Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de setembro de 2022

Participan 27 estrelas Michelin, con 160 expositores e showcooking en sete escenarios

Inés Rey: “A Coruña é o epicentro nacional do sector gastronómico con este foro de referencia internacional”

A cidade herculina é cita obrigada para chefs e sumilleres no Galicia Fórum Gastronómico, que se celebra ata o martes

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá a inauguración do Galicia Fórum Gastronómico, que se celebra ata o martes 27 en Expocoruña. A cidade volve a acoller outra edición do maior evento do norte de España neste  sector, cos máis prestixiosos chefs e sumilleres. A Coruña celebra esta cita de gran interese e repercusión mediática tanto no ámbito nacional como no internacional, cita obrigada no sector, coa presenza de 27 estrelas Michelín, 160 expositores e sete escenarios para exhibicións e degustacións. 

Este foro converteuse nun evento de repercusión global, un punto de encontro imprescindible para os profesionais do food service no noroeste da península celebrándose as súas catro últimas edicións na Coruña. Contribúe, ademais, ao desenvolvemento do sector turístico gastronómico, clave na cidade herculina. "A Coruña é o epicentro nacional do sector gastronómico con este foro de referencia internacional", sinalou Inés Rey.

Ata o martes pasarán pola Coruña chefs da talla de Ángel León, Jordi Cruz, Javier Olleros, Diego Guerrero, Vicky Sevilla, Lucía Freitas ou Pepe Solla. Esta edición baséase na sustentabilidade como eixo temático e, ademais dos showcooking dos mellores cociñeiros, contará con espazos destinados a gastronomía líquida, con importantes novidades como a primeira Batalla de Sumilleres do Wine Circus e o primeiro Cocktail Bar Fórum. Tamén conta cun espazo de restauración para gozar de distintas opcións gastronómicas.

"Este 2022 está sendo o ano da Coruña. Estámonos a consagrar como unha gran potencia, capaz de atraer a milleiros de persoas grazas ao seu indubidable atractivo turístico. Isto non sería posible sen unha parte fundamental da nosa cidade: a súa gastronomía", apuntou Inés Rey. A rexedora quixo facer fincapé na importancia que ten a unión existente entre os diferentes axentes da cidade.

Máis que un evento gastronómico

Ademais de exhibir as tendencias e avances no sector gastronómico, este foro está concibido como unha feira para profesionais e como un gran centro de formación, un evento ambicioso, no que colabora o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, que conta co apoio de 35 empresas patrocinadoras e un gran equipo humano.

Por Expocoruña pasarán referentes do sector na cidade como Iván Domínguez (Nado), Kike Vázquez & Ana Señarís (Terreo), Javier Freijeiro & Moncho Barjo (Pracer) ou Adrián Felípez (Taberna de Miga). 

Tamén haberá espazos como o Auditorio, o Ágora e o FórumLab, nos que se darán a coñecer a través de cociñeiros, mestres de sala, sumilleres e empresarios as últimas novidades do sector e achegarse á diversidade de estilos que cohabitan na cociña, con relatoras de primeiro nivel, sesións temáticas de máxima especialización e presentacións de produtos e servizos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión