novo servizo de BiciCoruña conta desde hoxe con 32 novas estacións xa que se acaban de habilitar tres novas: Orillamar, Avenida de Pablo Picasso e Canceliña ampliando a rede de estacións e mellorando o servizo que conta xa con máis de 280.000 usos no que vai de ano e 6.000 novos usuarios, "cifras que dan conta do éxito do sistema" apuntou. Melloras na mobilidade que se complementaron coa nova app da Tarxeta Millenium, con máis de 16.000 usuarios activos.

Inés Rey situou a recuperación do orgullo de cidade como un dos piares máis importantes neste mandato. "Este ano ano foi tamén no que comezamos a recuperar o orgullo e liderazgo de cidade, sendo sede de grandes eventos internacionais como o cumio Hispano-Alemán, xiras musicais internacionais, eventos culturais de relevancia nacional como o Ano María Casares ou eventos nacionais que seleccionaron a nosa cidade para a súa celebración como o Día da Policía Nacional" explicou.

Tamén sinalou como mostra dese orgullo a recuperación de espazos emblemáticos como os xardíns de San Carlos, o Copacabana, a Praza do Humor ou Cabaliños de Méndez Núñez. "21 anos despois traemos de novo os cabaliños dándolle unha nova dimensión social como xa fixeramos co Quiosco da Praza de Ourense. Unha recuperación dos símbolos que culminaremos co acendido do Millenium o vindeiro día 30, volvendo a ser esa Coruña cosmopolita e de guía que fomos" expuxo Rey.

Inés Rey rematou lembrando a importancia dos acordos e o diálogo como piar da acción do goberno. "Neste mandato levamos 194 asuntos debatidos no pleno, dos cales 193 foron  aprobados, 166 sen votos en contra e 65 por unanimidade. Cifras que amosan a vontade de diálogo deste goberno" explicou. Situando a consecución da AESIA "como exemplo do diálogo e apoio entre as diferentes administracións e como cume da consolidación da cidade como referente nacional".

Acendido do Obelisco Millenium

Rey anunciou que o vindeiro venres 30, ás 22.30h terá lugar un acto de acendido que contará coas actuacións de De la O e Garufa Blues Band e con badaladas ás 00h para dar entrada ao 2023. 

"Celebraremos o regreso do Millenium nunha gran cita con actuacións musicais e a participación de diferentes axentes da cidade e poranse a disposición da cidadanía autobuses lanzadera dende a Praza de Pontevedra para facilitar os desprazamentos". 

A alcaldesa aproveitou para convidar a toda a cidadanía a sumarse á celebración do ano novo. "Despois de 11 anos sen funcionar, o Obelisco Millenium volverá a ter luz o mesmo día que foi inaugurado hai 20 anos, unha data que quedará para a memoria de todos os coruñeses e coruñesas".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión